martes, 9 de xullo de 2024

CONCENTRACIÓN INTERNACIONAL DO GRAN PREMIO DE ESPAÑA

Estas dúas semanas Kevin Cuba Goas  permanecerá  concentrado coa selección española no CAR do CSD de Madrid. Durante uns días o noso deportista adestrará con deportistas de varios equipos nacionais que ultiman a súa participación nos Xogos Olímpicos de París 2024. Kevin, que se incorporou o día 5 antes do Gran Premio,
estará acompañado do vilalbés José Cuba que non puido loitar o Gran Premio de España ao estar recén recuperado dunha lesión de xeonllo pero si estará na concentración internacional á que se incorporará o luns. Esta actividade é unha das máis importantes para a formación deportiva dos nosos competidores pois durante case dúas semanas adestrarán con técnicos e deportistas de primeiro nivel internacional. 


 

domingo, 9 de xuño de 2024

DOUS BRONCES NOS CAMPIONATOS DE ESPAÑA SENIOR

 

Esta fin de semana celebráronse en Santigo os campionatos de España Sénior de loitas olímpicas, e foron varios os loitadores vilalbeses que se desprazaron ao Pavillón de Santa Isabel para representar a Galicia.

Destacaron Catriel Pehuén en menos de 125 kg que gañou 3 combates tendo que retirarse en semifinais no pase á final por molestias no cóbado, aínda así acadou o bronce para o equipo galego.

Ramón Monasterio tamén acadou un prezado bronce para Galicia en menos de 97 kg. Finaliza así unha magnífica tempada na que retomou a competición dende a pandemia.

A outra participación vilalbesa veu da man de Xiao Seoane en menos de 65 kg que sendo aínda júnior participou por primeira vez nun Campionato de España facendoo nada máis e nada menos que na categoría sénior, onde acadou o 10º posto.

A Santiago non puideron asistir José Cuba nin Carlos Yobani por lesión deixando a Galicia sen Ouros en libre olímpica nesta edición. Os únicos Ouros para o combinado galego acadáronse en Libre Feminina da man de Lydia Pérez (Pontevedra) e Nerea Pampín (Keltoi de Vila de Cruces).

domingo, 2 de xuño de 2024

CAMPIÓNS DA LIGA DE DEPORTE BASE

 

Por terceiro ano consecutivo a nosa escola acada o primeiro posto na Liga Galega de Deporte Base na Xornada Final que se celebrou este sábado no Pavillón do Restollal en Santiago de Compostela.

A nosa escola clasificárase previamente na Xornada Norte do mes de abril da que saíron os 3 equipos que, xunto aos mellores equipos da Xornada Sur, conformaron os 6 equipos desta Final A na que se enfrontan entre todos nunha volta.

Esta actividade prima a participación sobre o compoñente únicamente competitivo con equipos mixtos de entre 6 e 13 anos limitándose as técnicas permitidas para adaptarse a todos os niveis e idades.

Esta liga é unha maneira interesante de que os e as xóvenes deportistas podan poñer a proba o aprendido durante a tempada e iniciarse de maneira lúdica na competición. 

Para o nós, o resultado e a clasificación na liga son cousas secundarias, parecéndonos moi positivo o feito de que fósemos a escola máis numerosa. È de agradecer o compromiso das nenas, os nenos e as súas familias coa actividade, que fixeron un oco na axenda nunhas datas tan compricadas polas diversas celebracións e finais doutras modalidades deportivas. Hai que ter en conta que nos equipos máis numerosos moitos e moitas deportistas so disputan un enfrontamento e algúns se limitan a facer combates de exhibición, e aínda así todos colaboran pasando unha mañá de sábado apoiando e puntuando para que a nosa escola repita outro ano máis como mellor escola de deporte base.


sábado, 18 de maio de 2024

VARIOS VILALBESES NO VILLA DE GIJÓN

Galicia acaba de proclamarse campiona por equipos no tradicional Torneo Villa de Gijón organizado polo Grupo Covadonga. Entre o combinado galego destacaron varios dos nosos deportistas como Kevin Cuba que se fixo coa prata, igual que Héctor Somoza que acadou o mesmo metal.

Pola súa banda Xiao Seoane e Jairo Mosterio conformáronse co 4º e 7º postos respectivamente.


domingo, 12 de maio de 2024

CUBA NON LOGRA A CLASIFICACIÓN OLÍMPICA EN ESTAMBUL

 

O noso deportista máis internacional non logrou clasificarse no Preolímpico Muncial de Estambul esta fin de semana ao caer ante o medallista europeo e mundial o polaco Robert Baran.

Cuba acudía á capital turca como derradeira oportunidade para poder estar nos Xogos de Paris 2024 despois dunha tempada de incertidume polas molestias e lesións recurrentes. 

A pesares de ser o seu cuarto ciclo olímpico, o vialalbés afrontaba o desafío coa ilusión e nervos dun novato pero as molestias nun xeonllo e a dificultade dun primeiro rival no seu mellor momento alonxaron ao noso deportista de culminar a súa magnífica carreira deportiva co sabor duns Xogos Olímpicos.

Cuba agora comezará un proceso de recuperación tralo cal decidirá si se mantén activo e retoma as competicións de cara ao 2025.