domingo, 16 de marzo de 2014

JOSE CUBA DE NOVO CAMPIÓN DE ESPAÑA E VILALBA CAMPIONA POR EQUIPOS

 Jose Cuba acada o 11º título de campión de España da máxima categoría de loitas olímpicas. O vilalbés alzouse co título no seu regreso á competición estatal, pero non foi o único vilalbés que subiu ao máis alto do podio. A provincia de Lugo tivo unha grande representación na selección galega e foi decisiva para acadar os primeiro posto por seleccións en libre olímpica na categoría cadete e o segundo posto na categoría sénior, ademáis a selección galega feminina tamén alzouse cos primeiros postos tanto na categoría cadete como na senior.
Os éxitos dos deportistas galegos fannos sentir moi orgullosos, pero o que realmente non enche de ledicia é participación dos loitadores lucenses que como xa dixemos foi decisiva para o triunfo do equipo.
Comezamos cos ouros na categoría cadete libre olímpica acadados polos vilalbeses Carlos García (menos 42 kg), Roberto Díaz (menos de 46kg) e Ramón Monasterio (menos 100kg) que contribuíron a que o Clube Vilalba acadase o título de Campión de España Cadete por clubs. Monasterio acudiu a Madrid como favorito e non fallou ao pronóstico perfilándose como un dos candidatos para acudir coa selección estatal aos torneos internacionais. Roberto e Carlos en cambio alzáronse co ouro da categoría cadete sendo escolares, e aínda que se trata dun bo resultado sen dúbida víronse beneficiados pola pouca participación no campionato seguramente debido á falla de recursos de moitas federacións e clubes estatais.
Ademais dos vilalbeses tamén destacaron os compañeiros do clube Rábade que chegaron todos ás seminifinais nas súas respectivas categorías.Os rabadenses Cristian Pena (menos de 58kg), Cristian Pumares (menos de 63kg) e Angel Campo (menos de 85kg) non puideron subir ao podio a pesares da súa boa actuación, debemos ter en conta que os rapaces adestrados por Marcos Carral estreábanse nun estatal e que aínda son cadetes de primeiro ano. Estamos seguros de que o ano que ven a provincia poderá superar os históricos resultados desta fin de semana.
Xa en senior ademáis do éxito de Cuba (Vilalba) como referente da  loita galega tamén temos que destacar a prata de Nicolás López (Lugo) en grecorromana menos de 120 kg. Nicolás que hai dúas semanas alzouse co título estatal da categoría júnior, chegou á final con facilidade caendo na loita polo ouro ante o manchego Pedro Amalio.
En senior tamén destacou a participación do vilalbés Jose Luis Puentes (Vilalba) que acadou o 5º posto en libre olímpica menos de 86 kg, na mesma categoría tamén loitou David Grandío (Rábade) que caeu na primeira rolda no seu estreo nunha competición deste nivel.
Na modalidade de grecorromana tamén tivemos representación, e acompañando á prata de Nicolás estivo Pablo Chao (Vilalba, menos de 75kg) e Martín Vázquez ( Rábade, menos de 98kg) que non subiron ao podio pero deixaron boas sensacións aos seleccionadores desprazados a Madrid.
Agora o clube dará descanso aos deportistas para que se recuperen da competición e comecen a prepararse para as concentracións e eventos internacionais para os que sexan convocados polos seleccionadores españois.
Noraboa a todos e ánimo pra seguir traballando!!!

Ningún comentario: