martes, 8 de outubro de 2013

ESCOLAS DEPORTIVAS DE GUITIRIZ

Outro ano comezamos coas escolas deportivas do concello de Guitiriz e aínda que non contamos cos 12 inscritos mínimos necesarios para sermos incluídos nas escolas deportivas municipais, o concello ponnos todas as facilidades para que a escola saia  adiante polo que seguiremos a traballar para que ningún rapaz ou rapaza que quera practicar este deporte se quede sen poder facelo.
As clases comezarán o próximo xoves 17 na Casa Habanera de Guitiriz de 17:30 a 18:30 horas, no caso de que cheguemos aos 12 matriculados trasladaremos a actividade ao ximnasio do instituto.
Para inscribirse podedes facelo nas oficinas do concello, nas instalacións da Casa Habenera os días da actividade ou enviando un email a loitaolimpicavilalba@yahoo.es.
Animádevos!

PROMOCIÓN DAS LOITAS OLÍMPICAS NO CEIP VIRXE DO CORPIÑO DE BEGONTE

O pasado venres fixemos unha actividade de promoción das loitas olímpicas no CEIP Virxe do Corpiño de Begonte, e visto o interese dos nenos e das nenas do centro pola práctica das loitas olímpicas decidimos facer unha enquisa do número de interesados na práctica deste deporte para, en función dos datos, chegar a un acordo co concello de Begonte para a posta en marcha desta modalidade nas escolas deportivas.
Mañá achegarémonos ao centro para recoller as follas de inscrición e así valorar si sería posible incluir esta actividade a pesares de que as escolas de Begonte xa están elaboradas.
Os que estades interesados non vos esquezádes de entregarlle as follas co voso nome ao profesor de educación física ou enviar un correo a loitaolimpicavilalba@yahoo.es

CUOTA MENSUAL PARA OS DEPORTISTAS NON INSCRITOS NAS ESCOLAS DEPORTIVAS MUNICIPAIS

Debido ao descenso de número de inscritos nas escolas deportivas municipais de loita nesta tempada, o concello reducíu á metade a cantidade destinada ao clube pola prestación deste servizo, algo que entendemos e aceptamos pero que pon en perigo a actividade deportiva de cara á próxima tempada. E como unha vez coñecidos os datos dos inscritos no concello observamos que non se corresponden co número de deportistas que adestran cada día no clube, vémonos na obriga de evitar un trato discrimatario con aqueles que fan o esforzo de contribuir a que as escolas funcionen e polo tanto o clube financie  a súa actividade. Por este motivo en canto o concello nos facilite a lista dos inscritos todos aqueles que asistan aos adestramentos na instalación de Vilalba e non figuren na lista deberán aboar unha cuota mensual de 10 €.
Polo pago da cuota entregarse un recibo e os cartos recaudados ingresaranse na conta da entidade para os gastos da tempada.
Así e todo queremos lembrarvos a todos que a falla de medios económicos non é un impedimento para practicar loita neste clube, pois como xa é habitual esta entidade sufraga todos os gastos dos deportistas que pola súa actual situación económica familiar non conten cos recursos para facer deporte. Para os que están nesta situación só teñen que poñerse en contacto con Iván Castro (responsable do clube).

martes, 1 de outubro de 2013

ESCOLAS DEPORTIVAS MUNICIPAIS DE LOITAS OLÍMPICAS

Lembrade que xa está aberto o prazo para inscribirse nas escolas deportivas de loitas olímpicas. Os interesados deberán matricularse antes do 4 de Outubro nas oficinas do concello, aínda que para aqueles que non podan facelo dentro do prazo existe a posibilidade de inscribirse directamente no clube.
Para inscribirse directamente no clube podedes informarvos nas instalacións de adestramento do auditorio municipal de Vilalba. O coste da actividade fora das escolas deportivas terá un coste de 10 € ao mes.

martes, 17 de setembro de 2013

PREMIOS DEPORTE SOLIDARIO 2013

Os premios e as atencións polo teu traballo sempre son reconfortantes e en certo modo son unha inxección de adrenalina para seguir no camiño, pero cremos que non pode haber maior recoñecemento que o feito polos teus compañeiros. Este sábado Iván Castro en representación do clube, recolleu o galardón dos premios Deporte Solidario 2013 no que a nosa entidade resultou finalista polo seu proxecto de promoción das loitas olímpicas e a creación de novas escolas deportivas na comarca.
Os premios están organizados polo Colexio Oficial de Licenciados de Educación Física (COLEF) e foron entregados na gala do 30 aniversario da entidade na localidade coruñesa de Riveira. Esta iniciativa busca apoiar aquelas accións solidarias vinculadas durante o 2013 coa educación física e o deporte e que conten con un ou varios licenciados en educación física.
De todos os proxectos, os premiados foron:
·         II Open de Wushu de Oleiros.
·         Taekwondo para a igualdade.

·         El Deporte como instrumento de reinserción social.
n  NORABOA A TODOS!