domingo, 30 de maio de 2021

17 VECES CAMPIÓN DE ESPAÑA ABSOLUTO

 O noso deportista José Cuba ven de acadar o seu 17º título de Campión de España senior no nacional que tivo lugar onte en Murcia.

O vilalbés pasa por ser o loitador español con máis títulos nacionais a nivel absoluto domiñando a categoría dos pesados case que de maneira continua nos últimos 20 anos, fallando á máxima cita estatal en 3 ocasións por mor das lesións.

Lonxe de pensar no retiro, o noso amigo, co seus 40 anos moi ben levados, conta con permanecer na competición mentres poda manter a forma física e compaxinar os adestramentos coa súa profesión de Policía Nacional, aínda que a partir de agora os obxectivos terán unha perspectiva de ano en ano.

Neste últimos anos tivo que loitar moi duro para demostrar aos técnicos federativos que a idade non era un problema para manterse ao máximo nivel en ciclos de 4 anos. Hoxe Cuba vese con forza e con compañeiros de adestramento que o poden axudar a continuar na lidia mentres a bioloxía non mande parar. 

Dende o club estamos orgullosos de telo acompañado neste longo camiño e de seguir ao seu lado na maneira que el decida, xa que ten demostrado que será Cuba o que decida cando colgar as botas.

Ningún comentario: