domingo, 24 de novembro de 2013

HISTÓRICO 3º POSTO DE VILALBA NA LIGA NACIONAL DE CLUBS

 Seguramente isto debera ser unha nova excepcional, algo que non ocorrese todos os anos. Os modestos clubs de pequenas poboacións non deberan estar na elite do deporte estatal, si os seus deportistas pero non estas entidades que nun sistema deportivo san serían o forno e plataforma dos grandes loitadores pero nunca os aglutinadores da elite. Sei que isto é difícil de entender e precisa dunha explicación pero agora quero resaltar a fazaña dos nosos heroes que se merecen toda a nosa atención.
Vilalba acudiu a Los Narejos (Murcia) posiblemente co equipo máis pequeno e máis humilde de toda a competición, algo que en ningún momento pareceu minguar as gañas dos nosos deportistas de loitar e si fose posible facer historia. Durante todo campionato so caemos ante o Club Ares de Valencia , no resto da fase eliminatoria empatamos co San Blas de Madrid e o CAR de Murcia que rematou acadando o primeiro posto, e gañamos contra o Quart de Poblet de Valencia o que nos valeu a segunda praza do grupo e o pase á loita polo bronce. Aquí, cun equipo incompleto e con algunha baixa por lesión, impuxémonos ao Hércules de Andalucía que acudía cun equipo de 19 loitadores  facendo que o bronce final soubese a vitoria.
Ao noso equipo chamámoslle Vilalba porque algún nome ten que levar, pero en realidade non sería posible este resultado sen o apoio do Keltoi de Vila de Cruces, do Touro, do Pontevedra e o Atila de Ourense. Sen a axuda dos seus deportistas non poderiamos viaxar a Murcia cun equipo competitivo e posiblemente a nosa terra non tería representación no máximo campionato de clubs estatal, así que é unha vitoria de todos xuntos co nome de Vilalba.
Queremos resaltar ademais do esforzo dos nosos loitadores, o bo traballo levado a cabo por Nicolás Castro e Marcos Miragaya, coa súa intelixencia e sabedoría souberon facer un posta táctica na que a inferioridade numérica non impediu a loita polos primeiros postos. Temos que lembrar que co Murcia (18 loitadores), o equipo campión, chegamos a empatar e que ao non poder levar todas as categorías de peso por falla de presuposto cada encontro o comezábamos co marcador en contra. Sen dúbida a xestión do corpo técnico foi fundamental na consecución do terceiro posto.
Agardamos que este resultado sirva para motivar aos nosos deportistas máis novos e co tempo a nosa terra conte con máis dun equipo na división de honra.
NORABOA A TODOS!!

xoves, 21 de novembro de 2013

VILALBA NA FASE FINAL DA LIGA ESTATAL DE CLUBS

O equipo Vilalbés atópase clasificado para participar na fase final da Liga Estatal de Clubs que terá lugar o próximo sábado día 23 en San Javier. Os nosos deportistas partirán mañá cara a Murcia para enfrontarse aos oito mellores clubs do estado.
Aínda que non somos capaces de rematar de consolidar unha forte canteira na provincia, situación que este ano semella empeorar, competiremos cun equipo de loitadores formados nos nosos clubs, contando únicamente coa axuda de 4 deportistas doutros equipos galegos que non participan na liga.
Para nós isto é moi importante facendo desta competición unha grande oportunidade para os nosos deportistas, xa que terán a posibilidade de enfrontarse non so aos mellores loitadores do estado senón que a moitos competidores doutras nacións que participarán cos grandes clubs españois.
Nicolás Castro, que agora se atopa na concentración de tecnificación de Serra Nevada, xunto con Marcos Miragaya serán os responsables de dirixir ao equipo vilalbés en San Javier. Un equipo que debido ás dificultades de atopar recursos terá que viaxar con tan so 10 deportistas para enfrontarse a algúns equipos máis grandes.
O Vilalba en San Javier estará formado por:
Iauipogo Rey Oliveira menos de 63kg
Marcos Carral Suárez menos de 70 kg.
Eliseo Permuy Soto (Clube Keltoi) menos de 70 kg.
Pablo García García (Clube Pontevedra) menos de 70kg Grecorromana
Luís Garníl Rielo (Clube Keloti) menos de 80kg.
Jose Luís Puentes Seoane menos de 90kg.
Damián IglesiasVilela (Clube Touro) menos de 90kg Grecorromana
José Cuba Vázquez máis de 90kg
Catriel Pehuén Muriel máis de 90kg Grecorromana.
Rubén Varela Vázquez (Clube Stellae) Arbitro
Nicolás Castro Seoane- Adestrador
Marcos Mirgaya Lama- Adestrador.
Os outros equipos clasificados para fase final son os seguintes:
CLUB ARES (VALENCIA)-18 loitadores.
CAMP DE MORVEDRE (VALENCIA)-17 loitadores.
CLUB CAR DE MURCIA- 18 loitadores.
CLUB SAN BLAS (MADRID)- 11 loitadores
CLUB BARÓN DE VIVER (CATALUÑA)- 9 loitadores.
QUART DE POBLET (VALENCIA) - 17 loitadores
CLUB DE LUCHA HÉRCULES (ANDALUCÍA)-19 loitadores.
MOITA SORTE A TODOS!!!


O VILALBÉS NICOLÁS CASTRO DIRIXE A CONCENTRACIÓN ESTATAL DE TECNIFICACIÓN

O adestrador vilalbés é o responsable da concentración da Federación Española de tecnificación que ten lugar no Centro de Alto Rendemento de Sierra Nevada dende o pasado 11 de novembro. Os mellores loitadores do estado das categorías cadete e júnior viaxan a Granada para formarse baixo a tutela dun dos nosos mellores deportistas que agora ocupa un posto no equipo técnico da selección española.