domingo, 30 de maio de 2021

17 VECES CAMPIÓN DE ESPAÑA ABSOLUTO

 O noso deportista José Cuba ven de acadar o seu 17º título de Campión de España senior no nacional que tivo lugar onte en Murcia.

O vilalbés pasa por ser o loitador español con máis títulos nacionais a nivel absoluto domiñando a categoría dos pesados case que de maneira continua nos últimos 20 anos, fallando á máxima cita estatal en 3 ocasións por mor das lesións.

Lonxe de pensar no retiro, o noso amigo, co seus 40 anos moi ben levados, conta con permanecer na competición mentres poda manter a forma física e compaxinar os adestramentos coa súa profesión de Policía Nacional, aínda que a partir de agora os obxectivos terán unha perspectiva de ano en ano.

Neste últimos anos tivo que loitar moi duro para demostrar aos técnicos federativos que a idade non era un problema para manterse ao máximo nivel en ciclos de 4 anos. Hoxe Cuba vese con forza e con compañeiros de adestramento que o poden axudar a continuar na lidia mentres a bioloxía non mande parar. 

Dende o club estamos orgullosos de telo acompañado neste longo camiño e de seguir ao seu lado na maneira que el decida, xa que ten demostrado que será Cuba o que decida cando colgar as botas.

CUBA QUEDA FORA DOS XOGOS EN BULGARIA


O pasado 6 de maio o noso deportista máis destacado quedaba fóra da loita polas prazas olímpicas para os Xogos de Tokio ao caer eliminado ante o acerí Galayev na primeira rolda dos clasificatorios que se disputaron en Sofia (Bulgaria).

Esta vez o vilalbés quedou máis lonxe do pasaporte olímpico que nas pasadas edicións aínda que chegou a Bulgaria nunha das súas mellores formas deportiva dos últimos anos.

A próxima cita de Cuba serán os campionatos de España que terán lugar en Murcia o 29 de maio e aos que o noso deportista non quere renunciar.

Cuba cumpre 40 anos pero atópase en moi boas condicións para a práctica deportiva polo que aínda se manterá activo pero plantexando obxectivos ano a ano en función das sensacións.

sábado, 1 de maio de 2021

CAMPIONATO DE ESPAÑA JÚNIOR. MADRID

 

Continuamos abrindo novas participación postpandemia coa asistencia de Samuel García e Bekbol aos campionatos de España Júnior que tiveron lugar a primieiros de maio en Madrid.
Os dous loitadores quedaron ás portas das medallas tendo que conformarse cuns meritorios quintos postos despois das dificultades de preparación dende o pasado ano.

Os dous loitadores contan con continuar a súa preparación de cara ao 2022 aínda que Bekbol tivo unha pequena lesión no muslo que seguramente o manteña apartado da competición todo o que queda de tempada.

A pesares das restriccións de aforo para a práctica de loita contamos con seguir aumentando as participacións no campionatos galegos e nacionais.

Noraboa campións!