xoves, 11 de decembro de 2014

DEBATE: OS DEPORTES MÁIS DUROS DO MUNDO

EDICIÓN EN CASTELLANO
Hai uns días mantíñase unha pequena discusión amigable sobre si as loitas olímpicas son ou non o deporte máis esixente do mundo. Esta é unha discusión pouco produtiva pois ninguén se atopa en condicións de poder afirmar con rotundidade cal é o deporte máis difícil, duro ou divertido que un pode practicar, e as diferentes clasificacións dependen dos parámetros que se teñan en conta.
A discusión xurde cando dende a perspectiva científica téntase refutar os titulares xornalísticos que tildan ao fútbol, ciclismo ou automobilismo como os deportes máis duros do mundo sen ningún argumento obxectivo.
Se tentamos analizar o deporte escapando do relativismo cultural, é certo que a loita aparece sempre no top-ten dos deportes máis duros do mundo e tamén de entre os máis difíciles que se poden practicar, pero estas mesmas clasificación soen deixar fóra deportes como o fondo ou o ciclismo.
Isto sucede porque cando se valora a dificultade dunha disciplina, o habitual é tomar uns parámetros condicionais (Resistencia, forza, velocidade ou flexibilidade), outros coordinativos e outros mentais ou psicolóxicos e acudir á bibliografía científica para determinar as magnitudes de cada un. A valoración final virá dada pola media rexistrada do total dos parámetros avaliados.
Calquera que entenda un pouco de fisioloxía do exercicio saberá valorar a proeza que supón correr en case dúas horas 42,2 km ou o que é o mesmo, correr durante dúas horas a menos de 3 minutos o km. Por si alguén non o pensou nunca, é un esforzo que moi poucas persoas do mundo poden desenrolar e que require ter un limiar anaeróbico entre o 80 e 95 % do VO2 Máx. o que permite manter unha intensidade absoluta de traballo elevada durante dúas horas. Para ser máis gráfico e chegar a aqueles que so saben de deporte polo que len nos medios, pensemos que moitos dos xogadores profesionais de fútbol custaríalles manter durante 1 km a velocidade coa que un maratoniano percorre máis de 42 km.
Por todo isto debemos resaltar que este tipo de clasificacións son moi subxectivas e dependen dos parámetros que o observador decida ter en conta, provocando controversias como a xa mencionada de non incluír o maratón ou o boxeo entre os deportes máis duros.
Aclarado isto, xa podemos comezar co autobombo e a vaidade de resaltar a loita olímpica como o deporte máis duro do mundo.
Son varias as fontes que sitúan este ancestral deporte non top-ten dos máis esixente e incluso de entre os máis difíciles, algo que calquera que tivese a oportunidade de practicar loita xa tiña claro de antes.
Comezando co portal británico Askmen, que clasifica a loita xunto co mma como o deporte máis duro mundo despois de ter en conta a Forza, a Velocidade, a Resistencia e a duración da vida deportiva que require a súa práctica. Esta, que é a lista na que máis arriba aparece o noso deporte, é tamén unha das que exclúe ao maratón ou, máis chamativo aínda, o boxeo de entre as modalidades máis esixentes.
Se estudamos a lista do xigante televisivo ESPN, a loita está entre os 6 deportes do mundo con maior dificultade técnica. No máis alto do podio estaría o boxeo seguido do hoquei xeo. Esta é unha das clasificacións máis obxectiva ao ter en conta 10 parámetros distintos para a súa valoración, ademais dos parámetros condicionais clásicos ten en conta parámetros como o metabolismo anaeróbico, a axilidade, a coordinación óculo-manual ou o compoñente nervioso da súa práctica.
Tamén no portal Sporteology que encumia á ximnasia deportiva como o deporte máis complexo do mundo, coloca á loita no posto número 9. Resaltar que esta clasificación basease en opinións subxectivas sen definir parámetros para a súa valoración.
Para rematar temos que contrapor outras clasificacións que atopamos e que son, como mínimo do máis curiosas. Algunhas colocan ao Golf como o deporte máis esixente, seguido do motocross, o cricket e o polo, pero todas elas, como era de esperar baséanse en opinións persoais e non contemplan á loita, o boxeo, o Judo, o rugby ou o fútbol entre os 5 primeiros. Neste tipo de clasificacións sen valoracións obxectivas e con todos os respectos ás mencionadas modalidades deportivas, son curiosamente os deportes con barreiras económicas de entrada que leva a unha práctica restrinxida ás elites económicas os que se supoñen os máis esixente e complexos de practicar.
Como conclusión temos que dicir que pode que a loita non sexa o deporte máis esixente e complexo do mundo, seguramente non existe ningunha modalidade que poda ocupar este posto, pero o que si que debemos ter claro é que a loita olímpica é un dos paradigmas de sacrificio e dificultade en todo o mundo, e que si engadimos a súa valoración como deporte mundial educativo pola UNESCO, si que podemos dicir aquelo de que "é algo máis que un deporte".
Debemos ter todo isto moi presente, en especial cando vemos que non temos presenza nos medios cando os nosos deportistas acadan logros extraordinarios, cando as administracións non atenden ás nosas demandas ou cando vemos que non existimos para os principais axentes deportivos. Non somos os únicos que nos atopamos nesta situación, son moitas as modalidades e os profesionais aos que non se lles valora de maneira obxectiva. Pero tamén é certo que cada vez son máis son os cidadáns e usuarios críticos coa tiranía mediática, co monopolio dos investimentos públicos en infraestruturas para unha soa modalidade deportiva, ou os que denuncian que unha nena ou neno do interior non teña a posibilidade de practicar esgrima, ximnasia deportiva, loita ou incluso atletismo.
Na nosa opinión, a loita e outras modalidades olímpicas estamos preparados para o cambio que debemos impulsar. Cada ano temos máis practicantes, novos clubs e sobre todo novos profesionais coa máxima cualificación (Licenciados e graduados en EF), polo que sintámonos moi orgullosos do noso deporte, dos valores e os beneficios sociais que impulsamos porque máis pronto que tarde administracións e medios de comunicación veranse como ser compañeiros de viaxe.
A verdadeira dureza ou esixencia da práctica deportiva radica en facer grandes cousas cos poucos medios e apoio co que contamos, e isto sucede na loita e na maioría das modalidades que abnegados profesionais poñen á nosa disposición no noso entorno.
Un saúdo e ánimo a todos.
EDICIÓN EN CASTELLANO



Ningún comentario: