sábado, 28 de abril de 2012

CUBA ESGOTA OUTRA OPORTUNIDADE

Helsinki será a derradeira esperanza do vilalbés para estar nos xogos de Londres 2012 ao caer hoxe en primeira ronda ante búlgaro Kumchev. A pesares de haber máis prazas, a competición de Taiyuan non prometía moito para Cuba ao ver o sorteo inicial que o comprometía a enfrontarse cos loitadores máis duros do evento agás o iraní Haidi Basmanj que se alzou co primeiro posto indo polo grupo de arriba.
A maioría dos loitadores que obteron a clasificación son dun nivel parello ao do vilalbés e algúns incluso xa teñen sucumbido ante Cuba en pasados enfrontamentos, o que aínda nos deixa un atisbo de esperanza de cara a Helsinki o próximo fin de semana.

mércores, 25 de abril de 2012

JOSÉ CUBA NON SE CLASIFICA EN BULGARIA

O vilalbés José Cuba terá que esperar ao clasificatorio de Tayuan (China) para loitar por unhas das 5 prazas olímpicas ao non conseguir pasar da primeira rolda en Bulgaria.
O vilalbés, que non tivo un dos seus mellores días, caeu no primeiro combate co representante alemán Nick Matuhin quedando fora de calquera posibilidade de chegar á final. Aínda que sabiamos que non habería adversarios doados, o sorteo inicial fíxonos crer na posibilidade de acadar a praza olímpica en Varna sendo o xermano quén nos devolveu á máis crúa das realidades. O camiño a Londres non será doado para Cuba nin para ningún dos seus compañeiros de seleción.
Hoxe partirán cara a Tayuan co obxectivo de non deixar escapar máis oportunidades e acadar o pasaxe para Londres sen necesidade de viaxar a Helsinki.

mércores, 18 de abril de 2012

CUBA PARTE PARA O CLASIFICATORIO DE BULGARIA

A cidade búlgara de Varna está a acoller aos mellores loitadores europeos que buscan clasificarse para os Xogos Olímpicos de Londres, entre eles atópase o noso mellor deportista que ven de traballar moi duro nestas últimas datas para facer historia colocando a un vilalbés no xogos.
Cuba partiu hoxe cara a Bulgaria onde disputará as súas roldas clasificatorias o próximo sábado co obxectivo de chegar á final, posto que lle daría a praza olímpica.

xoves, 12 de abril de 2012

DAVITASHVILI E KATCHALAEV REGRESAN A VILALBA

Este venres regresan a Vilalba os rusos Davitashvili e Katchalaev para ultimar a posta en forma de Cuba de cara ao próximo clasificatorio de Bulgaria hacia onde partirá o próximo día 18.
Davitashvili e Katchalev permanecerán en Vilalba até o Martes 17 onde segurirán a realizar adestramentos abertos, polo que queremos lembrar aos interesados en participar nolo comuniquen para coordinar a asistencia debido á falta de espazo.

MONASTERIO E LÓPEZ SELECIONADOS COS MELLORES DE ESPAÑA

O vilalbés Francisco Monasterio e o lucense Nicolás López partiron onte cara a Murcia para participar na concentración estatal de tecnificación onde se selecionan aos xóvenes talentos para os circuitos internacionais das categorías júnior e cadete. Destes circuitos sairán os representantes españois nos próximos europeos e mundiais de loitas olímpicas. A pesares da súa falta de rodaxe, Nicolás e Fran amósanse esperanzados de seren selecionados debido á boa progresión que ambos demostraron na presente tempada. Do que si estamos seguros é do magnífico futuro deportivo que lles agarda de seguiren a traballar como o están a facer, Fran en Vilalba e Nicolás no CGTD de Pontevedra.
DESEXAMOS TODA A SORTE  DO MUNDO PARA OS NOSOS CAMPIÓNS.