domingo, 31 de xaneiro de 2016

CUBA RETÍRASE NO PRIMEIRO ASALTO POR LESIÓN

O vilalbés José Cuba ten que retirarse na primeira rolda do Torneo Internacional de París por unha lesión no ombreiro. Cuba que estaba enfrontándose  ao georgiano Zuriko Urtashvili  co marcado en contra, tentou no minuto e medio do primeiro asalto unha técnica para remontar os catro puntos de diferenza. A contundente defensa do georgiano ante a mala posición do noso deportista provoulle a Cuba a saída do ombreiro esquerdo, lesión que o incapacitou para continuar na competición.
Tras as primeiras atencións médicas agora teremos que agardar ao seu regreso para coñecer o alcance da lesión e si esta lle apartará definitivamente de loitar pola clasificación olímpica.
Agora tócalle o turno ao resto de galegos desprazados a París, Noelia Lalín (Keltoi), Sara Viéitez (San Ignacio), Damián Iglesias (Touro) e Lydia Pérez (Pontevedra) tentarán dar a sorpresa nun dos torneos de maior prestixio en Europa.

sábado, 30 de xaneiro de 2016

NOVO ÉXITO DA LOITA LUCENSE NOS CAMPIONATOS GALEGOS DAS CATEGORÍAS SÉNIOR E CADETE


O progreso da loita lucense faise patente cos novos éxitos acadados polos nosos deportistas na edición dos campionatos galegos de loitas olímpicas das categorías cadete e sénior que acaban de celebrarse no pavillón municipal de Vila de Cruces (Pontevedra).
Na categoría cadete destacar o pleno de ouros dos loitadores vilalbeses, Roberto Díaz (menos de 54kg), Carlos García Yobanni (menos de 58 kg) e Yago López (menos de 100kg) subiron ao máis alto do podio con doblete incluído tanto en libre olímpica como na modalidade de grecorromana. Na categoría senior foi Ramón Monasterio (menos de 125kg) o que acabou de sumar outro ouro para o equipo de Vilalba. Adrián Imedio (menos de 61kg) e Pablo Chao (menos de 86kg) culminaron a festa de preseas para Vilalba cunha prata e un bronce respectivamente.
Na clasificación por equipos Vilalba rematamos no segundo posto na modalidade de grecorromana e terceiros en libre olímpica na categoría cadete e outro bronce en libre olímpica na categoría senior.
O Clube de Loita Rábade asinou unha das súas mellores participación nuns campionatos galegos destacando os ouros de Laura Arias en menos de 52 kg cadete e Jonathan Pernas en menos de 85 kg  cadete tanto en libre olímpica como grecorromana. Pola súa banda, Cristian Pena alzouse coa prata en en menos de 63 kg cadete tamén ambas modalidades , Gergana Dimitrova co bronce en menos de 65 kg cadete, bronce que tamén acadou Cristian Pumares en menos de 74 kg senior tanto en libre olímpica como grecorromana.
O loitador do Clube de Loita Lugo, Nicolás López (menos de 130 kg) trouxo outro ouro máis para a provincia na modalidade de grecorromana senior.
Agora, moitos dos nosos deportistas porán a vista nos próximos campionatos de España Senior e Cadete que se terán lugar o próximo 20 e 21 de Febreiro en Murcia.
VER MÁIS FOTOS

martes, 12 de xaneiro de 2016

XORNADA TECNIFICACIÓN VILALBA 9 DE XANEIRO

Este sábado día 9 realizamos outra xuntanza de tecnificación e rendemento de loitas olímpicas en Vilalba coa vista posta na participación dos nosos principais deportistas nas próximas citas nacionais e internacionais. Máis de 30 deportistas dos clubs Stellae de Santiago, Rábade, Pontevedra, Lugo, Touro e Vilalba xuntáronse baixo as ordes de Nicolás Castro.
Estas xornadas son moi positivas para os nosos deportistas de cara a preparar as principais citas da tempada.