domingo, 22 de decembro de 2019

IX XORNADAS INTERNACIONAIS DE LOITAS OLÍMPICAS


Remata a novena edición das Xornadas Internacionais de Loitas Olímpicas que cada ano celebramos en Vilalba e que nesta ocasión tiveron como convidados de luxo aos campións georgianso Ilia Dentoshvili e Iuza Tsertsvadze. Durante 7 días estes grandes loitadores adicáronse principalmente a compartir os seus coñecementos cos nosos deportistas máis destacados, pero tamén tiveron tempo para achegarse a traballar cos máis novos e novas así como con deportistas doutros clubs como o Lugo, onde participaron en varias sesións de adestramento.
Foi unha semana intensa de doble e, ás veces, triple adestramento diario na que tentamos sacar o máximo proveito á experiencia de Ilia e Iuza.
Estamos convencidos de que en pouco tempo veremos aos nosos amigos georgianos nos primeiros postos dos circuito internacional e que os vilalbeses estaremos loitando con eles man a man.
Esta actividade foi posible grazas ás xestións da Federación Española e Galega para traer a deportistas deste nivel e tamén á colaboración de administracións como a Secrataría Xeral para o Deporte que a de Igualdade que nos aportou material así como ao Concello de Vilalba que sempre nos brinda a dispoñibilidade absoluta das instalacións.
Agardamos que para próximas edicións podamos seguir contando con loitadores do nivel de Ilia e Iuza.

martes, 26 de novembro de 2019

CARLOS YOBANI GARCÍA CONCENTRADO EN BULGARIA

Carlos Yobani García atópase dende onte concentrado co equipo español na capital búlgara para adestrar con algúns dos mellores loitadores europeos do momento. A Federación Española desprazou parte dos equipos sub23 e absoluto a Sofia co obxectivo de que os loitadores máis destacados teñan contacto con loitadores de alto nivel en plena preparación do período competitivo que comeza en pouco máis dun mes.
Pablo García do Club de Loita Pontevedra é un dos outros galegos concentrados en Bulgaria e ambos, xunto co resto do equipo español, contarán co apoio de Pablo Pintos que participa en calidade de xefe de equipo xunto ao vasco Laureano Atanes.
Carlos que nesta tempada gañou o título de campión de España en tres categorías de idade diferentes ten como obxectivo acadar medalla nos principais campionatos continentais e mundiais do 2020.

JOSÉ CUBA CONCENTRADO EN MADRID

O noso deportista José Cuba permanece concentrado no CAR do Consello Superior de Deportes de Madrid adestrando con parte da selección española das categorías júnior e sénior. O vilalbés permanecerá en Madrid do 18 ao 29 de novembro onde compaxinará diferentes cursos formativos cos adestramentos do CAR impartidos por Francisco Barcia. Alí tamén estarán parte dos galegos que compoñen os diferentes equipos españoles como Lydia Pérez do Club Pontevedra ou Nerea Pampín do Keltoi.
De regreso a Vilalba o noso deportista centrarase na preparación das principais competicións do 2020 destinadas á clasificación para os Xogos de Tokio.

venres, 8 de novembro de 2019

NOVA CAMPAÑA CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

Unha nova campaña de concienciación realizada pola Xunta de Galicia, dentro do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero

mércores, 16 de outubro de 2019

CUBA 9º NOS WORD BEACH GAMES

O noso deportista máis destacado ven de participar nos Xogos Mundiais de Deportes de Praia que estanse a celebrar en Doha (Catar) e no que tivo unha dura competición que o levou a enfrontarse aos principais puntáis mundias da modalidade. Tanto é así que o vilalbés tivo que enfrontarse en primeira rolda ante o acerí Oian Nazariani para logo caer na loita polas medallas ante o rumano Rares Chintoan e o georgiano Makuma Kordzaia. A categoría acabouna domiñando o iraní Pouya Rahmani.
Destes Xogos destacamos o bronce do canario Pedro García en menos de 90 kg.
Agora Cuba regresa a Vilalba coa vista posta nos clasificatorios de 2020 para os Xogos de Tokio. No mes de novembro contamos con albergar actividades de adestramento con deportistas internacionais que tamén teñan como obxectivo a clasificación olímpica.

domingo, 22 de setembro de 2019

CUBA REMATA O MUNDIAL LONXE DE CLASIFICARSE PARA TOKIO 2020

O noso deportista ven de participar no Mudial absoluto que estase a disputar na capital kazaja de Nur Sultan e onde os mellores loitadores do mundo buscan acadar as primeiras prazas para os Xogos de Tokio 2020.
No caso de Cuba terá que esperar ao mes de marzo para ter outra oportunidade de clasificarse ao caer nas roldas de clasificación ante o austriaco Johannes Ludescher por 4 puntos a 0. O Austriaco fixo o mesmo caendo en oitavos ante o sirio Badzha Khutaba o que deixaba ao vilalbés fóra das eliminatorias de repesca para loitar polas medallas e polo tanto sen posibilidades de acadar un dos 6 primeiros postos que outorgaron o pasaporte directo para Tokio.
Na súa categoría acabou domiñando o georgiano Geno Petriashvili que venceun na final ao turco e campión olímpico Taha Akgul. Os bronces foron para o uzbeco Rakhimov e o ucraniano Khosianivskyi que venceron na repesca ao chino Deng e o sirio Khutaba. Estes 6 loitadores atópanse clasificados para Tokio polo que o vilalbés xa non terá que enfrontarse a eles nas seguintes probas clasificatorias.
Do resto do equipo español destacaron a galega Lydia Pérez que a pesares de gañar a primeira rolda ante a represente neozelandesa non puido seguir na competición ao perder ante a sueca Johansson. Friev en menos de 86 kg foi o máis preto estivo de meterse nos postos olímpicos puidendo conseguilo de non ser pola inesperada derrota ante o austriaco Reichmond despois de ter gañado a varios dos favoritos da categoría.
Para Cuba agora toca regresar a casa e tomar dúas semanas de recuperación antes de retomar a preparación para os torneos clasificatorios que comezarán en marzo xa do próximo ano.

venres, 6 de setembro de 2019

ASAMBLEA XERAL EXTRAORDINARIA ELECCIÓNS

O venres 6 de setembro ás 8 na Sala de Loita do Auditorio Municipal de Vilalba están convocados os 17 membros da Asamblea Xeral do club nunha convocatoria extraordinaria para elexir ao novo Presidente da entidade. Ao remate do acto teremos unha reunión para a exposición das posibles futuras liñas de traballo.

ADESTRAMENTOS PREPARATORIOS PARA O MUNDIAL SÉNIOR

Estes días contamos coa visita de Lydia Pérez (Club Pontevedra) co gallo da preparación do próximo Mundial Absoluto que disputarase a mediados de setembro na capital kazaja de Nur Sultán. Lydia serña  xunto co noso deportista José Cuba a representación galega na selección española que tentará abrir o camiño na primeira proba clasificatoria para os Xogos de Tokio 2020.
Despois dos adestramentos en Vilalba, Lydia viaxará a Nur Sultán para adestrar na concentración internacional previa xunto a deportistas doutras partes do mundo, na mentres, Cuba seguirá traballando en Vilalba onde cada adestramento é unha loita por conseguir sparring e compañeiros de traballo do seu peso. Na preparación do noso campión está a ter un papel importante deportistas veteranos como Jose Luís Puentes que se amosa disposto a voltar á competición ou Carlos Yobani García, que a pesares de ser aínda júnior e dunha categoría lixeira amosou nestes dous últimos meses unha progresión que o converte nun adversario de luxo.

domingo, 16 de xuño de 2019

VILALBA 4ª NO XOGADE

O noso equipo de base ven de clasificarse en 4ª posición na Liga de Deporte Base de Loitas Olímpicas (XOGADE) que se disputou este sábado en Vila de Cruces.
Os vilalbeses clasificáranse para a Final A despois de quedar entre os 3 primeiros na pasada xornada norte de Norte.
A clasificación final domiñouna o propio Keltoi de Vila de Cruces seguido do Ayude de Melide e o Cidade de Vigo que rematou en terceira posición.
O outro club da provincia, o Lugo, acadou a 11ª posición por riba do Kuzushi de Vigo.
O equipo de Vilalba estivo dirixido por Jose Luis Puentes como técnico principal e Carlos Yobani e Oussama Lahnin como técnicos de apoio. Os loitadores e loitadores que nos representaron nesta xornada foron::

  • Brais Rochela
  • Xan García
  • Alonso Maceiras
  • Mateo Cupeiro
  • Lucas Fernández
  • Bruno Pintos
  • Dani Díaz
  • Daniela Gónzalez
  • Lara Fernández
  • Izan Pena
  • Héctor Somoza
  • Alex Carballeira.
  • Andrés Maceira
  • Nicolás González
  • Jimena García
  • Lucas Díaz
  • Kevin Cuba



sábado, 8 de xuño de 2019

EUROPEO JÚNIOR DE PONTEVEDRA

Carlos Yobani non puido chegar á loita polas medallas no europeo júnior que estase a celebrar esta semana en Pontevedra. O vilalbés que disputou a categoría de menos de 65 kg gañou o seu primeiro enfrontamento ante o eslovaco Hakszer meténdose así en oitavos de final ante o alemán Gerstenberger pero o noso deportista non foi quen de superar a forza arrolladora do germano que saíu máis activado que Carlos impoñéndose por superioridade no primeiro asalto.
Acaba así a nosa participación no europeo, moi lonxe de cumprir os obxectivos prantexados pero con boas sensacións e coas ideas claras sobre as cousas a mellorar de cara ao futuro, que sen dúbida semella prometedor para este novo deportista.

xoves, 6 de xuño de 2019

VISITA DO SECRETARIO XERAL PARA O DEPORTE

Onte tivemos a visita do Secretario Xeral para o Deporte que se achegou para desexarlle sorte a Carlos Yobani de cara a súa participación no Europeo Júnior que estase a disputar en Pontevedra.
José Ramón Lete Lasa, acompañado do alcalde en funcións e Manolo Cadramón (Xefe Provincial de Deportes), tamén quixo coñecer o estado de preparación de José Cuba e as súas expectativas de cara á clasificación para os Xogos de Tokio 2020 así como outras inquedanzas e necesidades da entidade co obxectivo de mellorar o seu traballo e as condicións de traballo.

luns, 15 de abril de 2019

O CANSANCIO VENCE A CARLOS YOBANNI

Esta fin de semana celebrouse en Murcia o "Torneo Internacional de Jóvenes Promesas" que acolleu a loitadores de países como USA, Suecia, Suiza, Israel ou Noruega e no que se disputaron en dous días as categorías Sub23 e júnior.
O vilalbés Carlos Yobani García participou en ámbalas dúas cateogorías con sorte dispar en cada unha delas. O sábado, Carlos disputou a categoría Sub23 acadando a prata tras perder ante o asturiano Carlos Álvarez por diferencia de puntos na final. Carlos amosou un baixo estado de rendemento despois de dous meses de competicións continuadas e nas que non perdeu ningún enfrontamento. O baixo rendemento evidenciouse o domingo na disputa da categoría júnior na que non gañou ningún dos 3 enfrontamentos que disputou.
Agora toca recuperarse e correxir os erros amosados tras un descanso que permita voltar ao alto rendemento ao noso deportista.

FRAN MONASTERIO LESIONADO NO UNIVERSITARIO DE LOITA

Este venres tivo lugar o Campionato de España Universitario de Loita no que participaban moitas das universidades do Estado xunto as galegas USC e UVigo e no que tivemos participando ao noso deportistas Fran Monasterio na categoría de máis de 90 kg.
Fran que formaba parte do equipo da USC non tivo moita sorte e tivo que retirarse tralo primeiro enfrontamento debido a unha lesión no xeonllo que posteriormente diagnosticouse como un esguince do ligamento lateral. A pesares de non ser unha lesión grave optouse por darlle prioridade á saúde e renunciar á loita polas medallas.
Agora toca recuperarse e voltar o antes posible aos adestramentos.


CONCENTRACIÓN INTERNACIONAL DE XÓVENES TALENTOS

Do 8 ao 12 de abril tivo lugar no CAR Infanta Cristina de Murcia a concentración internacional de xóvenes talentos de loitas olímpicas que acolleu deportistas de varios países como USA, Suecia ou Noruega ademais dun nutrido elenco de loitadores españois. O vilalbés Carlos Yobani García foi un dos loitadores convocados polo combinado español para formar parte da actividade que tivo como obxecto a preparación do Torneo Internacional de Jóvenes Promesas que disputaba esta fin de semana como unha actividade máis  orientada á formación do equipo español que este ano tentará unha participación histórica no europeo júnior que terá lugar en Pontevedra no mes de xuño.

domingo, 7 de abril de 2019

2º POSTO PARA @S NOS@S PEQUES NA XORNADA NORTE DO XOGADE

Este sábado celebrouse a Xornada Norte do programa de Deporte Escolar da Secretaría Xeral para o Deporte XOGADE na Casa do Deporte do Concello de Lugo, e alí estivemos cunha representación das nosas categorías de base. En total desprazámonos con 24 deportistas que nos fixeron disfrutar co seu bo facer e a ilusión pola práctica deportiva e que acadaron o 2º posto por equipos, clasificándose deste xeito para a Final do Xogade que se celebrará o próximo 4 de maio en Vila de Cruces.
O equipo, dirixido polo nosos adestrador das categorías base Jose Luís Puentes, e estivo composto por:

  • Manuel Rodríguez
  • Nicolás Fonte.
  • Xan García
  • Alonso Maceiras.
  • Mateo Cupeiro.
  • Alén Balboa.
  • Marco Gaute.
  • Lucas Fernández.
  • Bruno Pintos.
  • Daniel Díaz.
  • Enrique Seoane.
  • Daniela González.
  • Lara Fernández.
  • Izan Pena.
  • Hector Somoza.
  • Alex Carballeira.
  • Aldán Balboa.
  • Andrés Maceiras.
  • Nicolás González.
  • Xoel Codesal.
  • Jimena García.
  • Lucas Díaz.
  • Xiao Seoane.
  • Kevín Cuba

 Estas actividades e formato en que se desenrolan contribúen a difundir o aspecto formativo do noso deporte e sirven para que pais e nais podan ver os progresos dos nenos e as nenas nun contexto lúdico, no que a competición queda relegada en favor da festa que supón participar no xogo.



domingo, 31 de marzo de 2019

CUBA REMATA 7º EN CHAVES

O noso deportista ven de acadar o 7º posto nas primeiras series mundiais de loita praia que se celebrou na localidade portuguesa de Chaves. Cuba non puido superar ningún dos 3 enfrontamentos que disputou pero o puntos técnicos acadados servíronlle para acadar un 7º posto que no Ranking Mundial o sitúa de número 4 tras o 5º posto acadado no pasado mundial de  Turquía.
Nun principio este posto lle garante a participación nos Xogos Mundiais de San Diego no que estarán os 8 primeiros do ranking de cada categoría á espera das modificacións que se produzan no mesmo tras a segunda proba de Río de Janeiro no mes de maio.
A presenza de Cuba en Río non é segura xa que esta tempada estamos a centrar os esforzos na modalidade olímpica e en particular no mundial de setembro en Astana no que disputaranse as primeiras prazas para os Xogos Olímpicos de Tokio 2020.
Cuba centrará agora a súa preparación para os próximos europeos sénior que se celebran en dúas semanas en Bucarest e que pasa por ser unha proba obrigatoria para os que queran loitar polas prazas olímpicas no mundial de Kazakistán.
Da participación en Chaves temos que destacar o bronce acadado polo canario Pedro J. García en menos de 90 kg, bo amigo de Cuba e tamén membro do equipo español da modalidade de grecorromana e que, ao igual que o vilalbés, combina a práctica desta nova modalidade coa modalidade olímpica na que tentará estar tamén nos Xogos de Tokio.

sábado, 30 de marzo de 2019

VILALBA CAMPIONA DE ESPAÑA JÚNIOR

Esta fin de semana os nosos júniors disputaron os Campionatos de España júnior de loitas olímpicas en Madrid acadando o primeiro posto por clubs.
Temos que destacar o primeiro posto acadado por Carlos Yobani García en menos de 65 kg sumando deste xeito o terceiro título de campión de España nun mesmo ano tras os primeiros postos acadados nos pasados campionatos de España Sub23 e sénior. Carlos consolídase deste xeito como unha das principais promesas da loita española e centrarase agora na preparación dos Campionatos de Europa júnior que este ano celebraranse en Pontevedra no mes xuño.
En menos de 79 kg, Oussama Lahnin acadou unha meritoria prata tendo en conta que é seu primeiro ano competindo en campionatos de España dando mostra do seu potencial. Tamén Rubén Fraga Cal deu mostra dunha grande progresión aínda que non puido loitar polas medallas en menos de 74 kg. Rubén, que aínda é cadete, gañou os primeiros enfrontamentos pero non foi suficiente para repetir a medalla que hai unhas semanas acadara nos estatais da categoría cadete.
Por parte do Rábade tivemos a representación de Jonatha Pernas que tamén subiu ao podio en menos de 92 kg contribuíndo ao primeiro posto da selección galega por equipos. Carmen Carrasco, tamén do Rabade, conformouse cun meritorio 6º posto en menos de 62 kg sendo un indicador do avance que a loita feminina está a ter na provincia.
Noraboa a todos e ánimo para seguir a preparar as citas internacionais que agora comezan.

mércores, 27 de marzo de 2019

CUBA LOITARÁ NA SERIE MUNDIAL DE LOITA PRAIA

Cuba retoma a competición na modalidade de loita praia e o fai nas Series Mundiais que comezan esta fin de semana na localidade portuguesa de Chaves. O vilalbés participará na categoría dos pesos pesados e tentará clasificarse para a segunda rolda en Río de Janeiro e por fin acadar unha praza para os Xogos Mundiais que terán lugar San Diego (USA) no mes de outubro.
Ademai do aliciente que supoñen os 1000 francos suízos que ten de premio o primeiro posto de cada categoría, esta modalidade contribúe á preparación do vilalbés de cara ás importantes citas de loitas olímpicas que enfrontará esta tempada. A primeira o europeo de mediados de abril en Bucarest.
Moita sorte grandullón!

CARLOS YOBANI GARCÍA REMATA A SÚA CONCENTRACIÓN COA SELECCIÓN ESPAÑOLA

O noso deportista Carlos Yobani García xa se atopa de regreso en Vilalba depois de permanecer concentrado coa selección española sénior durante toda a semana. Carlos foi convocado co equipo absoluto tras vencer o pasado campionato de España da categoría. Agora céntrase en preparar o próximo campionato de España da categoría júnior que terá lugar esta fin de semana en Madrid. De conseguir o ouro, o vilalbés acadaría o terceiro título de campión de España nunha mesma tempada ao proclamarse campión no Sub23 ademais do sénior.
En Madrid este sábado, Carlos estará acompañado dos vilalbeses Rubén Fraga que loitará en menos de 74 kg e Oussama Lahnin que o fará en menos de 79 kg.

domingo, 17 de marzo de 2019

UN BRONCE NOS CAMPIONATOS DE ESPAÑA CADETE

Esta fin de semana celebráronse os campionatos de España das categorías cadete e escolar en Torre del Campo (Jaén) no que a Federación Galega acadou o segundo posto por selecións en libre masculina e en libre feminina.
En parte, o éxito do equipo masculino cadete debeuse a participación dos vilalbeses Rubén Fraga en menos  de 71 kg e Samuel García Miragaya en menos de  60 kg. O primeiro acadou un merecido bronce cedendo únicamente ante o madrileño Gabriel Iglesias que acabou domiñando o podio.
Pola súa banda, Samuel fixo un bo campionato nunha categoría moi reñida e concorrida, e aínda que comezou o campionato domiñando a categoría o cruce no seu grupo co campión Felipe Ferrusola que o relegou á repesca na loita polo bronce. Foi aquí, na repesca, onde non tivo sorte e cedeu o que sería o segundo bronce para Vilalba ante o madrileño Doblas. Samuel está becado no CGTD de Pontevedra onde adestra todos dos días baixo a tutela de Alexander Katchalaev sendo aínda cadete de primeiro ano.
Co bronce de Rubén, e á espera de desputar os Campionatos de España júnior o próximo 31 marzo, o vilalba xa suma 6 medallas nos diferentes campionatos de España desta tempada, 4 delas de ouro.
Seguiremos traballando para tentar rematar unha tempada histórica na busca dun broche dourado nos europeos júnior e o mundial sénior, primeira proba clasificatoria para Tokio 2020.

domingo, 3 de marzo de 2019

UN CAMPIONATO DE ESPAÑA PARA LEMBRAR


Onte celebrouse no Pavillón Municipal de Santa Isabel de Santiago de Compostela o Campionato de España Sénior de loitas olímpicas no que varios dos nosos loitadores firmaron unha xornada para historia da loita vilalbesa.
Comezar polo incombustible José Cuba que ven de acadar un novo título de Campión de España absoluto, e con este xa son 15. O vilalbés non só leva casi dúas décadas domiñando os pesos pesados senón que segue a ser unha das principais alternativas da loita española a nivel internacional. Este título  é un empurrón para comezar a preparar a fase clasificatoria para Tokio 2020 que comeza este ano co Mundial absoluto. Antes terá, como
cita obrigatoria, o próximo Europeo que se celebrará en Bucarest o 13 de abril.
O outro gran protagonista da loita vilalbesa foi Carlos Yobani García, que acadou un meritorio ouro en menos de 70 kg. Carlos que aínda é júnior acada así o seu segundo título de Campión de España nesta tempada ao alzarse co ouro nos pasados estatais da categoría Sub23. Este resultado confirma a progresión deste novo deportista que aínda terá a posibilidade de acadar un terceiro título estatal nos próximos Campionatos de España júnior, categoría na que agarda poder desputar os europeos que este ano celebraranse en Pontevedra.
En Santiago tivemos máis representación vilalbesa da man de Ramón Monasterio en menos de 96 kg e Oussama Lahnin en menos de 79 kg, e que a pesares de facer un bo campionato non tiveron posibilidade de loitas polas medallas.
Tamén houbo máis representación lucense da man dos compañeiros do Club de Loita Lugo e o Rábade dos que temos que destacar o bronce de Sabela Chan en menos de 72 kg do Lugo, deportista que adestra Pablo Pintos e que confirma o avance da loita feminina na provincia. Tamén do Lugo, tivemos a presenza de Clemente Alves e Dafne Nogueiras, áinda que ao igual que os compañeiros do Club Rábade Jonathan Pernas en grecorromana menos de 87 kg e Carmen Carrasco en menos de 62 kg non tiveron posibilidades de loitar polas medallas.
Agora comezaremos a preparar as próximas citas, xa no eido internacional. A primeira o próximo Campionato de España júnior que se celebrará o 30 de marzo en Jaén e despois o Europeo sénior que nos levará a Bucarest o 13 de abril.

domingo, 17 de febreiro de 2019

VILALBA SUBCAMPIONA GALEGA JÚNIOR

Esta fin de semana celebráronse non pavillón do CGTD de Pontevedra os campionatos galegos de loitas olímpicas das categorías escolar e júnior. Vilalba acudiu cun equipo de 4 loitadores na catecgoría júnior despois de varias baixas de útlima hora que reduciron o equipo prácticamente á metade.
Aínda así o noso club puido subir ao podio por equipos acadando un segundo posto tras o Ouro de Samuel García Miragaya en menos de 62 kg, e as pratas de Roberto Díaz Orosa en menos de de 70 kg, Rubén Fraga Cal en menos de 74 kg e Oussama Lahnin en menos de 79 kg.
En Pontevedra tamén participaron os compañeiros do Rábade acadando un Ouro da man de Carmen Carrasco en menos de 62 kg e unha prata por parte de Jonathan Pernas en menos de 86 kg.
A próxima cita será o campionato de España sénior que se celebrará en Santiago o próximo 2 marzo e no que estarán varios dos loitadores da provincia.

domingo, 3 de febreiro de 2019

OUROS DE CARLOS E RAMÓN NO CAMPIONATO DE ESPAÑA SUB23

Esta fin de semana veñen de celebrarse os campionatos España de loitas olímpicas da categoría Sub23 na localidade madrileña de Guadalix nos que tivemos unha exitosa participación dos loitadores vilalbeses. Despois da espectacular estrea da tempada co dominio do Vilalba nos pasados campionatos galegos nos que acadamos os primeiros postos por equipos, chega agora o pleno de podios dos nosos loitadores no estatal Sub23 e o subcampionato de España por equipos na categoría.
En menos de 65 kg Carlos Yobani García acadou o Ouro impoñéndose nunha das categorías máis complicadas e consolidándose como un dos referentes da loita española das categorías previas á absoluta.
Ramón Monasterio fixo o mesmo en 97 kg pero nunha categoría menos concurrida e na que houbo importantes baixas. A pesares de que, ao noso entender, Ramón é principal favorito da categoría terá que facer un destacado papel nos próximos campionatos de España sénior ante loitadores máis competitivos se quere ter posibilidades de entrar no circuito internacional convocado co equipo español Sub23.
A participación vilalbesa remata coa plata de Oussama Lahnin en menos de 79 kg, metal moi meritorio si temos en conta que era a primeira vez que Oussama participa nun estatal. A prata de Oussama nos reafirma no potencial deste deportista que no pouco tempo que leva adestrando atópase xa integrado no equipo de competición do Vilalba que adestra tódolos días.
A representación lucense pechouse coa prata de Dafne Nogueiras do Club de Loita Lugo que baixo o asesoramento de Pablo Pintos acadou o primeiro metal feminino para o club lucense seguindo o camiño que no seu día abriron as loitadoras do Rábade.
Seguimos agora preparando os próximos campionatos galegos e de España coa vista fixa nas dúas grandes citas da tempada, o mundial absoluto clasificatorio para Tokio 2020 e o europeo júnior que este ano celebrarase en Pontevedra.

domingo, 20 de xaneiro de 2019

CAMPIÓNS GALEGOS SÉNIOR E CADETE

O equipo de Vilalba ven de acadar os primeiros postos por equipos nos campionatos galegos das categorías sénior e cadete que se celebraron este sábado no Pavillón Muncipal Santa Isabel de Santiago.
Acudíamos á cita con varias baixas de última hora polo que non contabamos con copar o alto do podio nas dúas categoría, pero o bo trabals novas promesas como dos máis veteranos levounos a dominar a modalidade de libre olímpica masculina tanto en sénior como en cadete.
Tamén temos que destacar a actuación do resto dos clubs da provincia xa que entre o Rábade, o Lugo e o Vilalba acadáronse 24 medallas.
Os resultados por equipos e individuais foron os seguintes:

CLUB DE LOITAS OLÍMPICAS VILALBA: 1º posto Sénior en Libre Olímpica Masculina, 2º posto en Grecorromana Masculina e 1º posto en Libre Olímpica Cadete.

  • SENIOR:
  1. JOSE CUBA: Ouro en libre olímpica menos de 125 kg e en Grecorromana en menos de 130 kg.
  2. RAMÓN MONASTERIO: Ouro en libre olímpica en menos de 96 kg e Ouro en grecorromana en menos de 97 kg.
  3. JOSE LUÍS PUENTES:  Ouro en libre olímpica en menos de 92 kg.
  4. JAVIER ROUCO REGO: prata en libre olímpica en menos de 96 kg.
  5. OSAMA LAHNIN: prata en libre olímpica en menos de 79 kg.
  6. MARCOS CARRAL: prata en libre olímpica en menos de 65 kg.
  7. ROBERTO DÍAZ OROSA:  prata en grecorromana en menos de 67 kg.
  • CADETE:
  1. MARTÍN PENA LAMA: ouro en libre olímpica en menos de 92 kg
  2. RUBÉN FRAGA CAL: prata en libre olímpica en menos de 71 kg.
  3. SAMUEL GARCÍA MIRAGAYA: ouro en libre olímpica e ouro en grecorromana en menos de 60 kg.
CLUB DE LOITA RÁBADE:
  • SÉNIOR:
  1. CARMEN CARRASCO: Prata en Libre Feminina en menos de 62 kg.
  2. GERGANA DIMITROVA: Prata en libre feminina en menos de 68 kg.
  3. MARTÍN VÁZQUEZ: Broncen en libre masculina menos de 92 kg e prata en Grecorromana en menos de 97 kg.
  4. JONATHA PERNAS: Bronce en libre masculina menos de 86 kg.
CLUB DE LOITA LUGO: 3º posto por equipos en en sénior libre feminina.
  • SÉNIOR:
  1. DAFNE NOGUEIRA: Ouro en libre feminina en menso de 62 kg.
  2. SABELA CHAN:  Prata en libre feminina en menos de 72 kg.
  3. CLEMENTE ALVES: bronce en libre olímpica en menos de  65 kg.
  4. NICOLÁS LÓPEZ: Prata en grecorromana en menos de 130 kg.
  • CADETE: ANTÓN LEIVAS: Prata en libre olímpica  e prata en grecorromana en menos de 45 kg.
Agora toca seguir preparando as próximas citas, algúns terán xa que medirse o primeiro fin de semana de febreiro no Campionato de España Sub 23 que se celebrará en Madrid.
Moita sorte a todos.