domingo, 12 de febreiro de 2012

JOSE CUBA VENSE DE MURCIA CO SEU 11º CAMPIONATO DE ESPAÑA

O primeiro posto acadado polo vilalbés foi o único ouro de loita libre olímpica para Galicia no campionato de España Sénior, e con este xa son 11 os campionatos estatais acadados por José que se consolida como o rei da máxima categoría. Pero este ouro non foi o único podio lucense en Murcia, temos que destacar a prata de Jose Luís Puentes que ía coa esperanza de liderar a categoría de menos de 84 kg pero caeu de novo ante o hispano-búlgaro Boris Andonov que formará, xunto con Cuba, parte do equipo preolímpico que tentará clasificarse para os xogos de Londres.
É moi importante destacar o traballo realizado polas novas promesas lucenses que viaxaron co equipo absoluto e foron quén de subir ao podio. Por un lado está o tamén vilalbés Francisco Monasterio que na categoría de menos de 120 kg acadou o bronce perdendo sómentes con Cuba, o seu compañeiro de club. Este loitador que aínda é Júnior está a demostrar unha gran progresión deportiva froito do seu traballo diario con loitadores de alto nivel o que garante nun futuro próximo a presenza dun rival a ter en conta na categoría de 120 kg.
Tamén en 120 kg pero na modalidade de grecorromana destacou a actuación do lucense Nicolás López que vense pra Lugo cun bronce moi meritorio por tratarse tamén dun loitador Júnior, sendo ademais o mellor exemplo do bo traballo que se está a levar a cabo dende o Club de Loita Lugo.
En total 4 preseas do equipo galego teñen sabor lucense, 3 para Vilalba e 1 para Lugo, e aínda que se votan en falta algúns primeiros postos non nos podemos esquencer das pratas de Eder Villanueva (El Castro de Vigo) ou de Miguel Caramés (Keltoi) e o bronce de Eliseo Permuy (Keltoi) que axudaron a clasificar a Galicia no segundo posto por seleccións. En grecorromana queremos destacar a prata de Borja Saavedra (San Ignacio) e os bronces de Pablo García (Pontevedra) e o novísimo Damián López (Touro).
Hoxe despútanse a categoría cadete na que contamos coa representación vilalbesa de Ramón Monasterio (menos de 76 kg grecorromana) e o campionato de España universitario no que destacan os vilalbeses Jose Luís Puentes e Marcos Miragaya que buscan revalidar o seu título.
Mañá tentaremos actualizar todos os resultados e subir algunhas instantáneas, mentras tanto boa sorte a todos.
VER MÁIS FOTOS

Ningún comentario: