luns, 30 de maio de 2022

VILALBA CAMPIONA DA LIGA DE DEPORTE BASE


O noso club rematou Campión da Liga Galega de Deporte de Base tras a xornada final que tivo lugar este sábado no Pavillón Municipal de Oira de Ourense. Tras clasificarnos para a esta fase final no Grupo A na Xornada Norte do pasado mes de abril, enfrontámonos aos 6 primeiros clasificados nas súas respectivas fases clasificatorias. En total xuntáronse preto de 300 loitadores de toda Galicia de máis de 10 clubs, sendo o noso o máis numeroso con 43 deportistas, 7 delas rapazas, mostra do contínuo avance que está a ter a loita feminina.

Con 149 puntos superamos ao segundo clube, tan numeroso coma o noso, o Keltoi de Vila de Cruces e acadamos un primeiro posto que nos fixo moita ilusións despois duns anos postpandemia tan complicados.

O equipo estivo composto por compoñentes das escolas municipais de loita dos concellos de Vilalba e Xermade e tamén contamos co reforzo de Boris e Petro Reshentniak, dous nenos ucranianos aos que o destino trouxo a Vilalba escapando da guerra de Ucrania.

mércores, 18 de maio de 2022

CUBA ACADA O 18º TÍTULO DE CAMPIÓN DE ESPAÑA ABSOLUTO


 O pasado 14 de maio tiveron lugar en Xixón os Campionatos de España de loitas olímpicas nos que o noso deportista acadou o seu histórico 18º título nacional da máxima categoría. Jose Cuba continúa a competir ao ritmo e nivel que require estar no máis alto da competición e este título o mantén outro ano máis nos cadros do equipo español para desputar as principais competicións internacionais.

Xa son 20 anos competindo en alto nivel e subindo ao máis alto do podio nacional case que de maneira consecutiva agás nas dúas ocasións nas que non puido competir por lesións.

Está claro que Cuba quere seguir agrandando o palmarés e facendo historia durante uns anos e no club estaremos encantados de acompañalo ate onde el decida, pois ten demostrado que é bo merecedor do apoio que precise.