luns, 13 de novembro de 2023

I MEMORIAL ALEXANDER KATCHELAEV

 

Este sábado acudimos á esperada cita na honra ao que foi a figura máis importante da loita galega nas últimas décadas. 

O noso club, como non podía ser doutro xeito, estivo presente con algúns dos nosos deportistas. Kevin Cuba acadou o ouro en cadete menos de 92 kg, mentres que Ramón Monasterio tamén subiu ao máis alto do podio ao domiñar a categoría sénior en menos de 97 kg. Para Ramón a competición supuxo retomar a competición despois de varias tempadas de parón.

Á cita tamén acudiu Jairo Mosteiro que se estreaba competindo en cadete menos de 60 kg e que non puido pasar da primeira rolda.

Alexander Katchelaev foi seleccionador da URSS na época en que este equipo consolidouse como a primeira potencia mundial en loita. Ademais de ser adestrador de varios campións olímpicos e mundiais foi xefe do equipo da URSS traballando con varios dos técnicos que hoxe domiñan a loita no planeta. Chegou a Galicia no ano 1991 para facerse cargo do equipo de loita do CGTD de Pontevedra e despois de case 40 anos de traballo foi o formador de moitos dos que nos puxemos baixo a súa batuta sendo aínda nenos. Sasha, como lle chamábamos, abriunos portas en lugares que naquela época semellaban lonxanos para occidente  e percorrimos parte do Mundo adestrando cos mellores loitadores do momento.

Para o noso club esta cita será unha data importante no calendario como mostra de respeto á persoa que tanto nos aportou.

xoves, 28 de setembro de 2023

KEVIN CUBA MELLOR LOITADOR DA PROVINCIA NOS PREMIOS DO DEPORTE DE EL PROGRESO

O noso deportista Kevin Cuba acada o premio ao mellor deportista de loita da provincia nos Premios ao Deporte Lucense organizado polo Progreso de Lugo e e cuxa ceremonia tivo lugar o 28 de setembro no Gran Hotel da capital da provincia.

Kevin foi recoñecido polo seu título de Campión de España Cadete así como os ouros nos galegos cadete e júnior e outras citas internacionais.
 

luns, 18 de setembro de 2023

CUBA PERDE EN PRIMEIRA ROLDA NO MUNDIAL 2023

 

O Vilalbés José Cuba perdeu o primeiro combate ante o exipcio Kamal Gouda no Campionato do Mundo Sénior que se está a celebrar en Belgrado.

Esta era a primeira proba clasificatoria para os Xogos OLímpicos de París 2024 e as 5 prazas que se xogaban vendéronse moi caras estando todas reservadas aos loitadores das principais potencias mundiais deste deporte.

O noso deportista terá novas oportunidades nos torneos clasificatorios que comezarán no 2024.

Outro dos deportistas que periódicamente se prepara en Vilalba tamén tentou a clasificación neste Mundial. Trátase de Catriel Pehuén, loitador de Arxentina que busca clasificar para os xogos olímpicos ao primeiro peso pesado do país americano. Catriel tamén terá que esperar aos torneos clasificatorios ao perder en Belgrado ante o estadounidense Mark Parris.


luns, 10 de xullo de 2023

CUBA 4º NO GRAN PREMIO DE ESPAÑA

 

Onte domingo tivo lugar no Pavillón Exterior do CSD de Madrid o Gran Premio de España de loitas olímpicas no que se mediron loitadores e loitadoras de todo o Mundo.

José Cuba representou a España en libre olímpica menos de 125 kg acadando un 4º posto tras retirarse por molestias musculares. O vilalbés comezou gañando ante o canadiense Roger Le por superioridade e perdendo posteriormente ante o coreano Jung Yeihyun por un punto nun axustado combate. O posterior ouro acadado polo coreano deulle a Jose Cuba a posibilidade de repescar na loita polo bronce pero decidiu non continuar na competición despois dun tirón muscular na zona lumbar no combate ante o coreano.

O noso deportista tomará un par de semanas de descanso para recuperarse e comezar a preparar a súa participación no Mundial de Belgrado a mediado de setembro, proba decisiva por é o primeiro evento clasificatorio no que se xogarán as primeiras prazas para os Xogos Olímpicos de París 2024.

domingo, 21 de maio de 2023

VILALBA CAMPIONA GALEGA DA LIGA DE DEPORTE BASE

 Onte tivo lugar en Santiago a Xornada Final da Liga Galega de Deporte Base na que o noso club proclamouse campiona por segundo ano consecutivo. A competición, adaptada ás características das e dos deportistas máis novos, reúne aos principais clubs galegos que forman equipos coas categorías prebenxamín, benxamín e alevín e que vanse clasificando para a Xornada Final en varias xornadas territorias previas.

Moitos dos nosos e das nosas deportistas non puideron participar na final debido á coincidencia nestas datas con outros compromisos pero a alta puntuación obtiva na Xornada Norte clasificatoria serviu de colchón para revalidar este primeiro posto.

Aos varios títulos de campións galegos e de España desta tempada sumamos agora este título que nos coloca por segundo ano consecutivo como a mellor escola de deporte base de loita en Galicia, o que da ánimos para seguir coa liña de traballo retomada trala crise sanitaria.

As próximas citas dos nosos deportistas serán o Gran Premio de España sénior e o posterior Mundial clasificatorio onde José Cuba pode culminar unha magnífica tempada para a loita Vilalbesa.