xoves, 15 de decembro de 2022

XV XORNADAS INTERNACIONAIS DE LOITAS OLÍMPICAS


Nesta edición contamos coas loitadoras galegas da Selección Española Lydia Pérez (Pontevedra) e Nerea Pampín (Vila de Cruces) que fixeron un alto na súa preparación para achegarse a facer un adestramentos cos nenos e coas nenas do noso clube. Lydia e Nerea acaban de chegar de Italia onde permaneceron concentradas nestas últimas semanas e nuns días regresarán á Francia para concentrarse coa selección española previa a súa participación no Internacional Henry Deglane de Niza (Francia) e logo os Ranking Series de Zagreb (Croacia) de federación internacional, nos que se enfrontarán as mellores loitadoras do ranking mundial. 

Antes de continuar coa súa preparación no CGTD de Pontevedra da man do vilalbés Marcos Miragaya, achegáronse a compartir experiencias cos equipos de Benxamíns e Alevíns do noso club. Ao redor de 50 loitadores e loitadoras vilalbesas das categorías inferiores puideron aprender novas técnicas e os movementos preferidos das loitaras galegas.

Pola mañá, Lydia e Nerea participaron nunhas sesións de educación física no CEIP Insua Bermúdez de Vilalba no que varios grupos achegáronse a coñecer este deporte.

Esta edición das Xorandas Internacionais patrocinadas pola Deputación de Lugo, que en pasadas edicións contaron con campións mundiais e medallistas olímpicos,  contaron por primeira vez coa presenza de loitadoras como convidadas, o que reflexa o auxe da loita feminina que está a vivenciar este deporte en España e a nivel internacional.

Todos os nenos e as nenas do club quedaron maravillados das nosas mellores loitadoras e a súa presenza supón un impulso para a práctica da loita entre as rapazas, un  sector en auxe na maioría dos clubs galegos.

sábado, 26 de novembro de 2022

COPA MAIDER UNDA

 

 Este sábado 26 tivo lugar na localidade euskera de Barakaldo o Torneo Maider Unda que acolleu a centos de loitadores e loitadoras de toda España para participar no torneo homenaxe á nosa única medallista olímpica.

A terras vascas co equipo galego viaxaron varios loitadores que adestran en Vilalba. O máis novo foi Bruno Pintos que acadou o Bronce na categoría Benxamín en menos de 45 kg. Na categoría escolar tivemos a Boris Reshetniak que acadou o 5º posto en menos de 57 kg na categoría Escolar. E en sénior tiveos a Catriel Pehuén que domiñou a categoría dos pesos pesados. Catriel forma parte do equipo nacional arxentino e despois de acadar o segundo posto nos Campionatos Sudamericanos acaba de instalarse coa familia en Vilalba co obxectivo de preparar a clasificación para os Xogos Olímpicos de París. O arxentino ven de residir en Daghestán (Rusia) onde se preparaba con algún dos mellores loitadores do Mundo e a súa chegada a Vilalba será unha boa oportunidade para a loita vilalbesa e para deportistas como Cuba e futuros pesos pesados que agora se inician no noso deporte.

sábado, 19 de novembro de 2022

TORNEO VILLA DE GIJÓN

O pasado 19 de novembro varios dos nosos deportistas viaxaron a terras asturianas formando parte da Selección Galega para participar no Torneo Villa de Gijón e no que o equipo galego acadou o 3º posto.

Na categoría Alevín tivemos a  Bruno Pintos, Aldán Balbona e Hèctor Somoza en menos de 45 kg na que Hèctor acadou o bronce  e a Enrique Seoane en menos de 60 kg, onde tamèn se fixo co bronce. Na categoría escolar tivemos a  Boris Reshetniak que tamèn acadou o bronce en menos de 57 kg. A participación dos nosos deportistas foi moi meritoria ao loitar todos eles nunha categoría de idade superior á súa, e a pesares de que a diferenza de idade foi evidente, todos eles fixeron unha gran actuación, incluso subiron ao podio.

Ao equipo vilalbès o acompañou Arkadi Ilemetov, recoñecido e condecorado adestrador ucraniano que chegou a Vilalba  coa súa familia como refuxiados da guerra e  que se atopa colaborando coa escola vilalbesa. Ilemetov ten 30 anos de experiencia como adestrador profesional en Ucrania e ademáis de contar con varias deportistas medallistas europeas foi campión do Mundo de Veteranos no 2019.



luns, 30 de maio de 2022

VILALBA CAMPIONA DA LIGA DE DEPORTE BASE


O noso club rematou Campión da Liga Galega de Deporte de Base tras a xornada final que tivo lugar este sábado no Pavillón Municipal de Oira de Ourense. Tras clasificarnos para a esta fase final no Grupo A na Xornada Norte do pasado mes de abril, enfrontámonos aos 6 primeiros clasificados nas súas respectivas fases clasificatorias. En total xuntáronse preto de 300 loitadores de toda Galicia de máis de 10 clubs, sendo o noso o máis numeroso con 43 deportistas, 7 delas rapazas, mostra do contínuo avance que está a ter a loita feminina.

Con 149 puntos superamos ao segundo clube, tan numeroso coma o noso, o Keltoi de Vila de Cruces e acadamos un primeiro posto que nos fixo moita ilusións despois duns anos postpandemia tan complicados.

O equipo estivo composto por compoñentes das escolas municipais de loita dos concellos de Vilalba e Xermade e tamén contamos co reforzo de Boris e Petro Reshentniak, dous nenos ucranianos aos que o destino trouxo a Vilalba escapando da guerra de Ucrania.

mércores, 18 de maio de 2022

CUBA ACADA O 18º TÍTULO DE CAMPIÓN DE ESPAÑA ABSOLUTO


 O pasado 14 de maio tiveron lugar en Xixón os Campionatos de España de loitas olímpicas nos que o noso deportista acadou o seu histórico 18º título nacional da máxima categoría. Jose Cuba continúa a competir ao ritmo e nivel que require estar no máis alto da competición e este título o mantén outro ano máis nos cadros do equipo español para desputar as principais competicións internacionais.

Xa son 20 anos competindo en alto nivel e subindo ao máis alto do podio nacional case que de maneira consecutiva agás nas dúas ocasións nas que non puido competir por lesións.

Está claro que Cuba quere seguir agrandando o palmarés e facendo historia durante uns anos e no club estaremos encantados de acompañalo ate onde el decida, pois ten demostrado que é bo merecedor do apoio que precise.


domingo, 13 de marzo de 2022

VILALBA 2ª NA XORNADA NORTE DE DEPORTE BASE

Despois de case 3 anos sen competicións de deporte base os maís pequenos volveron facernos disrutar dunha das competicións que máis nos gustan aos e ás afeccionados á loita. Este sábado tivo lugar no Pavillón Municipal de deportes de Lugo a Xornada Norte de Deporte Escolar de loitas olímpicas que xuntou a clubs de Lugo, centro de Pontevedra provincia, A Coruña, Ourense e Asturias.

En total máis de 150 nenos e nenas tentaron demostrar o aprendido nestes meses despois de dous anos de parón demostrando as gañas que todos tiñamos de volver ao tapiz.

O noso equipo desprazouse a Lugo cun equipo de 32 deportistas (8 nenas e 24 nenos) acadando 0 2º posto por equipos por detrás do Ayude de Santiso. Os 3 primeiros clasificados poderán participar na Final A da Xornada Final de Deporte Base que terá lugar no próximo mes de maio.

Máis aló do resultado, estas actividades buscan que os mais pequenos e pequenas podan participar independentemente do seu nivel e tempo de adestramento e xunto á boa organización fan que este tipo de eventos sexan  cada vez máis numerosos.

luns, 31 de xaneiro de 2022

BEKBOL ONGGAROV CAMPIÓN GALEGO JÚNIOR

O compostelán Bekbol Onggarov acadou sendos ouros nas modalidades de libre olímpica e grecorromana nos Campionatos Galegos da categoría júnior que veñen de celebrarse este sábado no pavillón municipal de Santa Isabel en Santiago de Compostela.

Bekbol foi o único loitador do club no campionato debido ás baixa de varios dos nosos deportistas por confinamentos relacionados coa Covid. 

Este é a primeira proba para os júnior neste 2022 e que lles sirve de pasaporte para os próximos Campionatos de España que terán lugar este mesmo mes de febreiro e no que Bekbol tentará domiñar a categoría de menos de 74 na modalidade de libre olímpica.