sábado, 4 de agosto de 2018

FIN DAS VIII XORNADAS INTERNACIONAIS

Debido a algúns problemas no blog non o puidemos manter actualizado coas actividades nas que participamos así que agora imos retomar todas aquelas actividades que realizamos ao longo do pasado mes de xullo.
En primeiro lugar destacar a oitava edición das Xornadas Internacionais que celebramos do 2 ao 15 de xullo e que este ano tivo como convidado a Catriel Pehuén (Argentina), bronce nos Campionatos Panamericanos e prata nos Campionatos de América do Sur dos pesos pesados.
Pra nós ter a Catriel foi unha gran alegría pois este deportista comezou a facer loita neste club co que chegou a ser Campión de España de grecorromana e da Copa de España dos pesos pesados. Para poder competir internacionalmente foise ao seu país de orixe no que lle deron a oportunidade de adestrar e formarse no CENAR como parte do equipo nacional arxentino, sendo así como chegou a obter os resultados dos que agora falamos. Actualmente é un deportista de elite que se adica profesionalmente ao deporte e pasa a maioría do ano concentrado en Daghestán (Rusia) cuna dos mellores loitadores do mundo en busca da clasificación olímpica polo que é moi difícil poder contar con el para actividades fóra do continente americano ou Rusia. É así que consideramos que a súa presenza nas xornadas foi moi interesante e unha grande oportunidade.
Durante as xornadas aproveitamos para ultimar a preparación tanto de Cuba como do propio Catriel de cara ao Gran Premio de España que se disputou en Madrid o 15 de xullo e no que Cuba non puido garantirse o bronce por unha lesión no xeonllo.
Tamén aproveitamos para traballar con Carlos Yobani no seu camiño ao europeo júnior de Roma que se celebrou a primeiros de agosto.
Esta actividade, como todos os anos estivo aberta a todos os deportistas que quixeran achegarse a Vilalba para adestrar con nós,  se cabe non foi tan numerosa como en pasadas edicións debido a que estivo moi orientada  á preparación de grandes citas e os adestramentos foron de bastante intensidade.
Dependendo dos recursos dispoñibles a final de ano tentaremos facer unha nova fase destas xornadas con outro deportista de nivel mundial para que máis deportistas podan aprender con nós.

Ningún comentario: