O Club Vilalba organizará un pequeno torneo de loita tradicional galega que terá lugar o próximo 9 de Xullo no marco da celebración da Feira Medieval de Vilalba. Nesta primeira edición haberá unha pequena representación dos xóvenes loitadores da chaira que tentarán rememorar a variedade de loita autóctona que os diferentes estudos recollen na nosa terra.
Estes estudos non acaban de definir a metodoloxía do enfrontamento pois parece ser que a Tumba, a Chimpa ou Caiados, formas en que se coñecía a loita nos diferentes lugares, era unha actividade físico deportiva espontánea que se iniciaba por un reto á agarrada e que adoitaba a ter lugar no verán nas xuntanzas e celebracións tralas tarefas estivais do campo, o que seguramente deu orixe a multitude de variantes a nivel das parroquias.
O que si que parece estar claro é que comparte orixe coas diferentes variantes de loita que houbo na península como a loita da cruz (Salamanca), voltas ou marañas (Muga de Sayago-Zamora), engarrucha e aluches (Cantabria), luchas ou trinchas (Zamora), galholfa (norte Portugal), baltu (Asturias), valto (Concejo de la Lomba - León), valtío ou aluchas (La Cepeda - León), loita do Roncal (Pirineos) e probar a xuntar (Baleares)- (tomado de www.luchaleonesa.es).
A principal entidade que traballa no estudo da nosa variedade autóctona é o Club A Cambadela de A Estrada da que collemos a seguinte información sobre a nosa loita:
Pero, que diaño é iso da Loita Tradicional Galega?.
En realidade, o nome de Loita Tradicional Galega non existíu como tal para referirse á forma de loitar que tiñan os nosos antergos. Dicíase con frecuencia ir a botar loitas, ou tamén ir a aloitar, ou chamábase nalgunhas zonas Tumba, ou Chimpa, ou Caiados, ou tantos outros nomes de uso máis ben local.
Todos estes nomes facían referencia a unha actividade que se realizaba asociada a tarefas agrarias ou mariñeiras. Tradicionalmente eran frecuentes as xuntanzas de veciños tanto para realizar traballos do agro coma dunha forma festeira como medio de socialización. Era nestas xuntanzas cando surxía a loita, os mozos loitaban entre si, as mozas loitaban entre si, e incluso loitaban os mozos coas mozas. Todo se desenvolvía cun marcado carácter lúdico.
Por desgraza, posiblemente por un lado debido ao feito de que non era unha actividade regulamentada, e por outro lado ao cambio na sociedade e a un enfoque distinto das actividades do agro, a nosa forma de loitar foi esmorecendo e chegou a desaparecer.
Dende o club A Cambadela consideramos que sería unha mágoa esquecernos dunha actividade autóctona, que é parte do noso acervo cultural e ademáis con cumpridas diferencias con respecto a outras loitas de raizames similares. É por isto que pelexaremos para que a Loita Tradicional Galega, nome que aglutina ás diversas variantes e designacións desta actividade, resurxa das súas cinzas e poida chegar a ser un deporte vivo e, sobre todo, noso.
Esta entidade quere contribuír aos actos festivos do noso concello así como ao enriquecemento cultural do pobo galego, por iso proponse como reto consolidar o encontro de loita tradicional para vindeiras citas e colaborar coas diferentes asociacións que traballan na difusión e coñecemento da nosa loita.
Ningún comentario:
Publicar un comentario