mércores, 29 de febreiro de 2012

CUBA ADAPTASE AOS ADESTRAMENTOS EN BAKÚ

Cuba e Gazyumov, Bakú 2012

O vilalbés José Cuba comeza a adaptarse aos adestramentos na capital acerí onde permanece concentrado dende o pasado martes 21 de febreiro. Cuba que comezou a semana moi fatigado polo cambio de adestramentos, comeza agora a ter unhas mellores sensacións no tapiz. Arroupado de algúns dos mellores loitadores do momento como o varias veces campión mundial en 96kg Gazyumov, que xunto co vilalbés tentará clasificarse para os Xogos Olímpicos o próximo mes de Abril en Bulgaria. A eliminiación do acerí por unha lesión no xeonllo no pasado mundial, foi toda unha sorpresa que ademais o deixou sen a praza olímpica.
A próxima cita destes deportistas será o Campionato de Europa de Belgrado, proba moi reveladora do estado de forma co que chegarán aos clasificatorios para as tan preciadas prazas olímpicas. 

domingo, 26 de febreiro de 2012

OURO DE NICOLÁS LÓPEZ (CLUB DE LOITA LUGO) NO GALEGO JUNIOR DE LOITAS OLÍMPICAS


Onte tivo lugar en Touro os campionatos galegos de loitas olímpicas das categorías Escolar e Júnior na vila coruñesa de Touro. Vilalba viaxou á cita con dúas das súas novas promesas, os irmáns Monasterio que se alzaron con sendas pratas nas súas categorías.
Ramón Monasterio que participou na categoría escolar en menos de 73 kg perdeu a final nun axustado combate ante o representante do Club Sabarís de Baiona. A pesares disto, o potencial amosado durante a competición así como a progresión que está a experimentar dende o seu ingreso no CGTD de Pontevedra, o vilalbés será un dos representates do equipo galego nesta categoría nos próximos campionatos de España que terán lugar en Granada o próximo mes de Marzo. Ramón viaxará a Granda por petición do selecciónador galego Alfredo Marcuño.
Na categoría Júnior en menos de 120 kg contamos coa presenza do seu irmán Fran, que non tivo un gran día a pesares de obter a prata tanto en Libre Olímpica como na modalidade de Grecorromana. Na modalidade de Libre quedou eliminado por tocado de espaldas ante o loitador local Damián Iglesias, actual campión de España Junior de menos de 96kg. O vilalbés pasou a primeira rolda vencendo a Nicolás López, outro lucense que tivo unha boa actuación acadando o bronce na categoría.
Na modalidade de grecorromana cambiáronse as tornas ao vencer Nicolás ( Club de Loita Lugo) ao vilalbés nun combate moi igualado que lle deu a praza ao lucense para os próximo campionatos de España onde tentará revalidar o seu título de Campión de España nesta modalidade.
Franciso que viaxará a Granada na modalidade de Libre Olímpica, será o terceiro lucense da expedición galega, sen dúbida unha mostra do progreso que está a ter este deporte na provincia.
NORABOA E BOA SORTE A TODOS.

mércores, 22 de febreiro de 2012

CONCENTRACIÓN INTERNACIONAL EN ACERBAIJÁN

O vilalbés José Cuba partiu onte cara á capital acerí para tomar parte da concentración internacional preparatoria para o próximo campionato de Europa que terá lugar a partir do 6 de Marzo en Belgrado. O viaxe e estancia de Cuba en Bakú está financiada polo Club Vilalba e a Federación Galega de Loita, que nestes tempos tan difíciles están a facer un enorme esforzo por axudar a que o vilalbés conte cos medios precisos para acadar a clasificación para os xogos de Londres.
Cuba que se atopa no mellor momento da súa carreira ten moita esperanza nos próximos clasificatorios que comezan no mes de Abril, pero antes terá unha proba do máis alto nivel en Belgrado na que terá que medirse cos principais aspirantes para as prazas que aínda están en xogo. Sen dúbida a concentración de Bakú, onde estará arroupado polo noso amigo Alexis Rodríguez, servirá para poñer o rendimento do noso loitador no máis alto.

mércores, 15 de febreiro de 2012

RECEPCIÓN DOS LOITADORES LUCENSES NA DEPUTACIÓN PROVINCIAL

Este venres o vicepresidente da Deputación Provincial, Antonio Veiga, recibíu aos loitadores da provincia que veñen de acadar diferentes preseas nos campionatos de España de loitas olímpicas. José Cuba, José Luís Puentes, Marcos Miragaya e os irmáns Monasterio do Club de Loita Vilalba, xunto con Nicolás López do Club de Loita Lugo, recibirán en persoa as felicitacións do máximo responsable en deportes do ente provincial.
Os responsables dos clubs lucenses así como o representante da Federación Galega de Loita Pablo Pintos, aproveitaron para agradecer persoalmente a sensibilidade que esta entidade está a ter co noso deporte sendo unha peza clave nos éxitos que estanse a conseguir.

luns, 13 de febreiro de 2012

RAMÓN MONASTERIO BRONCE NO CAMPIONATO DE ESPAÑA CADETE E MARCOS MIRGAYA CAMPIÓN DE ESPAÑA UNIVERSITARIO

O vilalbés Ramón Monasterio proclamaouse esta fin de semana terceiro de España Cadete na modalidade de Grecorromana. Con tan só 14 anos, este escolar foi capaz de gañar 2 combates nesta categoría e nunha modalidade, a de grecorromana, que non é a súa especialidade. Agora esta nova promesa vilalbesa prepará no CGTD de Pontevedra a súa participación nos campionatos escolares onde esperamos, agora con opoñentes da súa idade, chegue ao máis alto do podio.
Monasterio é unha mostra da canteira que empeza xurdir na provincia e que desexamos dea continuidade a loitadores como Nicolás Castro, Jose Luís Puentes ou o mesmísimo Cuba.
Non podemos deixar de falar de Marcos Miragaya que acaba de proclamarse campión de España universitario en menos de 96 kg e que venceu a todos os seus opoñentes con superioridade. O vilalbés retorna así á competición que deixara para adicarse a súa formación universitaria. Ademais Marcos é o responsable técnico do Club de Loita Pontevedra que acaba de proclamarse Campión de España Cadete por clubs, sen dúbida un referente dos novos adestradores galegos.
Pra Nós é un orgullo que ao igual que Mirgaya, outros adestradores e deportistas formados en Vilalba como Marcos Carral ou Nicolás Castro, sexan o motor da loita galega e os que están a levar este deporte a todos os recunchos do país.

REPORTAXE DE JOSE CUBA EN EL PAÍS

El diario El País publica na edición de hoxe unha reportaxe sobre o loitador vilalbés José Cuba que ven de acadar o seu 11º campionato de España en Murcia. VER REPORTAXE

domingo, 12 de febreiro de 2012

JOSE CUBA VENSE DE MURCIA CO SEU 11º CAMPIONATO DE ESPAÑA

O primeiro posto acadado polo vilalbés foi o único ouro de loita libre olímpica para Galicia no campionato de España Sénior, e con este xa son 11 os campionatos estatais acadados por José que se consolida como o rei da máxima categoría. Pero este ouro non foi o único podio lucense en Murcia, temos que destacar a prata de Jose Luís Puentes que ía coa esperanza de liderar a categoría de menos de 84 kg pero caeu de novo ante o hispano-búlgaro Boris Andonov que formará, xunto con Cuba, parte do equipo preolímpico que tentará clasificarse para os xogos de Londres.
É moi importante destacar o traballo realizado polas novas promesas lucenses que viaxaron co equipo absoluto e foron quén de subir ao podio. Por un lado está o tamén vilalbés Francisco Monasterio que na categoría de menos de 120 kg acadou o bronce perdendo sómentes con Cuba, o seu compañeiro de club. Este loitador que aínda é Júnior está a demostrar unha gran progresión deportiva froito do seu traballo diario con loitadores de alto nivel o que garante nun futuro próximo a presenza dun rival a ter en conta na categoría de 120 kg.
Tamén en 120 kg pero na modalidade de grecorromana destacou a actuación do lucense Nicolás López que vense pra Lugo cun bronce moi meritorio por tratarse tamén dun loitador Júnior, sendo ademais o mellor exemplo do bo traballo que se está a levar a cabo dende o Club de Loita Lugo.
En total 4 preseas do equipo galego teñen sabor lucense, 3 para Vilalba e 1 para Lugo, e aínda que se votan en falta algúns primeiros postos non nos podemos esquencer das pratas de Eder Villanueva (El Castro de Vigo) ou de Miguel Caramés (Keltoi) e o bronce de Eliseo Permuy (Keltoi) que axudaron a clasificar a Galicia no segundo posto por seleccións. En grecorromana queremos destacar a prata de Borja Saavedra (San Ignacio) e os bronces de Pablo García (Pontevedra) e o novísimo Damián López (Touro).
Hoxe despútanse a categoría cadete na que contamos coa representación vilalbesa de Ramón Monasterio (menos de 76 kg grecorromana) e o campionato de España universitario no que destacan os vilalbeses Jose Luís Puentes e Marcos Miragaya que buscan revalidar o seu título.
Mañá tentaremos actualizar todos os resultados e subir algunhas instantáneas, mentras tanto boa sorte a todos.
VER MÁIS FOTOS

domingo, 5 de febreiro de 2012

CUBA E PUENTES REMATAN O DAN KOLOV CON BOAS SENSACIÓNS PERO NON SUBEN AO PODIO

Hoxe tivo lugar o prestixioso Torneo Internacional Dan Kolov na capital búlgara, onde os vilalbeses Cuba e Puentes tomaron parte en representación da selección española.
A pesares de non subiren ao podio os vilalbeses tiveron unha moi boa actuación ante algúns dos mellores loitadores de Europa.
Jose Luís Puentes en menos de 84 kg non puido pasar da primeira rolda ao caer ante o representante francés por 2-0 e 3-0 rematando deste xeito a súa participación no torneo búlgaro.
Cuba pola súa banda pasou a primeira rolda tras vencer ao representante brasileiro por 1-0 e 1-0. No segundo enfrontamento caeu ante o búlgaro Kumchev por un axusado 6-4 e 4-3, pero a chegada do búlgaro  á final deu a Cuba a oportunidade de repescar polo bronce ante o loitador de Armenia, pero de novo o noso deportista non foi quén de superar ao medallista europeo caendo nun axustado enfrontamento.
Os quintos postos de Cuba e o balear Sánchez en menos de 55 kg foron os mellores resultados do equipo español masculino que regresa a casa para desputar o campionato de España que se celebrará o próximo fin de semena na localidade murciana de San Javier.