xoves, 26 de decembro de 2013

FELICES FESTAS!!

Co éxito das cuartas Xornadas Internacionais de loitas olímpicas os deportistas e membros do clube queremos despedir este difícil ano que tamén non deixa algúns éxitos.
Moisés Sánchez foi o convidado que nos axudou a despedir esta tempada marcada pola falla de recursos, o retroceso no número de practicantes e sobre todo a ameaza de expulsión do noso deporte dos Xogos Olímpicos. Pero tamén unha tempada na que demos a coñecer ao futuro do noso deporte, Ramón Monasterio ou Roberto Díaz xunto con outras novas promesas, son xa a realidade dun froito sementado non su día por Nicolás Castro, José Luis Puentes, Marcos Miragaya ou José Cuba.
Coa esperanza de que o ano 2014 sexa mellor que o que agora nos deixa queremos desexarvos unhas felices festas e un próspero ano 2014.

xoves, 12 de decembro de 2013

INTERESANTE NOVA A QUE RECOLLEN OS AMIGOS DE ZONA DE LUCHA

A loita está entre os primeiros deportes universitarios de USA, algo que dende estas latitudes ás veces costa crer, esta nova que recollen os amigos de Zona de Lucha  parécenos moi interesante : VER ENLACE

3ª COPA DA DEPUTACIÓN DA CORUÑA

Esta fin de semana terá lugar a 3ª Copa Deputación da Coruña  organizada pola escola Ayude de Melide. Vilalba asistirá cunha pequena representación de loitadores das categorías inferiores. Carlos García e Roberto Días Orosa participarán na categoría escolar e Ramón Monasterio na categoría cadete. Iván Parederes e José Luís Puentes serán os responsables do pequeno equipo que nos representará en Melide.
Sen dúbida este é un evento moi positivo e dinamizador deste deporte polo que quixéramos colaborar máis coa Escola Ayude que tanto e tan ben está a traballar na promoción e difusión das loitas olímpicas, pero a falla de medios e os imprevistos de última hora non nos permiten acudir a Melide cun equipo semellante ao que levamos a pasada edición.
Desexamos que todos saia como Ayude se merece e nós tentaremos esforzarnos máis de cara á próxima edición para que esta actividade teña o maior apoio posible pola nosa parte.
SORTE A TODOS!!!

mércores, 11 de decembro de 2013

CUARTAS XORNADAS INTERNACIONAIS DE ADESTRAMENTO DE LOITAS OLÍMPICAS

Este ano, a actividade estará dirixida á formación da modalidade de grecorromana, modalidade da que Moisés é un dos mellores especialistas europeos polo que non precisamos traer adestradores ou deportistas estranxeiros. Nas pasadas edicións tivemos a grandes deportistas como Alexis Rodriguez (Cuba), Sergei Priadun (Ucrania), Valentin Bedoev (Rusia), Davit Davitashvilli (Georgia) e o sempre colaborador Alexander Katchalaev (Rusia), todos eles especialistas en libre olímpica, pero dada a falla de formación dos nosos adestradores na modalidade de grecorromana quixemos darlle nesta edición unha orientación diferente.
A actividade estará dirixida a adestradores e deportistas que desexen coñecer novas metodoloxías de adestramento de grecorromana nas diferentes etapas deportivas, dende a iniciación ao deporte de competición.
Todos os adestradores e deportistas que desexen participar, deberán de comunicalo ao clube por teléfono ou correo electrónico. Deste xeito poderemos coordinarnos para arranxar a manutención e un lugar no que durmir a noite do venres de xeito gratuíto.
A primeira sesión será o venres 20 ás 18:30 horas no Auditorio Municipal de Vilalba, onde poderán participar todos deportistas ata a categoría escolar. Moisés impartirá unha sesión de iniciación na que poderán participar o resto de adestradores. Despois, ás 20 horas no pavillón municipal, teremos a primeira sesión dirixida aos deportistas e adestradores.
O sábado 21 teremos dúas sesións máis, ás 11 horas pola mañá e ás 17 horas pola tarde, tamén dirixidas a adestradores e deportistas.
O sábado á noite aproveitaremos para facer a cea de Nadal do clube á que todos poderedes asistir.
A actividade estará aberta ao público que desexe asistir a vela, entre os que se repartirán algúns agasallos para os máis novos.
Para os interesados en participar lembrade reservar a praza o antes posible para coordinar as actividades e coñecer as necesidades de aloxamento (EMAIL: CLUBE VILALBA ( loitaolimpicavilalba@yahoo.es).

luns, 9 de decembro de 2013

4ª EDICIÓN DAS XORNADAS INTERNACIONAIS DE ADESTRAMENTO CON MOISÉS SÁNCHEZ


O próximo venres 20 e sábado 21 de decembro poderemos desfrutar da presenza do mellor loitador español de grecorromana de tódolos tempos. Moisés Sánchez será o responsable dos adestramentos do clube vilalbés durante un par de días.
Agardamos que veña a nosa vila loitadores de toda a nosa terra para aprender e compartir experiencias deste balear que conta cun terceiro posto nos Campionatos de Europa de loita grecorromana en menos de 66kg e que participou nos Xogos Olímpicos de Atenas no 2004. Actualmente é seleccionador español e o responsable dos equipos de Baleares de onde está a salir algunhas dos deportistas máis prometedores deste deporte, como é o caso da campiona de Europa cadete Karima Sánchez.
O venres 18:30 no auditorio municipal haberá unha sesión aberta e gratuíta a todos os nenos e nenas de Vilalba de menos de 12 anos que desexen participar nunha sesión de iniciación dirixida por este grandísimo adestrador e deportistas. Despois, e ás 20:00 horas Moisés dará un adestramento no pavillón municipal no que participarán os loitadores vilalbeses así adestradores e outros deportistas dos diferentes clubs galegos.
Xa o sábado e tamén no pavillón municipal poderemos desfrutar dos adestramentos de Moisés ás 11:00 horas pola mañá e ás 17:00 horas pola tarde.
Todas as actividades estarán abertas ao público que desexe acudir a coñecer un pouco máis deste milenario deporte.
Ao longo da semana poremos máis información sobre o programa e normativa de participación.
ANIMÁDEVOS!!!