domingo, 26 de outubro de 2014

EXITO DAS V XORNADAS INTERNACIONAIS DE LOITAS OLÍMPICAS DE VILALBA

Máis de 70 deportistas participaron esta fin de semana nas quinta edición das Xornadas Internacionais de Loitas Olímpicas que tiveron como especial atracción a presenza do seleccionador do equipo feminino de Italia Michele Liuzzi.
A dirección do club vilalbés tivo que limitar as inscricións debido a gran cantidade de solicitudes de interesados de todas as parte do estado para acudir aos adestramentos deste fenómeno italiano. Michele é un adestrador de recoñecido prestixio internacional e viaxa por todo o mundo compartindo a súa experiencia por preto de 150 países diferentes. Unha parte do ano a pasa nos Estados Unidos, lugar no que é ben estimado e onde este deporte resulta ser un dos máis populares entre os escolares americanos.
As xornadas comezaron o venres pola mañá coa colaboración do IES Basanta Silva onde Michele deu unha charla  sobre os beneficios da práctica deportiva e respondeu ás preguntas de varios alumnos interesados. Logo o seleccionador italiano dirixiu varios adestramentos o venres e o sábado baseados naquelas técnicas que xa lle deran prestixio mundial como deportista.
Sentímonos moi afortunados de poder contar con Michele en Vilalba pois non estaba na nosa imaxinación poder contar con esta figura nas nosas xornadas, en primeiro lugar pola axenda do noso amigo italiano e en segundo polo seu elevado caché ao que soamente federacións estatais ou grandes clubs poden facer fronte. En realidade foi a intermediación do vilalbés Nicolás Castro o que fixo posible a presenza de Michele na nosa vila. Ambos comparten unha amizade de hai anos que comezou cando eran deportistas dos seus equipos estatais e que agora seguen a alimentar dende os seus postos como técnicos.
Agardamos que esta actividade fose moi proveitosa para os nosos deportistas e para todos os loitadores dos clubs convidados e cremos que é posible darlle un maior impulso para as próximas edicións ofertando un campus internacional con xóvenes deportistas de todo o mundo que convivan cos loitadores galegos durante varios días.
Queremos darlle as grazas á Deputación Provincial por financiar esta actividade única no territorio galego, ao Concello de Vilalba e á federación galega por facilitarnos a organización e dun xeito moi especial a Nicolás Castro por facer posible que Michele estivese en Vilalba e como non, ao propio Michele por colocar a  Vilalba na súa axenda entre Berlín e New York.






VER MÁIS FOTOS

Ningún comentario: