luns, 17 de decembro de 2018

SERGEI PRIADUN EN VILALBA

O dúas veces subcampión de Europa e campión do Mundo militar estará dúas semanas adestrando en Vilalba. Sergei, que xa estivo varias veces combidado en Vilalba, traballará co obxectivo de mellorar a táctica dos principais loitadores vilalbeses e de todos aqueles que queiran achegarse á nosa vila para compartir dos coñecementos deste cualificado adestrador.
Priadun foi coñecido entre os pesos pesados pola súa destreza técnica que lle serviu para superar aos mellores loitadores do momento. Presente en dous Xogos Olímpicos desenvolve agora o seu traballo como técnico na convulsa Crimea, razón pola que nos custa tanto poder contar con el máis veces ao ano.
De cara á próxima tempada gustaríanos contar con Sergei de maneira permanente para que ocupe o posto de técnico xa que a súa presenza aquí nas pasadas ocasións sempre contribuiu á mellora dos nosos deportistas. Agora, con varios deportistas  como Ramón Monasterio ou Carlos Yobani García que acompañan a Cuba  nun sistema de adestramentos diarios coa vista posta en resultados internacionais fai necesaria a presenza dun técnico de nivel internacional.
Durante a estancia de Sergei ata o día 22, todo aquel que quera achegarse a adestrar con nós está convidado.

Carlos Yobani concentrado en Madrid coa selección Sub23

O noso deportista Carlos Yobani García rematou a súa participación na concentración internacional que ben de celebrarse no CAR do CSD de Madrid e para a que foi convocado como membro do equipo español Sub23.
Na concentración tamén participaron varios dos representates da selección de Georgia, algúns deles medallistas dos pasados europeos.
A selección española convocou aos seus integrantes co obxectivo de preparar o próximo Torneo San Blas de Madrid no que se agarda que haxa participación internacional.
De volta a Vilalba, Carlos completará a súa preparación coa axuda do ucraniano Sergei Priadun que permanecerá estas dúas semanas traballando no noso club.

CONCENTRACIÓN TECNIFICACIÓN NO CGTD

Varios dos nosos deportistas participaron na concentración de tecnificación que a Federación Galega organizou o pasado 1 de decembro no CGTD de Pontevedra e na que convocou a todos os clubs galegos para participar en dúas sesións formativas para os máis novos.
A actividade tamén se aproveitou para facer un clinic de actualización de arbitraxe dirixido ós xuíces e adestradores que precisan actualizarse sobre os novos cambios regulamentarios.

domingo, 16 de decembro de 2018

CONCENTRACIÓN ESTATAL JÚNIOR

Os vilalbeses  Samuel García e Carlos Yobani participaron na concentración estatal júnior que se celebrou do 24 ao 29 de novembro no CAR do CSD de Madrid. Os nosos deportistas foron convocados pola federación española co obxectivo de aumentar o número de actividades formativas de cara á próxima tempada que será moi especial polo europeo júnior que acollerá a cidade de Pontevedra.
Os nosos deportistas viñeron moi contentos da oportunidade que tiveron de medirse coa maioría dos medallistas dos pasados campionatos de España e que serán os principais riváis a batir nos próximos estatais do 2019.
O punto negativo o puxo a pequena lesión que Carlos sufriu nun codo durante un choque fortuíto durante o adestramento e que non lle permitíu disfrutar dos adestramentos con plenitude.

SAMUEL GARCÍA PARTICIPOU NO TRIANGULAR DE PONTEVEDRA

O vilalbés Samuel García Miragaya tivo un bo test de campo no Triangular de Pontevedra no que federación española convocou aos mellores de cada categoría. Samuel, a pesares da boa actuación, non puido superar aos representantes de Madrid e Cataluña, a categoría cadete fíxose un pouco dura para o noso deportistas que aínda é escolar neste 2018.
Esta competición puxo punto final á concentración da selección española escolar e cadete que se celebrou a semana anterior no CGTD de Pontevedra e contou con preto de 30 loitadores de tódalas partes do Estado.

SAMUEL GARCÍA GAÑA O GRAN SLAM DE BRAGA

Cun pouco de retraso debido a un problema ao tentar cambiar o modelo de blog queremos informar da participación de Samuel García Miragaya no Gran Slam de Braga que se celebrou na cidade portuguesa o sábado 17 de novembro e no que o vilalbés contribuíu ao ouro acadado polo equipo galego.
Samuel gañou os 4 combates que disputou alzándose co primeiro posto, amosando a súa magnífica progresión dende a súa estancia no CGTD de Pontevedra como becado.
Noraboa Samuel e a seguir traballando.