domingo, 24 de novembro de 2013

HISTÓRICO 3º POSTO DE VILALBA NA LIGA NACIONAL DE CLUBS

 Seguramente isto debera ser unha nova excepcional, algo que non ocorrese todos os anos. Os modestos clubs de pequenas poboacións non deberan estar na elite do deporte estatal, si os seus deportistas pero non estas entidades que nun sistema deportivo san serían o forno e plataforma dos grandes loitadores pero nunca os aglutinadores da elite. Sei que isto é difícil de entender e precisa dunha explicación pero agora quero resaltar a fazaña dos nosos heroes que se merecen toda a nosa atención.
Vilalba acudiu a Los Narejos (Murcia) posiblemente co equipo máis pequeno e máis humilde de toda a competición, algo que en ningún momento pareceu minguar as gañas dos nosos deportistas de loitar e si fose posible facer historia. Durante todo campionato so caemos ante o Club Ares de Valencia , no resto da fase eliminatoria empatamos co San Blas de Madrid e o CAR de Murcia que rematou acadando o primeiro posto, e gañamos contra o Quart de Poblet de Valencia o que nos valeu a segunda praza do grupo e o pase á loita polo bronce. Aquí, cun equipo incompleto e con algunha baixa por lesión, impuxémonos ao Hércules de Andalucía que acudía cun equipo de 19 loitadores  facendo que o bronce final soubese a vitoria.
Ao noso equipo chamámoslle Vilalba porque algún nome ten que levar, pero en realidade non sería posible este resultado sen o apoio do Keltoi de Vila de Cruces, do Touro, do Pontevedra e o Atila de Ourense. Sen a axuda dos seus deportistas non poderiamos viaxar a Murcia cun equipo competitivo e posiblemente a nosa terra non tería representación no máximo campionato de clubs estatal, así que é unha vitoria de todos xuntos co nome de Vilalba.
Queremos resaltar ademais do esforzo dos nosos loitadores, o bo traballo levado a cabo por Nicolás Castro e Marcos Miragaya, coa súa intelixencia e sabedoría souberon facer un posta táctica na que a inferioridade numérica non impediu a loita polos primeiros postos. Temos que lembrar que co Murcia (18 loitadores), o equipo campión, chegamos a empatar e que ao non poder levar todas as categorías de peso por falla de presuposto cada encontro o comezábamos co marcador en contra. Sen dúbida a xestión do corpo técnico foi fundamental na consecución do terceiro posto.
Agardamos que este resultado sirva para motivar aos nosos deportistas máis novos e co tempo a nosa terra conte con máis dun equipo na división de honra.
NORABOA A TODOS!!

Ningún comentario: