venres, 29 de decembro de 2017

VII XORNADAS INTERNACIONAIS DE LOITAS OLÍMPICAS DE VILALBA

Rematamos o ano poñendo fin á sétima edición dunhas xornadas que nesta ocasión tiveron como padriño ao noso amigo Alexis Rodríguez. O campión do mundo fíxonos disfrutar durante estes dous días da súa fonda experiencia así como do seu bo humor que nos contaxiou a todos en cada sesión.
Este ano non tivemos unha gran participación de deportistas doutros clubs, seguramente as datas e a celeridade na organización do evento non favoreceu a asistencia coa que contamos nas pasadas edicións pero aínda así a moitos dos nosos deportistas puideron disfrutar da experiencia durante os dous días das xornadas.
Alexis segurirá adestrando no club ata mediados de xaneiro, momento no que irá a traballar a Marruecos como director de adestramento do Centro Olímpico de África contratado pola federación internacional.
VER MÁIS FOTOS

mércores, 27 de decembro de 2017

VII XORNADAS INTERNACIONAIS DE LOITAS OLÍMPICAS

Este ano contamos coa presenza de Alexis Rodríguez Valera que ven estar axudándonos nas pasadas datas coa preparación dos nosos deportistas máis destacados. O campión do Mundo compartirá durante estas xornadas algúns dos seus trucos que o levaron a dominar durante varios anos a categoría dos pesos pesados e a convertilo nun dos referentes deste deporte a nivel mundial.
O club que contaba con poder disfrutar dos servizos do cubano ata os Xogos de Tokio 2020 empregará esta xornada para rematar o traballo con Alexis que acaba de asinar un contrato coa Federación Internacinal (United World Wrestling) para dirixir os adestramentos do centro olímpico de África situado en Marrocos. Estas xornadas serán tamén o inicio dunha serie de actividades regulares que manteremos en colaboración con Alexis como director do centro africano para que os nosos deportistas podan asistir regularmente a adestrar a Marrocos e o propio Alexis manteña un réxime de visitas periódicas a Vilalba coa intención de axudar aos vilalbeses que teñen como obxectivo os Xogos de Tokio.
Lembrar que a xornada do venres está aberta a todos os clubs e deportistas que desexen participar e que informen previamente ao club a través do teléfono de contacto ou do email (loitaolimpicavilalba.blogspot.com).
Desexamos que desfrutes todos deste fenómeno como nós o fixemos nesta tempada na que nos acompañou.
Felices festas a todos!

venres, 22 de decembro de 2017

MELLOR CLUB DE VILALBA 2017

De novo a nosa entidade foi recoñecida como o mellor club vilalbés da tempada 2017 na segunda Gala do Deporte Vilalbés que se celebrou o pasado 8 de decembro no Auditorio Municipal de Vilalba.
É unha honra ser recoñecido con este galardón nun pobo que é referencia a nivel deportivo na nosa terra e se por riba dase o caso de repetir recoñecemento por segundo ano consecutivo o orgullo é doble.
Agradecer ao membros do xurado por ter valorado a nosa proposta e escollernos entre algúns dos mellores clubs galegos cos que compartíamos candidatura como o Racing Club Vilalbés que milita na 3ª división española de fútbol e o Club Moo Duk Kwan de Taekwondo.
Varios dos nosos deportistas tamén estiveron nominados en varias categorías como Samuel García Miragaya como mellor promesa e Roberto Díaz Orosa e Ramón Monasterio como mellores deportistas.
Moita grazas a todos e noraboa aos galardoados¡

martes, 28 de novembro de 2017

CARLOS YOBANI GARCÍA CONVOCADO COA SELECCIÓN ESPAÑOLA NO CAR DE MADRID

O vilalbés Carlos Yobani García acaba de comezar unha semana de adestramentos coa Selección Española no CAR de Madrid onde traballará baixo a supervisión de Francisco Barcio, responsable do grupo de alto rendemento do centro que o CSD ten en Madrid e que aglutina á maioría dos talentos deportivos desta modalidade.
Para Carlos é unha boa experiencia poder adestrar e ser convocado polo equipo absoluto pois supón todo un aliciente para un júnior de primeiro ano. Temos que lembrar que a convocatoria de Carlos ven despois dunha manífica tempada na que acadou a prata no estatal júnior e o bronce no absoluto, ademais dos bos resultados acadados nas competicións internacionais como a de xóvenes talentos, Internacional de Krasnik ou o Gran Premio.
O vilalbés estará acompañado doutro lucense, Nicolás López (Club Lugo) que baixo as ordes de Oscar Sánchez traballará co grupo de grecorromana co obxectivo de gañar o estatal absoluto de 2018, proba na que a priori parte como favorito.
Noraboa aos dous!

domingo, 26 de novembro de 2017

SAMUEL GARCÍA MIRAGAYA CAMPIÓN DO GRAN SLAM DE BRAGA

O vilalbés Samuel García Miragaya acaba de proclamarse campión do Gran Slam de Braga que se celebrou onte en xornada de mañá e tarde no Pavillón Municipal de Tibâes e no que o equipo galego liderado por Rubén López e Alfredo Marcuño acadou o 1º posto por equipos.
 Samuel desputaba deste xeito a súa primeira cita internacional como escolar nunha xornada na que os escolares e cadetes galegos puideron desputar un gran número de enfrontamentos que lles axuden a coller experiencia.
O vilalbés comoezou a practicar loita aos 7 anos e esta tempada foi becado como deportista no CGTD de Pontevedra onde compaxinará os adestramentos diários cos estudos de 3º da ESO, foi varias veces campión galego Escolar e incluso da categoría Cadete sendo aínda escolar de primeiro ano e acadou o 5º posto nos pasados campionatos de España da categoría escolar que se celebraron en Oviedo. Sen dúbida unha das grandes promesas da loita vilalbesa e galega.
Por parte da escola de Rábade salientar os flamantes ouros de Gergana Dimitrova e Laura Arias e o bronce de Jonathan Pernas. Gergana esta tempada colgouse o ouro no campionato galego cadete e o bronce no de España, mentras que Laura colleitou o ouro no galego júnior, prata no senior e un 6º posto no campionato de España júnior. Sen dúbida unha mostra do gran traballo que está a desenrolar Marcos Carral na escola rabadense que este ano proclamouse por primeira vez campión galego júnior feminino por equipos.
A participación lucense pechouse co ouro de Nicolás López do Lugo que se atopa nun bo momento e non tivo moita oposición durante toda a xornada posicionándose como un dos favoritos para os próximos estatais de grecorromana.
Aínda que o torneo portugués non é de primeira liña, é unha magnífica oportunidade que a Federación Galega de Loita lles brinda aos deportistas de base para facer competicións con varios enfrontamentos neste período da preparación da tempada, sendo para nós o tipo de torneos a escoller para que os máis novos collan experiencia e desfruten da competición.

Noraboa a todos!