domingo, 21 de maio de 2023

VILALBA CAMPIONA GALEGA DA LIGA DE DEPORTE BASE

 Onte tivo lugar en Santiago a Xornada Final da Liga Galega de Deporte Base na que o noso club proclamouse campiona por segundo ano consecutivo. A competición, adaptada ás características das e dos deportistas máis novos, reúne aos principais clubs galegos que forman equipos coas categorías prebenxamín, benxamín e alevín e que vanse clasificando para a Xornada Final en varias xornadas territorias previas.

Moitos dos nosos e das nosas deportistas non puideron participar na final debido á coincidencia nestas datas con outros compromisos pero a alta puntuación obtiva na Xornada Norte clasificatoria serviu de colchón para revalidar este primeiro posto.

Aos varios títulos de campións galegos e de España desta tempada sumamos agora este título que nos coloca por segundo ano consecutivo como a mellor escola de deporte base de loita en Galicia, o que da ánimos para seguir coa liña de traballo retomada trala crise sanitaria.

As próximas citas dos nosos deportistas serán o Gran Premio de España sénior e o posterior Mundial clasificatorio onde José Cuba pode culminar unha magnífica tempada para a loita Vilalbesa.


domingo, 14 de maio de 2023

JOSE CUBA ACADA O SEU DECIMO NOVENO TÍTULO DE CAMPIÓN DE ESPAÑA

O noso deportista máis destacado acaba de gañar o Campionato de España Sénior que se celebrou este sábado na localidade murciana de San Javier. Cuba, que disputou a categoría dos pesos pesados na modalidade de Libre Olímpica, acada así o seu décimo noveno título nacional absoluto sendo o loitador español con máis títulos de Campión de España. Para que nos fagamos unha idea da proeza do noso deportista so hai que pensar que moitos dos loitadores que participaron nestes campionatos de España aínda non naceran cando José Cuba gañaba o seu primeiro título de campión de España.

Esta é unha boa nova para Jose, que ven de  recuperarse dunha rotura dun dedo que o deixou sin participar no pasado Campionato de Europa.

O noso club tamén contou coa presenza de Catriel Pehuén que loitou representándonos nos pesos pesados pero na modalidade de grecorromana e que acadou unha valiosa prata para a nosa escola. Catriel fixo un gran esforzo para estar en San Javier pois ven de gañar o bronce nos Campionatos Panamericanos e representado a Arxentina, o seu país natal. O arxentino tivo a xenerosidade de desprazarse a Murcia dende Arxentina sen apanas descansar e loitando na modalidade de grecorromana, modalidade da que non é especialista, o que lle da un maior mérito a súa prata.

Agora os dous deportistas seguirán coa súa preparación en Vilalba coa vista posta no Gran Premio de España e despois o Mundial como primeira cita clasificatoria para os Xogos de París 2024.


domingo, 7 de maio de 2023

VILALBA 3ª CADETE NOS CAMPIONATOS GALEGOS DE LOITAS OLÍMPICAS


Esta fin de semana tiveron lugar no Pavillón do CGTD de Pontevedra os Campionatos Galegos de Loitas Olímpicas das categorías Cadete e Sénior nos que obtivemos varias medallas.

Na categoría cadete destacaron os ouros de Kevín Cuba en menos de 110 kg e de Boris Reshetniak en menos de 65 kg e o bronce de Xiao Seoane tamén na categoría de menos de 65 kg. As 3 medallas axudaron a que o club acadese o 3º posto por equipos na categoría cadete de Libre Olímpica.

Kevín e Boris confirman o seu bo estado de forma ao non perder ningún enfrontamento durante a tempada e gañar todos os campionatos nos que loitaron.

Na categoría sénior destaca o Ouro de José Cuba que domiñou en menos de 125 kg. Jose Luis Puentes loitou en menos de 97 kg acadando un 5º posto. Nesta categoría temos que salientar o Ouro de Martín Vázquez do Rábade que gañou a categoría.

A seguinte cita para os sénior serán os próximos Campionatos de España sénior que terán lugar na localidade murciana de San Javier na que acompañando a Cuba tamén loitará Catriel Pehuén Muriel que este sábado tamén acaba de gañar o bronce en 125 kg nos Campionatos Panamericanos que se están a celebrar en Buenos Aires. Catriel que loita por arxentina, o seu país natal, instalouse esta tempada en Vilalba despois de 6 anos adestrando en Daghestán (Rusia) co obxectivo de levar a cabo parte da súa preparación para a clasificación olímpica.