domingo, 27 de decembro de 2015

FESTA HQR DE PONTEVEDRA

Varios loitadores lucenses acudiron onte a esta nova edición da Festa HQR de Pontevedra para desputar o xa tradicional campionato de peche de tempada.
Entre eles queremos destacar os primeiros postos de Nicolás López (Lugo) en menos de 125 kg sénior, Roberto Díaz (Vilalba) en menos de 58 kg Cadete, Yago López (Vilalba) en menos de 100 kg Cadete e Laura Arias (Rábade) en menos de 55 kg Cadete Feminino.
Xa rematada esta tempada os nosos deportistas tormarán uns días de descanso coa mirada posta nos campionatos galegos do mes de xaneiro, proba determinante para poder participar nos estatais de 2016.
Norabaoa a todos e felices festas!!

martes, 22 de decembro de 2015

CONCENTRACIÓN COA SELECCIÓN ESPAÑOLA ESCOLAR E CADETE NO CGTD DE PONTEVEDRA

 Os loitadores vilalbeses Carlos Yobanni García e Roberto Díaz Orosa foron convocados para participar na concentración dos equipos españois da categoría cadete que se celebrou esta semana no Centro Galego de Tecnificación Deportiva de Pontevedra.
Os vilalbeses estiveron baixo as ordes de Francisco Barcia e Oscar Sánchez, respectivos seleccionadores das modalidades de libre olímpica e de grecorromana. Ademáis dos seleccionadores, os nosos deportistas contaron coa axuda dos técnicos de apaio das seleccións españolas, Antonio García (Jaén) , Roberto Cano(Barcelona) e Nicolás Castro, este último tamén de Vilalba.
Con esta actividade, xa son 7 as concentracións deportivas nas que os deportistas das categorías inferiores puideron participar, todo isto non sería posible sen as facilidades e apoio tanto da federación galega como da federación española de loita. Ambas entidades traballaron duro para traer á nosa terra as actividades dos equipos españois, facilitando a presenza de moitos loitadores galegos.

VI XORNADAS INTERNACIONAIS DE LOITAS OLÍMPICAS


Máis de 70 deportistas participaron na sexta edición das xornadas deportivas de loitas olímpicas de Vilalba que este ano tivo como convidado a Francisco Sánchez Parra. O adestrador balear é o mellor loitador español de loita libre tras acadar o bronce nos campionatos de Europa na categoría de menos de 55 kg e a clasificación para os Xogos Olímpicos de Beijin 2008. Como adestrador tamén temos que destacar os éxitos acadados con Karima Sánchez, campiona de Europa cadete e medallista no mundial júnior. Por todo isto e moitísimo máis, Francisco acaba de recibir a medalla ao mérito deportivo do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte.
A pesares da falla de recursos, agardamos poder manter esta actividade no noso calendario xa que son moitos os adestradores e deportistas que amosaron o seu interese por acompañarnos nas futuras edicións.
O venres 11 os máis pequenos das escolas de Vilalba e Xermada participaron nunha sesión dirixida polo campión balear na que  predominaron os xogos e as habilidades de iniciación. O venres tamén se levou a cabo unha sesión dirixida aos máis maiores nos que Fran amosou algúns dos trucos que lle deron tantos éxitos.
O sábado houbo dúas sesións de mañá e tarde e ademáis de ampliar o traballo anterior, tivemos a sorte de poder compartir adestramento cos compañeiros de Asturias e doutros clubs galegos como o Pontevedra, Keltoi de Vila de Cruces, Stellae, Rábade, Lugo e Touro.
En xeral todos os participantes amosáronse contentos co resultado das xornadas e insistiron e repetir convidando a Fran Sánchez para próximas edicións.
VER MÁIS FOTOS

mércores, 2 de decembro de 2015

CATRIEL PEHUEN TRIUNFA EN AMÉRICA

Hai preto de dous meses cansado de falla de oportunidades laborais e deportivas a pesares do esforzo e adicación coa que acostumaba a traballar en cada proxecto que emprendía, o noso loitador decidiu emprender a aventura americana voltando á terra da súa orixe convencido de que o destino lle reservaba outros plans que non se atopaban no languidecer lucense.
Catriel Pehuén naceu na Arxentina, en Distrito Federal o 10 de xaneiro de 1993. Con apenas oito anos chega a Valencia no seo dunha familia que busca novas oportunidades, pero non sería ata os 18 anos cando  chega a Vilalba e comeza a practicar loitas olímpicas neste clube.
Acostumados á presenza no noso clube de pesos pesados de primeiro nivel, non foron os seus máis de 190 cm nin os seus preto de 110kg nun rapaz de 18 anos o que máis nos chamou a atención. O que nos fixo ver a un rapaz diferente foi a súa adicación, entusiasmo e ambición en cada adestramento. Para el nunca remataba a sesión, sempre quería facer máis e aprender cousas novas. Dende o primeiro día a derrota non o deixaba impasible, había que buscar unha resposta a cada punto perdido e para calquera que traballe na competición sabe que isto é o piar fundamental do éxito. Catriel o tiña.
A pesares dos seus progresos apenas podía participar en competicións ao non contar coa nacionalidade española, algo que cambiou cando a Federación Española permitiu a participación dos residentes nas competicións oficiais de ámbito estatal. E é así como este ano proclamouse campión da Copa de España e Campión de España en menos de 130 kg en loita grecorromana. Aínda así este sería o máximo ao que podería aspirar pois a falla dunha nacionalidade que non da chegado non lle permite participar en enventos de carácter internacional.
Consciente disto e convencido de que a loita é a súa pasión, decide facer as maletas e probar sorte na súa terra de orixe.
Era difícil saber que todo lle sairía así e aínda ten moito polo que  loitar, pero de momento acaba de proclamarse Subcampión Sudamericano en libre olímpica 125 kg e o estado arxentino concedeulle unha beca económica mensual e unha praza de residente no CENARD (Centro Nacional de Alto Rendemento Deportivo) coa Selección Arxentina. Esta fin de semana medirase nunha proba clasificatoria para poder formar parte do ciclo preolímpico para Río 2016. Si todo lle sae ben agarda poder representar a Arxentina en menos de 130 kg grecorromana nos clasificatorios e quen sabe, igual este modesto club conta con dous deportistas nos Xogos de Río 2016.
Desexámoslles toda a sorte do mundo porque a merecen!!

domingo, 29 de novembro de 2015

BRONCE DE JOSE CUBA NO 41 TORNEO INTERNACIONAL HENRI DEGLANE DE NIZA

O vilalbés José Cuba puxo o broche á magnífica representación dos loitadores vilalbeses nas citas internacionais deste fin de semana. Neste caso foi no prestixioso torneo internacional Henri Deglane de Niza (Francia) onde o noso deportista acadou o bronce na categoría de menos de 125kg, o que supón un bo inicio de tempada coa vista posta nos clasificatorios para os Xogos de Río no 2016.
Cuba non foi o único galego  convocado pola selección española para a cita gala, Damián Iglesias do Club Touro en menos de 97, Noelia Lalín  do Keltoi de Vila de Cruces en menos de 72 kg e Lydia Pérez do Club Pontevedra en menos 58 kg formaron parte da delegación española con 16 loitadores e capitaneados polo seleccionador Francisco Sánchez e o técnico de apoio Vicente Lillo.
O éxito do vilalbés non foi o único destacando o ouro de Levan Metriveli en menos de 57 kg, a prata de Juan Pablo González na mesma categoría e a prata de Irene García en menos de 58 kg.
Noraboa a todos e ánimo para seguir traballando!!


ÉXITO DOS LOITADORES LUCENSES NO GRAND SLAM DE BRAGA

Esta tarde varios loitadores da provincia participaron co Clube El Castro de Vigo no Grand Salm Internacional de Braga colleitando unha morea de podios en tódalas idades e categorías.
Por parte do Club Vilalba destacar os ouros da categoría cadete de Roberto Díaz en menos de 58kg e de Yago López en menos de 85kg. Carlos Yobanni García conformouse co bronce en menos de 63 kg. Na cateogoría senior Ramón Monasterio tamén acadou o ouro dominou a categoría de menos de 97 kg mentras que Pablo Chao non puido loitar polas medallas en menos de 86 kg.
Por parte do Club Rábade tamén houbo unha gran participación destacando o ouro de Martín Vázquez na categoría senior en menos de 86 kg. Na categoría cadete a prata de Cristian Pena e o bronce de Gergana Dimitrova completaron os éxitos dos compañeiros de Rábade.
O outro ouro da provincia veu da man de Nicolás López do Clube Lugo que dominou a categoría de menos de 125 kg.
Sen dúbida unha gran cita de pretempada para os nosos deportistas polo que queremos agradecer ao Clube El Castro de Vigo por convidarnos a formar parte do seu equipo para esta competición.

domingo, 8 de novembro de 2015

ADESTRAMENTOS EN VILALBA

Como cada fin de semana varios deportistas doutros clubs galegos acoden a Vilalba para adestrar de maneira conxunta e axudar aos nosos deportistas a acadar unha maior experiencia. Este fin de semana os adestramentos estiveron dirixidos polos adestradores vilalbeses Nicolás Castro e Jose Luís Puentes.

VIDEO: Os mellores momentos da concentración de loita libre olímpica feminina

venres, 6 de novembro de 2015

CONCENTRACIÓN COA SELECCIÓN ESPAÑOLA FEMININA DE LOITA

O pasado 24 de outubro tivo lugar no CGTD de Pontevedra unha concentración deportiva da categoría cadete na que os nosos mozos deportistas puideron compartir experiencias coa selección española feminina de loitas olímpicas que tantos éxitos está a dar á loita española. O equipo feminino dirixido por Francisco Barcia compartiron cos loitadores galegos algúns dos secretos cos que acadáronse o ouro no europeo cadete de Karima Sánches, a prata de Raquel Rama ou o bronce olímpico de Maider Unda.
Sen dúbida unha experiencia moi positiva para os xóvenes loitadores vilalbeses que participaron na actividade.

xoves, 17 de setembro de 2015

ALGÚNS MOMENTOS DO MUNDIAL SENIOR DE LAS VEGAS


JOSE CUBA PERDE EN PRIMEIRA ROLDA NO MUNDIAL DE LAS VEGAS

O vilalbés José Cuba non tivo moitas oportunidades de loitar polos postos de clasificación olímpica no Mundial de Las Vegas tras enfrontarse en primeira rolda co turco Taha Akgul.
A pesares de ter un difícil sorteo nun grupo no que terían que enfrontarse 3 campións mundiais, o vilalbés mantiña a esperanza de chegar á loita polos metais que lle daría o pase directo aos Xogos Olímpicos de Río 2016. Sen embargo tras caer en primeira rolda ante o turco e colocarse na repesca polo bronce trala chegada deste á final, tampouco puido superar ao armenio Levan Berianidze no primeiro enfrontamento da repesca.
Posíblemente a baixa actividade deportiva do pasado ano lle pasou factura á hora de competir.
Agora terá que esperar ao 15 de abril para desputar o primeiro clasificatorio europeo que terá lugar en Zrenjanin Serbia.
Moita sorte e ánimo!

luns, 31 de agosto de 2015

CONCETRACIÓN EN LAS VEGAS PARA PREPARAR O MUNDIAL DE SETEMBRO

O vilalbés José Cuba atópase concentrado en Las Vegas para ultimar a súa preparación de cara á participación no mundial senior que se celebrará na cidade americana a próxima semana.
Cuba viaxou a Nevada a pasada semana xunto co resto da selección española e permanecerá alí ata o próximo día 12 de setembro, data na que disputará a súa categoría coa intención de clasificarse para os próximos Xogos de Río 2016.
A pesares da dificultade de acadar a clasificación nesta xornada, o vilalbés atópase moi animado para tentar colocarse nos primeiros postos. O equipo español presenta un papel moi competitivo que de seguro garantirá a presenza dalgún dos nosos deportistas nos próximos Xogos Olímpicos de Brasil.
Sorte a todos!!

IMÁXENES DOS LOITADORES MÁIS NOVOS NO MUNDIAL JUNIOR DE BRASISL


domingo, 16 de agosto de 2015

CAMPIONATO DO MUNDO JUNIOR BRASIL 2015

Estase a disputar en Salvador o mundial de loitas olímpicas das nosas xóvenes promesas júniors.
SECUENCIAS DE LOITA GRECORROMANA
SECUENCIAS DE LOITA FEMININA (As mulleres máis duras do planeta):

mércores, 29 de xullo de 2015

JOSE CUBA REMATA 7º EN POLONIA

O vilalbés ven de participar no XXIV Memorial Waclawa  Ziólkowskiego que se celebrou en Varsovia a pasada fin de semana e no cal tomou parte xunto ao resto da selección española.
Cuba que gañou o primeiro enfrontamento contra o polaco Kosciolek, perdeu na segunda rolda ante o ruso Kushkhov por superioridade técnica non podendo repescar na loita polo bronce ao caer ruso ante o georgiano e á postre gañador Petriashvili.
Cuba acadou así un 7º posto no derradeiro torneo antes do próximo mundial de Las Vegas do mes de setembro.

xoves, 16 de xullo de 2015

CONCENTRACIÓN ABSOLUTA NA CAR DO CSD DE MADRID

José Cuba continúa concentrado coa selección española nas instalacións do CSD de Madrid coa intención de preparar varias citas internacionais antes do mundial absoluto de Las Vegas a primeiros de setembro.  En Madrid, Cuba atópase acompañado doutro vilalbés. Nicolás Castro como membro do corpo técnico da selección española atópase na capital do estado axudando na preparación de José así como do resto dos deportistas concentrados.
Na concentración tamén participan os deportistas doutras seleccións como a de China ou  Canadá, constituíndo unha grande oportunidade para os nosos deportistas.

CONCENTRACIÓN CADETE EN CABEZA DE MANZANEDA

Os vilalbeses Roberto Díaz Orosa e Carlos García Yobanni foron seleccionados para a concentración preparatoria dos Campionatos de Europa Cadete de Loitas Olímpicas. Os vilalbeses viaxaron a Cabeza de Manzaneda para axudar á preparación de Omar Rodríguez (Sabarís de Baiona) e Carmen Salgado (Pontevedra) de cara a súa participación no europeo cadete que se celebrará na cidade Serbia de Subótica.

domingo, 12 de xullo de 2015

CUBA 3º NO GRAN PREMIO DE ESPAÑA

O vilalbés consegue o prezado bronce no prestixioso Gran Premio de España de Loitas Olímpicas que acaba de celebrarse esta fin de semana en Madrid. O evento que reuníu a máis de 400 loitadores das principais potencias mundiais no deporte, ademais de ser unha das principais probas do calendario europeo grazas ao esforzo da Federación Española, constitúe a primeira clasificación dos loitadores españois de cara ao proceso preolímpico  dos Xogos de Río 2016.
Cuba na categoría de 125 kg libre olímpica comezou perdendo por superioridade técnica ante o representante estadounidense Nick Gwiazdowski, pero a pesares do mal comezo e don non atoparse na mellor das formas, soubo repoñerse e vencer na repesca ao representante de Polonia e subcampión mundial Junior Kamil Kosciolek por 8-0 e xa na loita polo bronce ao iraní Mehdi Gombadani por 14-12.
O equipo español pechou o palmarés de preseas coa prata do catalán Hector Rodríguez en libre olímpica menos de 96 kg, o Ouro de de Taimuraz Friev en menos 86 kg e os bronces en libre feminina de Karima Sánchez en menos de 53 kg e a incombustible Maider Unda en menos de 75 kg.
Con este bronce o noso deportista clasifícase para o Mundial de Las Vegas do mes de setembro como primeira proba clasificatoria para os Xogos de Río 2016. Cuba, ao que lle acaban de destinar no perído de prácticas como policía nacional en Lugo co obxectivo de poder compaxinar a vida laboral coa súa preparación para os Xogos Olímpicos, agarda recuperar a forma e poder cumprir o tan desexado soño olímpico.
Esta mesma semana os directivos e técnicos do clube comezarán unha campaña para recaudar fondos entre as institucións e empresarios locais para poder restablecer os adestramentos diarios cun adestrador profesional, concentracións con sparrings estraxeiros e viaxes ás principais competicións preparatorias. A este esforzo haberá que sumar a iniciativa particular dun conxunto de  empresarios da capital lucense que organizarán diferentes actos co obxectivo de recaudar os fondos necesarios para que o noso Titán poda representarnos a todos en Río o próximo verán. Unha iniciativa que demostra o aprecio que se lle ten ao noso deportista máis internacional e que nos deixa sen palabras.
Noraboa e ánimo a Cuba e moitas grazas a todos os que nos últimos tempos estades a demostrarnos que o esforzo deste campión non pasa desapercibido!!
VER RESULTADOS COMPLETOS

venres, 10 de xullo de 2015

CUBA NO MELLOR GRAN PREMIO DE ESPAÑA

Esta fin de semana terá lugar no Pavillón do CSD de Madrid unha cita de  primeiro orde mundial, e é que a Federación Española, a pesares da crise e as dificultades para manter a actividade de alta competición, presenta unha das citas europeas máis importantes deste ano. Parte dos mellores equipos do mundo mediranse este sábado na capital do estado e continuarán cunha concentración internacional de primeiro orde mundial.
O Vilalbés José Cuba xunto con Damián Iglesias (Touro) e Lydia Pérez (Pontevedra), Sara Viéitez (Vigo), Noelia Lalín (Lalín) e Pablo García (Pontevedra) serán parte da representación galega no equipo español.
No evento participarán preto de 600 deportistas dunha representación de países como ALEMANIA, ARMENIA, AUSTRIA, AZERBAIYAN, BRASIL, BIELORUSIA, CANADA, CAMERUN, COLOMBIA, DINAMARCA, ECUADOR, ESLOVAQUIA, ESPAÑA, GEORGIA, GRAN BRETAÑA, GUINEA BISSAU, ISRAEL, ISLAS MAURICIO, ITALIA, KAZAKHSTAN, MADAGASCAR, MONGOLIA, NORUEGA, POLONIA, POTUGAL, PUERTO RICO, RUSIA, SENEGAL, SUDAFRICA, SUECIA, SUIZA, TCHAD, TURQUIA, UCRANIA, VENEZUELA ou USA.

Podedes ver o torneo en directo nos seguintes enlaces:

3 VILALBESES CONCENTRADOS NO CGTD DE PONTEVEDRA ENTRE OS MELLORES DE GALICIA

Acaba de rematar a concentración  de xóvenes talentos organizada pola Federación Galega de Loita e DA no CGTD de Pontevedra co obxectivo de seleccionar aos mellores aspirantes de cara ser becados no centro para a próxima tempada.
Carlos Yobanni García, Roberto Díaz Orosa e Yago López Fernández están entre o candidatos a entrar no centro á espera do número de prazas dispoñibles e de que cumpran coas súas obrigas académicas.
Ademáis das propias normas do CGTD, tanto a FGL como o clube son esixentes en canto ao cumprimento das obrigas académicas por parte dos seus deportistas. Para poder participar nas nosas actividades requírese o compromiso por parte dos deportistas dun esforzo por compaxinar estudos e deporte.

xoves, 18 de xuño de 2015

CUBA CAE ANTE O ESLOVACO GAGLOEV NOS XOGOS EUROPEOS DE BAKÚ

 Trala euforia de onte polo bronce da loitadora vasca Maider Unda en loita feminina menos de 75 kg, tocáballe ao vilalbés José Cuba estrearse nos 1º Xogos Europeos de Bakú, a primeira gran cita da tempada. Sen embargo, o vilalbés non puido pasar da primeira rolda caendo ante o representante eslovaco (Gagloev) por puntos técnicos (6-0).
A categoría estivo dominada polo turco Akgul Taha que venceu na final ao bieloruso Alexei Shemarov. Os bronces foron para o georgano Petriashvili e o acerí Magomedov.
A próxima cita importante e xa clasificatoria para os Xogos de Río será o mundial de Las Vegas. Agardamos que Cuba poda preparse para o evento e teña posibilidades de obtar a unha das prazas olímpicas.

PÁXINA XOGOS EUROPEOS

domingo, 7 de xuño de 2015

GALICIA CAMPIONA NO XIX TORNEO RGCC DE XIXÓN


O equipo galego de loitas olímpicas ven de acadar o primeiro posto no XIX Torneo do RGCC de Xixón que se celebrou este sábado no pavillón Guillermo García de Xixón.
Na categoría cadete, o equipo galego estivo composto por 5 deportistas, 3 dos cales foron deportistas do club vilalbés.
A competición que foi por equipos ao estilo da liga estatal de clubs, permitiu concentrar a varias das nosas promesas e enfrontarse a algúns dos mellores españois das súas categorías.
En menos de Carlos García quedou no primeiro posto  en cadete menos de 56 kg e tras gañar ao tamén vilalbés Roberto Díaz Orosa que tivo que conformarse co 3º posto tras gañar 3 dos seus enfrontamentos e perder únicamente ante o seu compañeiro de equipo.
En menos de 85 kg cadete representounos Yago López que se fixo cun segundo posto.
O equipo galego estivo dirixido por Rubén Méndez de Viladecruces e Jose Luís Puentes de Vilalba que fixeron unha magnífica labor aos mandos dun equipo moi novo que ademais dos vilalbeses estivo composto por Damián Iglesias (Touro), Pablo García (Pontevedra), Maceiro e Jesús Gonçalves (Keltoi) e José Martínez (Stellae).
Tras a competición os nosos deportistas tiveron a oportunidade de facer unhas sesións de adestramento dirixidas polo seleccionador estatal de libre olímpica e libre feminina Francisco Barcía. Barcia tentou darlles algúns dos consellos e trucos que tan bos resultados están a dar á loita española nos últimos anos.
Agardamos que desfrutasen e aproveitasen ben a oportunidade.
Noraboa a todos!!

domingo, 10 de maio de 2015

RAMÓN MONATERIO PRIMEIRO CAMPIÓN GALEGO DOS PESOS PESADOS DE LOITA TRADICIONAL

O vilalbés Ramón Monasterio ven de proclamarse como primeiro campión galego dos pesos pesados de loita tradicional galega. O evento tivo lugar nun acto simbólico na Estrada tras a xornada final de deporte de base.
A competición disputouse en 3 categorías dominadas por Gonçalves en lixeiros, Pablo García nos medios e Ramón Monasterio nos pesados, e a pesares de que non houbo moitos participantes, agardamos que sirva para oficializar o máximo evento da nosa loita tradicional e que sirva para que conflúan nesta modalidade practicantes doutros deportes de combate ou simplemente interesados neste deporte secular que tivo un grande apoxeo no país galego en tempos pasados.

O XERMADE-VILALBA REMATA EN 6º LUGAR DO XOGADE



 Esta fin de semana celebrouse no Pavillón Municipal de A Estrada a fase final da Liga de Deporte Base de Loitas Olímpicas que reuníu a máis dun centenar de deportistas dos 10 equipos que se clasificaron para as finais A e B.
O Xermade-Vilalba cun equipo de 17 deportistas rematou no 6º posto da Final A por detrás do  Cidade de Vigo (1º), Atila (2º), Ayude (3º), San Ignacio de Vigo (4º) e o Keltoi de Vila de Cruces (5º).

Na Final B, na que se desputaron os postos do 7º ao 10º  dominou a clasificación O Castro de Vigo (7º), o Kuzushi de Vigo (8º), o Lugo (9º) e o Stellae de Compostela (10º).
O equipo das escolas deportivas Xermade-Vilalba estivo composto por:



1. Hector Somoza (Vilalba).               10. Nicolás González (Vilalba).
2. Jesús Prado (Vilalba).                     11. Xoel López (Xermade)
3. Carlos Merodio (Xermade).            12. David González (Xermade).
4. Rubén Sandomingo (Vilalba)         13. Luis Pena (Xermade)
5. Martín Pena (Vilalba)                     14. Samuel García (Vilalba)
6. Hugo Ares (Xermade)                    15. Adán Blanco (Xermade)
7. Fermín Sanz (Vilalba)                    16. José Barrio (Vilalba)
8. Raúl Sanz (Vilalba)                        17. Sarai Paz (Xermade)
9. Aroa Blanco (Xermade).

O adestrador e responsable do equipo foi Jose Luis Puentes e contou coa axuda de Ramón Monasterio, Carlos Yobanni e Roberto Díaz para coordinar aos nosos deportistas durante esta xornada lúdica e deportiva.
Aproveitamos para agradecer aos pais e nais que asistiron ao evento e que nos están a achegar as felicitacións polo traballo feito e de como desfrutaron os seus fillos e fillas, tamén dicirlles que é un pracer traballar cun grupo de nenos e nenas que veñen cada día con tanta ilusión á clase de loita.
Noraboa e mil grazas a todos!!


martes, 5 de maio de 2015

VILALBA-XERMADE PARTICIPARÁ NA FINAL A DO XOGADE


ROBERTO RÍAZ OROSA CAMPIÓN DO INTERNACIONAL TAÇA ALADS DE PORTUGAL



O vilalbés Roberto Díaz ven de proclamarse campión do Torneo Internacional Taça Alads de Portugal que se celebrou este sábado no pavillón municipal de Moita.
Varios deportistas vilalbeses viaxaron á capital portuguesa como integrantes do Clube El Castro de Vigo para participar na prestixiosa cita internacional. Os compañeiros de El Castro tiveron a amabilidade de convidar a varios clubs galegos para conformar un equipo conxunto moi competitivo que acabou por convertirse no gran triunfador do evento ao gañar tódalas categorías por equipos.
A este triunfo, ademáis de Roberto, contribuíron outros vilalbeses como Carlos García Yobanni ou Yago López que trouxeron para Vilalba sendas pratas nas súas correspondentes categorías.
Esta é a segunda cita internacinal para Roberto e a primeira para Carlos e Yago e de seguro que lles servirá de moito de cara ao futuro, polo que queremos agradecer aos compañeiros do Clube El Castro e dun xeito moi especial a Florencio Pintos por darnos a posibilidade de acompañalos neste evento.
Moitas grazas e noraboa a todos!!

luns, 27 de abril de 2015

SAMUEL GARCÍA E GEORGANA DIMITROVA CAMPIÓNS NO XV TROFEO NACIONAL DO KUZUSHI


 Os equipos de Vilalba e Rábade participaron no XV Trofeo Nacional do Clube Kuzushi de Vigo no que participaron varios equipos galegos ademais doutros equipos do estado e portugueses.
Os equipos estiveron conformados por 3 deportistas do Vilalba e 4 do Rábade, e capitaneados por Jose Luís Puentes foron capaces de acadar dúas medallas de ouro e un bronce.
Os ouros foron conquistados polo vilalbés Samuel García Miragaya en alevín masculino e pola rabadense Georgana Dimitrova en escolar libre feminina que ademais foi galardoada co premio á mellor loitadora do torneo.
O bronce chegou da man do rabadense Christian Pena en libre olímpica júnior menos de 66 kg.
O resto dos vilalbeses e rabadenses non puideron subir ao podio ao caer en primeira rolda sen oportunidade de repesca.
Moitas grazas aos compañeiros do Clube Kuzushi por convidarnos a participar neste clásico tan importante no noso calendario.
Noraboa a todos e a seguir traballando¡¡¡

domingo, 19 de abril de 2015

O EQUIPO VILALBA-XERMADE PRIMEIRO NA XORNADA NORTE DO XOGADE

O equipo Vilalba-Xermade ven de clasificarse no primeiro posto por equipos na Xornada Norte de Deporte Base de Loitas Olímpicas do programa XOGADE que se disputou este sábado no Pavillón "Infanta Elena" de Lugo en xornada de mañá.
En total participaron 6 equipos con máis de 100 nenos e nenas entre os 6 e os 12 anos e que gozaron e fixeron gozar aos asistentes cos seus primeiros pasos no deporte da loita.
A pesares de que esta actividade ten unha maior compoñente lúdica, os 3 primeiros equipos clasificados en cada xornada pasan á final B que se celebrará na Estrada o próximo 9 de maio, e outro ano máis o Vilalba-Xermade disputará entre os 6 mellores clubs galegos a final A.
A clasificación final por equipos foi a seguinte:
1º- Loita Olimpica Vilalba 111 pts.
2º- Escola Ayude de Melide. 99 pts
3º- Club De Loita Keltoi Cruces 94pts.
4º- Lugo Loita Olímpica 45pts.
5º- Loita Stellae 40pts.
6º- Club de Loita Rábade. 34pts.

O noso equipo estivo dirixido polo noso adestrador Jose Luís Puentes e contou coa colaboración de Ramón Monasterio e Carlos Yobanni García para axudar aos 22 deportistas desprazados á capital lucense.
O equipo estivo formado polos seguintes integrantes das escolas deportivas de Xermade e Vilalba:
  • Hugo Ares Barros (Xermade).
  • José Barrio Vilasuso (Vilalba).
  • Samuel García Miragaya (Vilalba).
  • David González López (Xermade).
  • Luis Pena Doce (Xermade).
  • Martín Pena Lamas (Vilalba).
  • Fermín Sanz Cendán (Vilalba)
  • Raul Sanz Cendán (Vilalba).
  • Aroa Blanco Prieto (Xermade).
  • Marta de Bernardo Eimil (Xermade).
  • Sabela Gómez Ares (Xermade).
  • Uxía Gómez Ares (Xermade).
  • Carlos Merodio Coira (Xermade).
  • Sarai Paz Prieto (Xermade).
  • Uxía Pena Basanta (Xermade).
  • Jesús Prado Rodríguez (Vilalba).
  • Samuel Prieto Hernández (Xermade).
  • Adrián Ramil García (Xermade).
  • Héctor Somoza García (Vilalba).
  • Nicolás González Díaz (Vilalba).
  • Xoel López Roibás (Xermade9.
  • Adán Blanco Pardo (Xermade).
Os compañeiros do Lugo e Rábade deron unha mostra do bo traballo que están a facer Pablo Pintos e Marcos Carral nas súas escolas a pesares dos resultados, nos que prima o número de nenos e nenas inscritos. Como xa dixemos o importante é que os nosos rapaces e rapazas o pasen ben e desfruten de facer deporte.
Noraboa a todos e agardamos que todos o pasaran ben que é o que buscan estas actividades.

PRATAS PARA ROBERTO DÍAZ E JOSÉ CUBA NO CAMPIONATO DO MEDITERRÁNEO

Os vilalbeses convocados pola selección española para desputar o Campionato Internacional do Mediterráneo celebrado en Madrid este sábado lograron sendas pratas contribuíndo ao éxito do equipo estatal na clasificación final.
Roberto Díaz Orosa en 50 kg libre olímpica Cadete alzouse co segundo posto tras vencer a Jonathan García e perder na final ante o actual campión de España Oscar Izaguirre.
Pola súa banda, José Cuba Vázquez en 125 kg libre olímpica Sénior gañou en primeira rolda co portugués Joao Mimoso e en semifinais co grego Aris Theodoroudis. Na final non puido batir ao tamén grego e bronce mundialista Ioannis Arzoumanidis que se impuxo por puntos técnicos.
Queremos destacar os éxitos dos outros galegos convocados para a cita mediterránea como foron o bronce de Omar Rodríguez (Sabarís) en cadete libre olímpica menos de 63 kg, ouros de Carmen Salgado (Pontevedra) e Judith Varela en cadete libre feminina menos de 52 kg e menos de 65 kg, o bronce de Iris Miguélez (Pontevedra) en cadete libre feminina menos de 60 kg e o bronce de Damián Iglesias (Touro) en sénior libre olímpica menos de 97 kg.
Noraboa a todos e a traballar para as próximas citas!!

domingo, 12 de abril de 2015

JOSE CUBA E CATRIEL PEHUÉN DOMINAN OS PESOS PESADOS DA COPA DE ESPAÑA

Vilalba estase a convertir no bastión dos pesos pesados da loita española, e é que tras gañar os pasados campionatos de España absolutos hai apenas 15 días, José Cuba 125 kg Libre Olímpica e Catriel Pehuén 130 kg Grecorromana, repiten o éxito subindo ao máis alto do podio na Copa de España que ven de celebrarse na capital do estado.
En total o equipo galego alzouse con 4 ouros, ademais dos de Cuba e Pehuén do Vilalba tamén conseguiron o prezado metal Lydia Pérez (Pontevedra) e Sara Viéitez (San Ignacio). Damián Iglesias (Touro) e Noelia Lalín (Keltoi) chegaron á final tendo que conformarse cunha meritoria prata que os afianza como uns dos favoritos nas súas respectivas categorías.
A próxima cita importante será o internacional Campionato do Mediterráneo que de novo dará cita na capital madrileña aos mellores loitadores dos países mediterráneos. Unha boa proba para Jose Cuba de cara a avaliar o  seu estado de forma de cara aos preparatorios para o Mundial de Las Vegas en setembro. Cuba estará acompañado de Roberto Díaz Orosa que, na categoría cadete,  participará por primeira vez nun internacional deste nivel. Pehuén pola súa banda non poderá estar no Campionato do Mediterráneo por atoparse aínda cos trámites para arranxar a súa nacionalidade.
Noraboa e boa sorte a todos nas próximas citas¡¡

domingo, 5 de abril de 2015

CONCENTRACIÓN INTERNACIONAL DE TORRE DEL CAMPO

Hoxe regresan os nosos deportistas da concentración internacional de loitas olímpicas de Torre del Campo (Jaén), na que participaron varios equipos de España, Italia e Hungría.
Os nosos cadetes liderados por Jose Luís Puentes puideron compartir experiencias e adestramentos cos mellores loitadores doutros estados na busca da mellora do seu rendemento deportivo de cara ás próximas citas deportivas.
A nosa presenza nesta actividade foi grazas á intermediación de Nicolás Castro que posibilitou a invitación da Antonio Jimenez, responsable da actividade e do Club Power de Torre del Campo.
Durante unha semana máis de 50 deportistas adestraron baixo a supervisión do propio Antonio Jimenez e de adestradores de recoñecido prestixio internacional como o Italiano Michele Liuzzi, xa coñecido polos vilalbeses pola súa presenza nas pasadas Xornadas Internacionais de Loitas Olímpicas de Vilalba.
Esta semana formalizaremos a inscripción de Roberto Díaz Orosa para participar no Campionato do Mediterráneo dentro de 15 días.

domingo, 29 de marzo de 2015

RAMÓN MONASTERIO PRATA NO CAMPIONATO DE ESPAÑA JUNIOR DE LOITAS OLÍMPICAS

O vilalbés Ramón Monasterio non puido repetir neste campionato de España júnior o  acadado na pasada tempada no estatal cadete. Aínda así temos que felicitalo pola meritoria prata que ven de acadar no seu primeiro ano nesta categoría.
Ramón que superou nas rondas preliminares a Modesti (Cataluña), Andraka (Madrid) e Salazar (Castela León) non deu superado na final ao andaluz Manuel Rama, que de novo alzouse co título na categoría de menos de 96 kg.
Ramón é unha das grandes promesas da loita galega e sen dúbida este segundo non posto daralle a oportunidade de participar nalgúns dos eventos internacionais cos equipos galego e español.
A nosa provincia tamén contou coa presenza das xóvenes promesas do clube Rábade contribuíndo ao primeiro posto acadado pola selección galega. Angel Campo e Georgana Dimitrova loitaron polo bronce acadando sendos 5º postos e Christian Pumares que chegou ás seminifinais acadando un 7º posto.
A partir de agora comezaramos a traballar para preparar a participación dos nosos xóvenes nas próximas citas internacionais  convocados polas federación galega e española.
Noraboa a todos e ánimo para seguir co traballo

NICOLÁS CASTRO TESTIGO DOS DOUS QUINTOS POSTOS NO MUNDIAL SUB 23 DE POLONIA


O vilalbés Nicolás Castro no seu papel de seleccionador español acaba de chegar de Walbrzych (Polonia) cos 5º postos de Daniel Rama Escribano en menos de 86 kg e de Juan Pablo González en menos de 57 kg que perderon no último momento na loita polo que serían uns históricos bronces.
O galego Damián Iglesias en menos de 97 kg e Marina Rueda en menos de 53 kg, a pesares da súa boa actuación, non conseguiron chegar á loita polas medallas.
Segundo a opinión de Nicolás, o futuro dos resultados da loita española está asegurado con esta nova xeración de talentos aos que ten a oportunidade de dirixir en cada torneo internacional.
Agardamos que Vilalba poda estar á altura do resto da loita estatal e que os nosos deportistas continúen a estela de José Cuba ou o propio Nicolás facendo a este recuncho do país galego máis internacional.
Noraboa a todos¡¡

domingo, 15 de marzo de 2015

6 MEDALLAS NOS CAMPIONATOS DE LOITAS OLÍMPICAS DAS CATEGORÍAS SENIOR E CADETE

Aínda que non fumos capaces de repetir o éxito da pasada tempada, temos que dicir que outra vez máis a provincia de Lugo resultou parte fundamental do éxito da selección galega que ven de proclamarse Campiona de España por autonomías en Libre Olímpica e Libre Feminina Cadete, 3ª en Grecorromana Cadete e Libre Olímpica Senior e campiona en Libre Feminina Senior.
E aínda que na sección de loita femina non puidemos aportar moito -sendo este un aspecto sobre o que estamos a traballar para mellorar-, na sección masculina foron fundamentais os 6 metais acadados polos loitadores vilalbeses así como os quintos postos dos compañeiros do Club Rábade.
Cos dous ouros na categoría absoluta de José Cuba en 125kg Libre Olímpica, o de Catriel Pehuén en 130kg Grecorromana, e os bronces en cadete de Roberto Díaz en menos de 50 LO, Carlos Yobanni García en menos de 54 kg LO, Yago López Fernández en menos de 85 kg LO e Caique de Meneces en menos de 63 kg GR, Vilalba casi fai un pleno de medallas de non ser pola derrota de Pablo Chao en menos de 74 kg LO Senior que caeu na primeira rolda ante Vereda de Castela a Mancha sen darlle opcións de repesca.
No éxito galego tamén foron decisivos os 5º postos de Christian Pumares en menos de 76 kg LO Cadete, Christian Pena en menos de 58 kg GR Cadete e Angel Campo en menos de 100 kg GR Cadete. Martín Vázquez, tamén do Rábade, caeu en primeira rolda en menos de 84 kg LO senior quedando sen opción de repesca e polo tanto fora da loita polas medallas.
Queremos destacar e felicitar dun xeito moi especial a Vladimir Zernov (Club Stellae, 43 kg Cadete LO), Omar Rodríguez (Club Sabarís, 63 kg LO Cadete) e Damián Iglesias (Club Touro, 96 kg LO Senior) polos ouros acadados nas súas categorías.
Noraboa a todos!!

mércores, 11 de marzo de 2015

VILALBA E RÁBADE NOS CAMPIONATOS DE ESPAÑA DE LOITAS OLÍMPICAS

Este venres sairán cara a Madrid os loitadores vilalbeses  e rabadenses xunto ao resto dos deportistas galegos para desputar os campionatos de España das categorías Cadete e Senior. Vilalba aspira a reeditar o título de Campión de España cadete por clubs que xa acadou en varias edicións, a última no pasado campionato de España, para iso contará en Madrid con Roberto Díaz Orosa (campión de España Escolar e Cadete no 2013), Carlos Yobanni García (Campión de España Escolar e Cadete no 2013), Yago López Fernández (Campión galego Escolar e Cadete no 2014) en libre olímpica e Caique de Meneces (subcampión galego cadete en libre olímpica en campión en grecorromana no 2014) que viaxará en grecorromana ao non poder clasificarse en libre olímpica no pasado campionato galego.
Rábade tamén tentará acadar o máis alto do podio ao presentar 3 grandes promesas deste deporte, Christan Pena, Christian Pumares e Angel Campo tentarán levar para Rábade os seus respectivos ouros.
Na categoría senior, aínda que contamos coa baixa de José Luis Puentes, queda nas mans de José Cuba (libre olímpica 120 kg), Pablo Chao (Libre Olímpica 74 kg), e Catriel Pehuén (grecorromana 130 kg) o subir ao máis alto do podio para que Vilalba poda clasificarse de novo para fase final da Liga Estatal de primeira división de loitas olímpicas.
Cuba tentará acadar o seu 12º título estatal, mentras que Pablo e Catriel buscarán dar a sorpresa para clasificar a Vilalba no máis alto do podio.
Martín Vázquez do Rábade será o outro loitador que tentará dar a sorpresa en libre olímpica menos de 84 kg.
O ano pasado Vilalba acadou 5 títulos de campións de España, o título por clubs en cadete libre olímpica e subiu ao podio noutras categorías, agardamos que este ano sexa igual ou mellor.
Moita sorte a todos!!

CONCENTRACIÓN PREPARATORIA PARA OS CAMPIONATOS DE ESPAÑA SENIOR E CADETES

Este sábado tivo lugar no CGTD de Pontevedra a concentración das seleccións galegas de loita que participaràn nos próximos campionatos de España. máis de loitadores galegos dende escolar a senior concentráronse baixo as ordes dos diferentes seleccionadores para ultimar aspectos técnicos e tàcticos que lles axuden nas próximas citas estatais.
Esta tempada Vilalba contarà con 9 deportistas representándonos nos estatatais, aínda que à concentración pontevedresa só acudiron 6 deles xunto a outros 4 compañeiros do Ràbade, o que garante unha nutrida representación lucense nos campionatos de España de tódalas categorías.
O próximo fin de semana serà o turno das categorías senior e cadete, mientras que os junior e escolares teràn que agardar a principios de abril para medirse na máxima cita do estado.

domingo, 1 de marzo de 2015

NOVO ÉXITO DA LOITA LUCENSE NOS GALEGOS ESCOLAR E JUNIOR

Onte disputáronse no pavillón do Restollal de Compostela os campionatos galegos das categorías Escolar e Júnior e de novo a nosa provincia voltou a colleitar gran parte das preseas en xogo. En total acadáronse entre os club de Vilalba e de Rábade 16 medallas sendo o clube vilalbés o que se alzou como campión galego na categoría júnior tanto na modalidade de libre olímpica como de grecorromana, e con istes xa son 4 os títulos de campión galego por clubs que acada o Vilalba tras os primeiros postos no cadete e o senior da hai 15 días.
Os principais resultados foron os seguintes:
VILALBA:
  • Yago López Fernández: ouros en libre olímpica e grecorromana en menos de 85 kg escolar.
  • Roberto Díaz Orosa: ouros en libre olímpica e grecorromana en menos de 50 kg júnior.
  • Carlos Yobanni García: bronce en grecorromana e prata en libre olímpica en menos de 55 kg júnior.
  • Caique de Meneces: pratas en libre olímpica e grecorromana en menos de 66 kg júnior.
  • Ramón Monasterio: Ouro en libre olímpica e prata en grecorromana en menos de 96 kg júnior.
RÁBADE:
  • Gergana Dimitrova: ouro en libre feminina en menos de 57 kg escolar.
  • Laura Pena: prata en libre feminina en menos de 48 kg júnior.
  • Christian Pumares: bronces en libre olímpica e grecorromana en menos de 74 kg júnior.
  • Angel Campo: bronce en libre olímpica e ouro en grecorromana en menos de 84 kg júnior.
Temos que lembrar que participamos cuns equipos moi novos, xa que agás Ramón Monasterio que é unha das principais bazas para acadar o ouro nos próximos estatis, o resto dos deportistas que participaron no júnior pertencen aínda á categoría cadete.
Agora a preparar os próximos estatais que terán lugar en Madrid dentro de 15 días.
Noraboa  e sorte a todos.



luns, 16 de febreiro de 2015

A FGL CORRIXE A CLASIFICACIÓN POR EQUIPOS NO RECONTO DAS PUNTUACIÓNS.

Acabamos de recibir a corrección do reconto dos puntos na clasificación por equipos deste pasado campionato galego cadete na modalidade de libre olímpica. Na clasificación por equipos aparecían en primeior lugar o Sabarís, en segundo o San Ignacio e no terceiro posto o compañeiros de Rábade. Tras o reconto definitivo tras un erro nas puntuacións o terceiro posto por equipos pasa a ser do Vilalba quedando os dous primeiros de maneira invariable. O Rábade a pesares de ter un campión e varios medallistas pasaría á 5ª posición por detrás do Stellae de Nicolás Castro.
Finalmente a clasificación por equipos para os clubs lucenses foi a seguinte:

VILALBA:

  • Primeiro posto en Cadete Masculino Grecorromana.
  • Terceiro Posto en Cadete Masculino Libre Olímpica.
  • Primeiro posto en Senior Libre Masculino Olímpica.
  • Segundo posto en Senior Masculino Grecorromana.
RÁBADE:
  • Segundo posto en Cadete Masculino Grecorromana.
  • Terceiro posto en Cadete Feminino.
Tamén temos que correxir os resultados de Caique de Meneces que acadou un ouro en cadete grecorroman en menos de 63 kg e non unha prata como puxemos na nova anterior.

Moitas grazas e desculpade as molestias.

sábado, 14 de febreiro de 2015

JOSE CUBA COMEZA A SÚA PREPARACIÓN CLASIFICATORIA DESPUTANDO O GALEGO

VER EDICIÓN EN CASTELLANO
 O vilalbés José Cuba tomou o campionato galego de hoxe como o punto de partida para a súa preparación para os clasificatorios para os Xogos Olímpicos de Río 2016. Cuba que xa desputou o Grand Prix de París hai 15 días e no que acadou o 9º posto, impúxose hoxe no evento que se celebrou no CGTD de Pontevedra.
Este luns comezará un complexo programa de prepración deportiva que lle axude a acadar o máximo rendemento de cara ao próximo mundial de Las Vegas, pero antes terá que superar o requisito dos campionatos de España que terán lugar a mediados de marzo en Madrid.
Na capital do estado Cuba verase acompañado doutros loitadores vilalbeses como Pablo Chao que hoxe tamén se impuxo na súa categoría ou Francisco Monasterio que dominou os pesos pesados na modalidade de grecorromana.