domingo, 15 de xuño de 2025

20 VECES CAMPIÓN DE ESPAÑA SENIOR

Esta fin de semana tivo lugar en Barcelona o Campionato de España Sénior de loitas olímpicas onde se reuniron as e os mellores deportistas do Estado nesta disciplina.

Coa selección galega viaxaron 3 dos nosos deportistas e os 3 conseguiron subir ao podio da máxima categoría. Cabe destacar ao incombustible José Cuba que co seu Ouro suma o  vixésimo título de Campión de España afianzando o seu reinado nos pesos pesados. Ningún loitador español achégase a esta cifra e terán que pasar anos para desbancar o récord do loitador vilalbés.

Cuba, alzouse co ouro tras colocarse primeiro de grupo vencendo  Alexandre Loghin (Navarra), Alexandru Toth Toth (Andalucía) e Abrham Coby (Madrid). Logo na seminifal venceu a Razhik Mayilyan (Cataluña) e na final ao madrileño Carlos Acebrón.

En Barcelona tamén contamos coa representación dos loitadores vilalbeses Kevin Cuba e Catriel Pehuén.

Catriel, que participou nos pesos pesados na modalidade de Grecorromana, acadou a prata vencendo a Samauel Granchau (Cataluña) e Lucas Castán (Valencia) non podendo loitar a final ante o andaluz Ernesto Pacheco por unha lesión de xeonllo. O loitador arxentino, é varias veces medallista nos campionatos panamericanos e configúrase como un dos nosos principais competidores para as próximas tempadas.

O terceiro vilalbés en Barcelona foi Kevin Cuba, que con 18 anos recén cumpridos estreouse nun campionato de España sénior acadando un meritorio bronce en libre olímpica menos de 97 kg. Kevin perdeu en primeira rolda ante o navarro Aimar Alzón, que á postre foi o campión dándolle a posibilidade ao vilalbés de entrar na repesca polo bronce. O noso deportista aproveitou a oportunidade e venceu na loita polo bronce ao madrileño Gonzálo Guijarro.

Todos os nosos deportistas adestran no noso club, polo que estamos moi orgullosos destes resultados que demostran que dende un pequeno club podemos manter o nivel competitivo dos grandes clubs e os centros de alto rendemento e tecnificación nos que adestran a maioría dos e das deportistas que suben ao podio nos Campionatos de España. Esto non sería posible sen os medios e axuda que supón o recoñecemento como NADE por parte da Secretaría Xeral para o Deporte e as axudas específicas para a Alta Competición do noso Concello  e a Deputación de Lugo.

Ningún comentario: