domingo, 31 de marzo de 2019

CUBA REMATA 7º EN CHAVES

O noso deportista ven de acadar o 7º posto nas primeiras series mundiais de loita praia que se celebrou na localidade portuguesa de Chaves. Cuba non puido superar ningún dos 3 enfrontamentos que disputou pero o puntos técnicos acadados servíronlle para acadar un 7º posto que no Ranking Mundial o sitúa de número 4 tras o 5º posto acadado no pasado mundial de  Turquía.
Nun principio este posto lle garante a participación nos Xogos Mundiais de San Diego no que estarán os 8 primeiros do ranking de cada categoría á espera das modificacións que se produzan no mesmo tras a segunda proba de Río de Janeiro no mes de maio.
A presenza de Cuba en Río non é segura xa que esta tempada estamos a centrar os esforzos na modalidade olímpica e en particular no mundial de setembro en Astana no que disputaranse as primeiras prazas para os Xogos Olímpicos de Tokio 2020.
Cuba centrará agora a súa preparación para os próximos europeos sénior que se celebran en dúas semanas en Bucarest e que pasa por ser unha proba obrigatoria para os que queran loitar polas prazas olímpicas no mundial de Kazakistán.
Da participación en Chaves temos que destacar o bronce acadado polo canario Pedro J. García en menos de 90 kg, bo amigo de Cuba e tamén membro do equipo español da modalidade de grecorromana e que, ao igual que o vilalbés, combina a práctica desta nova modalidade coa modalidade olímpica na que tentará estar tamén nos Xogos de Tokio.

sábado, 30 de marzo de 2019

VILALBA CAMPIONA DE ESPAÑA JÚNIOR

Esta fin de semana os nosos júniors disputaron os Campionatos de España júnior de loitas olímpicas en Madrid acadando o primeiro posto por clubs.
Temos que destacar o primeiro posto acadado por Carlos Yobani García en menos de 65 kg sumando deste xeito o terceiro título de campión de España nun mesmo ano tras os primeiros postos acadados nos pasados campionatos de España Sub23 e sénior. Carlos consolídase deste xeito como unha das principais promesas da loita española e centrarase agora na preparación dos Campionatos de Europa júnior que este ano celebraranse en Pontevedra no mes xuño.
En menos de 79 kg, Oussama Lahnin acadou unha meritoria prata tendo en conta que é seu primeiro ano competindo en campionatos de España dando mostra do seu potencial. Tamén Rubén Fraga Cal deu mostra dunha grande progresión aínda que non puido loitar polas medallas en menos de 74 kg. Rubén, que aínda é cadete, gañou os primeiros enfrontamentos pero non foi suficiente para repetir a medalla que hai unhas semanas acadara nos estatais da categoría cadete.
Por parte do Rábade tivemos a representación de Jonatha Pernas que tamén subiu ao podio en menos de 92 kg contribuíndo ao primeiro posto da selección galega por equipos. Carmen Carrasco, tamén do Rabade, conformouse cun meritorio 6º posto en menos de 62 kg sendo un indicador do avance que a loita feminina está a ter na provincia.
Noraboa a todos e ánimo para seguir a preparar as citas internacionais que agora comezan.

mércores, 27 de marzo de 2019

CUBA LOITARÁ NA SERIE MUNDIAL DE LOITA PRAIA

Cuba retoma a competición na modalidade de loita praia e o fai nas Series Mundiais que comezan esta fin de semana na localidade portuguesa de Chaves. O vilalbés participará na categoría dos pesos pesados e tentará clasificarse para a segunda rolda en Río de Janeiro e por fin acadar unha praza para os Xogos Mundiais que terán lugar San Diego (USA) no mes de outubro.
Ademai do aliciente que supoñen os 1000 francos suízos que ten de premio o primeiro posto de cada categoría, esta modalidade contribúe á preparación do vilalbés de cara ás importantes citas de loitas olímpicas que enfrontará esta tempada. A primeira o europeo de mediados de abril en Bucarest.
Moita sorte grandullón!

CARLOS YOBANI GARCÍA REMATA A SÚA CONCENTRACIÓN COA SELECCIÓN ESPAÑOLA

O noso deportista Carlos Yobani García xa se atopa de regreso en Vilalba depois de permanecer concentrado coa selección española sénior durante toda a semana. Carlos foi convocado co equipo absoluto tras vencer o pasado campionato de España da categoría. Agora céntrase en preparar o próximo campionato de España da categoría júnior que terá lugar esta fin de semana en Madrid. De conseguir o ouro, o vilalbés acadaría o terceiro título de campión de España nunha mesma tempada ao proclamarse campión no Sub23 ademais do sénior.
En Madrid este sábado, Carlos estará acompañado dos vilalbeses Rubén Fraga que loitará en menos de 74 kg e Oussama Lahnin que o fará en menos de 79 kg.

domingo, 17 de marzo de 2019

UN BRONCE NOS CAMPIONATOS DE ESPAÑA CADETE

Esta fin de semana celebráronse os campionatos de España das categorías cadete e escolar en Torre del Campo (Jaén) no que a Federación Galega acadou o segundo posto por selecións en libre masculina e en libre feminina.
En parte, o éxito do equipo masculino cadete debeuse a participación dos vilalbeses Rubén Fraga en menos  de 71 kg e Samuel García Miragaya en menos de  60 kg. O primeiro acadou un merecido bronce cedendo únicamente ante o madrileño Gabriel Iglesias que acabou domiñando o podio.
Pola súa banda, Samuel fixo un bo campionato nunha categoría moi reñida e concorrida, e aínda que comezou o campionato domiñando a categoría o cruce no seu grupo co campión Felipe Ferrusola que o relegou á repesca na loita polo bronce. Foi aquí, na repesca, onde non tivo sorte e cedeu o que sería o segundo bronce para Vilalba ante o madrileño Doblas. Samuel está becado no CGTD de Pontevedra onde adestra todos dos días baixo a tutela de Alexander Katchalaev sendo aínda cadete de primeiro ano.
Co bronce de Rubén, e á espera de desputar os Campionatos de España júnior o próximo 31 marzo, o vilalba xa suma 6 medallas nos diferentes campionatos de España desta tempada, 4 delas de ouro.
Seguiremos traballando para tentar rematar unha tempada histórica na busca dun broche dourado nos europeos júnior e o mundial sénior, primeira proba clasificatoria para Tokio 2020.

domingo, 3 de marzo de 2019

UN CAMPIONATO DE ESPAÑA PARA LEMBRAR


Onte celebrouse no Pavillón Municipal de Santa Isabel de Santiago de Compostela o Campionato de España Sénior de loitas olímpicas no que varios dos nosos loitadores firmaron unha xornada para historia da loita vilalbesa.
Comezar polo incombustible José Cuba que ven de acadar un novo título de Campión de España absoluto, e con este xa son 15. O vilalbés non só leva casi dúas décadas domiñando os pesos pesados senón que segue a ser unha das principais alternativas da loita española a nivel internacional. Este título  é un empurrón para comezar a preparar a fase clasificatoria para Tokio 2020 que comeza este ano co Mundial absoluto. Antes terá, como
cita obrigatoria, o próximo Europeo que se celebrará en Bucarest o 13 de abril.
O outro gran protagonista da loita vilalbesa foi Carlos Yobani García, que acadou un meritorio ouro en menos de 70 kg. Carlos que aínda é júnior acada así o seu segundo título de Campión de España nesta tempada ao alzarse co ouro nos pasados estatais da categoría Sub23. Este resultado confirma a progresión deste novo deportista que aínda terá a posibilidade de acadar un terceiro título estatal nos próximos Campionatos de España júnior, categoría na que agarda poder desputar os europeos que este ano celebraranse en Pontevedra.
En Santiago tivemos máis representación vilalbesa da man de Ramón Monasterio en menos de 96 kg e Oussama Lahnin en menos de 79 kg, e que a pesares de facer un bo campionato non tiveron posibilidade de loitas polas medallas.
Tamén houbo máis representación lucense da man dos compañeiros do Club de Loita Lugo e o Rábade dos que temos que destacar o bronce de Sabela Chan en menos de 72 kg do Lugo, deportista que adestra Pablo Pintos e que confirma o avance da loita feminina na provincia. Tamén do Lugo, tivemos a presenza de Clemente Alves e Dafne Nogueiras, áinda que ao igual que os compañeiros do Club Rábade Jonathan Pernas en grecorromana menos de 87 kg e Carmen Carrasco en menos de 62 kg non tiveron posibilidades de loitar polas medallas.
Agora comezaremos a preparar as próximas citas, xa no eido internacional. A primeira o próximo Campionato de España júnior que se celebrará o 30 de marzo en Jaén e despois o Europeo sénior que nos levará a Bucarest o 13 de abril.