domingo, 12 de xullo de 2015

CUBA 3º NO GRAN PREMIO DE ESPAÑA

O vilalbés consegue o prezado bronce no prestixioso Gran Premio de España de Loitas Olímpicas que acaba de celebrarse esta fin de semana en Madrid. O evento que reuníu a máis de 400 loitadores das principais potencias mundiais no deporte, ademais de ser unha das principais probas do calendario europeo grazas ao esforzo da Federación Española, constitúe a primeira clasificación dos loitadores españois de cara ao proceso preolímpico  dos Xogos de Río 2016.
Cuba na categoría de 125 kg libre olímpica comezou perdendo por superioridade técnica ante o representante estadounidense Nick Gwiazdowski, pero a pesares do mal comezo e don non atoparse na mellor das formas, soubo repoñerse e vencer na repesca ao representante de Polonia e subcampión mundial Junior Kamil Kosciolek por 8-0 e xa na loita polo bronce ao iraní Mehdi Gombadani por 14-12.
O equipo español pechou o palmarés de preseas coa prata do catalán Hector Rodríguez en libre olímpica menos de 96 kg, o Ouro de de Taimuraz Friev en menos 86 kg e os bronces en libre feminina de Karima Sánchez en menos de 53 kg e a incombustible Maider Unda en menos de 75 kg.
Con este bronce o noso deportista clasifícase para o Mundial de Las Vegas do mes de setembro como primeira proba clasificatoria para os Xogos de Río 2016. Cuba, ao que lle acaban de destinar no perído de prácticas como policía nacional en Lugo co obxectivo de poder compaxinar a vida laboral coa súa preparación para os Xogos Olímpicos, agarda recuperar a forma e poder cumprir o tan desexado soño olímpico.
Esta mesma semana os directivos e técnicos do clube comezarán unha campaña para recaudar fondos entre as institucións e empresarios locais para poder restablecer os adestramentos diarios cun adestrador profesional, concentracións con sparrings estraxeiros e viaxes ás principais competicións preparatorias. A este esforzo haberá que sumar a iniciativa particular dun conxunto de  empresarios da capital lucense que organizarán diferentes actos co obxectivo de recaudar os fondos necesarios para que o noso Titán poda representarnos a todos en Río o próximo verán. Unha iniciativa que demostra o aprecio que se lle ten ao noso deportista máis internacional e que nos deixa sen palabras.
Noraboa e ánimo a Cuba e moitas grazas a todos os que nos últimos tempos estades a demostrarnos que o esforzo deste campión non pasa desapercibido!!
VER RESULTADOS COMPLETOS

Ningún comentario: