domingo, 16 de xullo de 2017

JOSE CUBA ACADA O BRONCE NO GRAN PREMIO DE ESPAÑA

O vilalbés José Cuba ven de acadar o terceiro posto no Gran Premio de España que se acaba de celebrar no Pavillón do CSD de Madrid e que contou na modalidade de libre olímpica cun centear de loitadores de 20 países diferentes.
Cuba acadou o bronce tras vencer na repesca ao canadiense Korey Jarvirs aos puntos técnicos. Previamente, o vilalbés, caeu ante o iraní Amin Taheri Jafar que tras acadar o final deulle ao noso deportista a posibilidade de loitar polo bronce. En tódolos combates puidemos constatar o bo estado de forma do noso deportista así como os progresos acadados nestas semanas de adestramento en Vilalba co campión mundial Alexis Rodríguez.
Carlos Yobani tamén tivo a oportunidade de disputar o torneo aínda que con diferente sorte. O vilalbés participou na en menos de 60 kg caendo en primeira rolda contra o sudafricano Combrink por superioridade técnica. Temos que lembrar que Carlos é aínda júnior de primeiro ano e que disputou un gran combate no que incluso chegou a puntuar.
O torneo, que outro destacou polo seu nivel, contou con finguras como os campións olímpicos do equipo estadounidense Kyle Snyder e Jordan Borroughts e outras figuras medallistas olímpicas e campións mundiais como o italiano Frank Chamizo ou o francés Zelimkhan Khadjiev.
Os nosos deportistas permanecerán agora concentrados en Madrid onde seguirán adestrando con algunhas destas figuras e de onde sairá o equipo español que participará nos próximos mundiais de París no mes de agosto.

venres, 14 de xullo de 2017

CONCENTRACIÓN NOVOS TALENTOS CGTD PONTEVEDRA

Hoxe remata a concentración de novos talentos deportivos de loitas olímpicas do CGTD de Pontevedra que durante dúas semanas mantivo concentrados aos mellores deportistas escolar e cadete con posibilidades de acceder como becados ao centro deportivo.
Rubén Fraga, Samuel García e Martín Pena foron seleccionados tras os logros acadados nos pasados campionatos galegos e de España.
Na concentración tamén participaron Carlos Yobani e Roberto Díaz, un co obxectivo de preparar o Gran Premio de España e o segundo como sparring e axudante de Carlos.
Carlos agarda poder repetir estancia no CGTD para o curso que ven mentras que o resto de vilalbeses poderán ter a posibilidade de escoller praza no centro sempre que se atopen entre as baremación deportivas máis alta e teñan todo aprobado, requisito este último indespensable para poder ter acceso ao CGTD como becado.
Independientemente de todo isto, todos eles amosaron a súa satisfacción pola experiencia e amósanse ilusionados con repetila.

martes, 4 de xullo de 2017

UN CAMPIÓN DO MUNDO EN VILALBA


O cubano Alexis Rodríguez Valera será o responsable da preparación de José Cuba de cara ao próximo Campionato do Mundo que se celebrará en París o próximo agosto. O campión mundial e bronce nos Xogos de Sydney recala de novo en Vilalba para repetir como sparring e adestrador dos varios deportistas que temos nas diferentes categorías das seleccións españolas.
O principal obxectivo desta tempada é o mundial de París, cita á que o vilalbés José Cuba quere chegar en plena forma tras a recuperación dunha grave lesión que o afastou de loitar pola clasificación para Río 2016 e que será clave para amosar aos seleccinadores estatais as súas posibilidades de clasificarse para Tokio 2020. É por iso que dende o club decidimos adicar gran parte do noso presuposto en mellorar as condicións de adestramento daqueles deportistas de alto rendemento que non dispoñen dos medios suficientes para garantir unha correcta preparación.
Deste xeito, Alexis estará con nós nunha primeira fase ata finais de agosto, data na que Cuba disputará o mundial absoluto e, de ser posible conquerir a colaboración de varias administracións, agardamos poder contar con el de xeito permanente ata os Xogos Olímpicos de Tokio 2020.
Da presencia de Alexis en Vilalba non só se beneficia Cuba como máximo expoñente da loita galega, senón que tamén  da a oportunidade de mellorar as condicións de adestramento dos nosos campións de España das categorías inferiores como Carlos Yobani, Roberto Díaz, Yago López e Ramón Monasterio así como do resto de loitadores da provincia que se achegan a adestrar con nós cada día.
E por suposto, todos aqueles que desexen compartir adestramentos cun dos grandes deste deporte pode vir as nosas instalacións cando o desexe. Estades convidados!