LOITA TRADICIONAL GALEGA


A loita libre é popular dende as primeiras civilizacións. Exípcios e babilónicos representaban en releves aos loitadores realizando as mesmas presas e habilidades que se empregan na loita olímpica moderna.
No transcorrer dos tempos os diferentes pobos foron desenvolvendo os seus propios estilos de loita facéndose difícil atopar un país no mundo  que non posúa o seu propio estilo de loita tradicional. En moitos destes países segue a manter o auxe do deporte nacional como ocurre co bohk en Mongolia, o kochti en Irán, o sumo en Xapón, o Yagli Güres en Turquía, o ssireum en Corea do Sur ou o sambo en Rusia. Os centos de estilos de loitas autóctonas aglutínanse na loita libre olímpica como a súa variante moderna de competición deportiva, convertíndoa nunha das modalidades máis practicadas do mundo.
Na península son moi coñecidas a loita leonesa ou a galfava de Portugal, pero ata os inicios do Século XX había por todo o norte penínsular una gran variedade de loitas autóctonas que gozaban dunha gran popularidade. A loita da cruz en Salamanca, as marañas e as trinchas en Zamora, a engarrucha en Cantabria, o baltu en Asturias ou a loita do roncal nos pirineos pasaron de ser o xeito en que se resolvían os conflictos rurais a formar parte das festas e celebracións manténdose vivas dende tempos prerromanos ate  inicio do Século pasado.
A loita, tumba, chimpa ou caiados son algúns dos nomes locais con que os galegos nos referiamos ao noso xeito de loitar. A súa práctica estaba asociada ás tarefas agrarias ou mariñeiras xurdindo dun xeito espontáneo nas xuntanzas festeiras e dando lugar  a un sinfín de variantes locais sen unha regulamentación fixa.
Dende hai máis dunha década o grupo da Cambadela da Estrada está a recoller rexistros orais e outras probas históricas que axuden a recuperar esta modalidade autóctona considerada xa desaparecida dende hai preto dun século. Co seu traballo conseguiron que outras asociacións e clubs como o noso adiquen parte da súa actividade a investigar e promover a loita tradicional transmitindo á mocidade a importancia da nosa cultura .