domingo, 17 de febreiro de 2019

VILALBA SUBCAMPIONA GALEGA JÚNIOR

Esta fin de semana celebráronse non pavillón do CGTD de Pontevedra os campionatos galegos de loitas olímpicas das categorías escolar e júnior. Vilalba acudiu cun equipo de 4 loitadores na catecgoría júnior despois de varias baixas de útlima hora que reduciron o equipo prácticamente á metade.
Aínda así o noso club puido subir ao podio por equipos acadando un segundo posto tras o Ouro de Samuel García Miragaya en menos de 62 kg, e as pratas de Roberto Díaz Orosa en menos de de 70 kg, Rubén Fraga Cal en menos de 74 kg e Oussama Lahnin en menos de 79 kg.
En Pontevedra tamén participaron os compañeiros do Rábade acadando un Ouro da man de Carmen Carrasco en menos de 62 kg e unha prata por parte de Jonathan Pernas en menos de 86 kg.
A próxima cita será o campionato de España sénior que se celebrará en Santiago o próximo 2 marzo e no que estarán varios dos loitadores da provincia.

domingo, 3 de febreiro de 2019

OUROS DE CARLOS E RAMÓN NO CAMPIONATO DE ESPAÑA SUB23

Esta fin de semana veñen de celebrarse os campionatos España de loitas olímpicas da categoría Sub23 na localidade madrileña de Guadalix nos que tivemos unha exitosa participación dos loitadores vilalbeses. Despois da espectacular estrea da tempada co dominio do Vilalba nos pasados campionatos galegos nos que acadamos os primeiros postos por equipos, chega agora o pleno de podios dos nosos loitadores no estatal Sub23 e o subcampionato de España por equipos na categoría.
En menos de 65 kg Carlos Yobani García acadou o Ouro impoñéndose nunha das categorías máis complicadas e consolidándose como un dos referentes da loita española das categorías previas á absoluta.
Ramón Monasterio fixo o mesmo en 97 kg pero nunha categoría menos concurrida e na que houbo importantes baixas. A pesares de que, ao noso entender, Ramón é principal favorito da categoría terá que facer un destacado papel nos próximos campionatos de España sénior ante loitadores máis competitivos se quere ter posibilidades de entrar no circuito internacional convocado co equipo español Sub23.
A participación vilalbesa remata coa plata de Oussama Lahnin en menos de 79 kg, metal moi meritorio si temos en conta que era a primeira vez que Oussama participa nun estatal. A prata de Oussama nos reafirma no potencial deste deportista que no pouco tempo que leva adestrando atópase xa integrado no equipo de competición do Vilalba que adestra tódolos días.
A representación lucense pechouse coa prata de Dafne Nogueiras do Club de Loita Lugo que baixo o asesoramento de Pablo Pintos acadou o primeiro metal feminino para o club lucense seguindo o camiño que no seu día abriron as loitadoras do Rábade.
Seguimos agora preparando os próximos campionatos galegos e de España coa vista fixa nas dúas grandes citas da tempada, o mundial absoluto clasificatorio para Tokio 2020 e o europeo júnior que este ano celebrarase en Pontevedra.