mércores, 2 de decembro de 2015

CATRIEL PEHUEN TRIUNFA EN AMÉRICA

Hai preto de dous meses cansado de falla de oportunidades laborais e deportivas a pesares do esforzo e adicación coa que acostumaba a traballar en cada proxecto que emprendía, o noso loitador decidiu emprender a aventura americana voltando á terra da súa orixe convencido de que o destino lle reservaba outros plans que non se atopaban no languidecer lucense.
Catriel Pehuén naceu na Arxentina, en Distrito Federal o 10 de xaneiro de 1993. Con apenas oito anos chega a Valencia no seo dunha familia que busca novas oportunidades, pero non sería ata os 18 anos cando  chega a Vilalba e comeza a practicar loitas olímpicas neste clube.
Acostumados á presenza no noso clube de pesos pesados de primeiro nivel, non foron os seus máis de 190 cm nin os seus preto de 110kg nun rapaz de 18 anos o que máis nos chamou a atención. O que nos fixo ver a un rapaz diferente foi a súa adicación, entusiasmo e ambición en cada adestramento. Para el nunca remataba a sesión, sempre quería facer máis e aprender cousas novas. Dende o primeiro día a derrota non o deixaba impasible, había que buscar unha resposta a cada punto perdido e para calquera que traballe na competición sabe que isto é o piar fundamental do éxito. Catriel o tiña.
A pesares dos seus progresos apenas podía participar en competicións ao non contar coa nacionalidade española, algo que cambiou cando a Federación Española permitiu a participación dos residentes nas competicións oficiais de ámbito estatal. E é así como este ano proclamouse campión da Copa de España e Campión de España en menos de 130 kg en loita grecorromana. Aínda así este sería o máximo ao que podería aspirar pois a falla dunha nacionalidade que non da chegado non lle permite participar en enventos de carácter internacional.
Consciente disto e convencido de que a loita é a súa pasión, decide facer as maletas e probar sorte na súa terra de orixe.
Era difícil saber que todo lle sairía así e aínda ten moito polo que  loitar, pero de momento acaba de proclamarse Subcampión Sudamericano en libre olímpica 125 kg e o estado arxentino concedeulle unha beca económica mensual e unha praza de residente no CENARD (Centro Nacional de Alto Rendemento Deportivo) coa Selección Arxentina. Esta fin de semana medirase nunha proba clasificatoria para poder formar parte do ciclo preolímpico para Río 2016. Si todo lle sae ben agarda poder representar a Arxentina en menos de 130 kg grecorromana nos clasificatorios e quen sabe, igual este modesto club conta con dous deportistas nos Xogos de Río 2016.
Desexámoslles toda a sorte do mundo porque a merecen!!

Ningún comentario: