luns, 28 de xuño de 2010

REMATA A CONCENTRACIÓN INTERNACIONAL DE LOITAS OLÍMPICAS DE VILALBA

Esta semana rematou a concentración internacional de loitas olímpicas en Vilalba na que participaron como convidados o actual seleccionador galego Alexander Katchalaev e o loitador ucraniano Sergei Pryadun xunto con todos aqueles loitadores galegos que desexasen adestrar con Nós nestes 15 días.
O Concello de Vilalba e a Vicepresidencia Primeira da Deputación Provincial de Lugo a través de axudas específicas para a realización destas actividades, fixeron posíbel a convivencia dos loitadores galegos con este deportista de tan alto nivel e o recoñecido adestrador ruso.
Katchalaev é un adestrador de fama internacional, seleccionador da antiga URSS durante os seus anos dourados foi o responsable da organización dos deportes de combate nos Xogos Olímpicos de Moscú de 1980 e conta, entre os seus alumnos, con campións olímpicos e do mundo. A súa intervención foi fundamental para levar a cabo a contratación de Pryadun e poder contar con el nestas xornadas tan importantes para a preparación dos nosos deportistas. Especialmente de José Cuba que está a ultimar a súa preparación para o próximo campionato do mundo que terá lugar en Moscova a comezos de Setembro.
Pryadun regresou a Ukrania este Domingo para participar no campionato nacional de Ucrania, proba que lle valerá de clasificación para o mundial . Esperamos que a súa estancia en Vilalba tamén lle valese de preparación e estea en Moscova onde medirase de novo co noso deportista e se pode ser, na final…..Xa se verá!.
Pola súa banda, Cuba ultima a súa preparación para os próximos torneos internacionais. A mediados de Xullo o Grande Premio de España, á seguinte semana o Final Golden Grand Prix de Acerbaián, e xa en Agosto a derradeira proba denantes do mundial será o Internacional Ziolkowski de Polonia.

1 comentario:

Anónimo dixo...

Ostia!! hay un tío más grande que Gusi...¡Que animales!