luns, 8 de marzo de 2010

O SECRETARIO XERAL PARA O DEPORTE HOMENAXEA AO VILALBÉS NICOLÁS CASTRO

José Ramón Lete homenaxeou a Nicolás Castro pola súa retirada "por seres un exemplo para os demais" tal e como afirmou o propio secretario xeral na recepción á selección galega que tivo lugar no CGTD de Pontevedra.

José Ramón Lete Lasa destacou o nivel e a traxectoria mantida nas últimas décadas pola loita galega que é unha referencia nacional como demostrou no último Campionato de España, no que logrou o título por autonomías.

No Campionato de España de loitas olímpicas na categoría de loita libre disputado en Barcelona a selección galega obtivo un bo botín de medallas e trofeos, encabezando os resultados José Cuba Vázquez do Club de Loita Vilalba, medalla de ouro na categoría de 120 kg. Eliseo Permuy Soto, do club de loita Keltoi de Vila de Cruces, acadou o segundo posto na categoría de 60 kg, e as medallas de bronce corresponderon a Miguel Caramés Vila, na categoría de 55 kg, e Luis Miguel Garnil Rielo en menos de 74 kg, ambos do club de loita Keltoi de Vila de Cruces e Jose Luis Puentes Seoane do club de loita Vilalba, na categoría de menos de 84kg. Destacar o séptimo posto que acadou a Federación Galega no Campionato por Autonomías.

Por outra banda destacar a medalla de prata acadada por Ramón García Sueiro do club Keltoi de Vila de Cruces, na categoría de Loita Grecorromana en menos de 84 kg.

A recepción tamén serviu como homenaxe a Nicolás Castro, actual director técnico da Federación, e que anunciou en Barcelona a súa retirada logo dunha traxectoria de máis de década e media na elite.

“No momento da retirada quero destacar os valores de Nicolás Castro que reflicte perfectamente o que ten que ser un deportista”, manifestou José Ramón Lete antes de entregarlle un recordo porque “é un exemplo de deportistas feito no Centro de Tecnificación. Non soamente foi o seu referente deportivo. Senón o seu líder na maior expresión da palabra. Ten un currículo excelente. É posible que gañou máis cousas das que pensaba cando empezaba neste deporte, pero sobre todo gañouse o respecto dos demais polo seu xeito de ser, pola súa superación, pola súa actitude como deportista”.

Nicolás tamén será homenaxeado polos seus compañeiros do Club de Loita Vilalba.


Fuente: www.deportegalego.es

Ningún comentario: