domingo, 8 de outubro de 2017

CARLOS YOBANNI ACADA O 5º POSTO EN KRÁSNIK

O noso deportista acada un meritorio 5º posto no internacional de Krasnik de Polonia tras desputar 5 enfrontamentos gañando 3 deles nun evento do máximo nivel.
Carlos caeu en primeira rolda ante o ruso Marid Dramaldinov, tendo a posibilidade de loitar polo bronce tras vencer os seus seguintes enfrontamentos ante o compañeiro de selección José Ojeda e os polacos Patrick Goluchowsky e Seweryn Birski. Na loita polo bronce caeu nun duro enfrontamento ante o representante de Ucrania Vladislav Rich.
Temos que facer unha moi boa valoración da participación de Carlos neste evento de primeiro nivel tendo en conta que aínda é júnior de primeiro ano e que se estraba nunha categoría de peso superior.
Nas próximas semanas levaremos a cabo unha valoración dos erros técnico-tácticos da man do cubano Alexis Rodríguez para tentar chegar nun estado competitivo óptimo para as principais citas do 2018.
Da actuación en Polonia tamén temos que destacar a bo desempeño de todo o combinado español e dun xeito moi especial a das loitadoras galegas Nerea Pampín (Keltoi) que acadou o bronce e Lydia Pérez (Pontevedra) que adxudicouse unha meritoria prata tras perder a final ante a bielorusia Veronika Eismant.
Noraboa a todos e a seguir preparando a tempada que logo comeza!!

mércores, 4 de outubro de 2017

CARLOS YOBANI GARCÍA LOITARÁ ESTA FIN DE SEMANA EN POLONIA

O vilalbés Carlos Yobani García Sarita acudirá convocado coa selección española ao XXVII Torneo Internacional de Krasnik (Polonia) para desputar este sábado o primeiro torneo internacional de máximo nivel da tempada.
Carlos loitará na categoría júnior en menos de 66kg probando o seu rendemento neste novo peso tras subir dende os 60 kg da pasada tempada.
Tras a súa preparación en Vilalba coa axuda do campión mundial Alexis Rodríguez agardamos que este sexa un ano moi proveitoso para o noso deportista que ten entre os seus obxectivos os campionatos de España júnior e participación dos principais campionatos internacionais no 2018.
Carlos viaxará a Polonia acompañado doutros galegos como Diego Otero, Lydia Pérez, Judith Varela e Nerea Papín.
Ánimo e moita sorte a todos!

martes, 3 de outubro de 2017

O VILALBÉS SAMUEL GARCÍA MIRAGAYA BECADO NO CGTD DE PONTEVEDRA

O loitador vilalbés acaba de comezar unha nova tempada como deportista becado no CGTD de Pontevedra onde compaxinará os adestramentos diários de loita cos seus estudos de 3º da ESO.
Samuel que leva dende o 7 anos practicando loitas olímpicas foi selecionado polos técnicos federativos tras acadar nesta tempada os títulos dos campionatos galegos nas categorías escolar e cadete.
En Pontevedra terá a oportunidade de explotar todo o seu potencial deportivo ao tempo que continúa coa súa formación, algo moi compricado para a maioría dos deportistas nas súas casas. O seu principal obxectivo para este ano é acadar o título de Campión de España da categoría escolar seguindo así os pasos doutros vilalbeses como Roberto Díaz Orosa ou Carlos Yobani García.