domingo, 15 de xuño de 2025

20 VECES CAMPIÓN DE ESPAÑA SENIOR

Esta fin de semana tivo lugar en Barcelona o Campionato de España Sénior de loitas olímpicas onde se reuniron as e os mellores deportistas do Estado nesta disciplina.

Coa selección galega viaxaron 3 dos nosos deportistas e os 3 conseguiron subir ao podio da máxima categoría. Cabe destacar ao incombustible José Cuba que co seu Ouro suma o  vixésimo título de Campión de España afianzando o seu reinado nos pesos pesados. Ningún loitador español achégase a esta cifra e terán que pasar anos para desbancar o récord do loitador vilalbés.

Cuba, alzouse co ouro tras colocarse primeiro de grupo vencendo  Alexandre Loghin (Navarra), Alexandru Toth Toth (Andalucía) e Abrham Coby (Madrid). Logo na seminifal venceu a Razhik Mayilyan (Cataluña) e na final ao madrileño Carlos Acebrón.

En Barcelona tamén contamos coa representación dos loitadores vilalbeses Kevin Cuba e Catriel Pehuén.

Catriel, que participou nos pesos pesados na modalidade de Grecorromana, acadou a prata vencendo a Samauel Granchau (Cataluña) e Lucas Castán (Valencia) non podendo loitar a final ante o andaluz Ernesto Pacheco por unha lesión de xeonllo. O loitador arxentino, é varias veces medallista nos campionatos panamericanos e configúrase como un dos nosos principais competidores para as próximas tempadas.

O terceiro vilalbés en Barcelona foi Kevin Cuba, que con 18 anos recén cumpridos estreouse nun campionato de España sénior acadando un meritorio bronce en libre olímpica menos de 97 kg. Kevin perdeu en primeira rolda ante o navarro Aimar Alzón, que á postre foi o campión dándolle a posibilidade ao vilalbés de entrar na repesca polo bronce. O noso deportista aproveitou a oportunidade e venceu na loita polo bronce ao madrileño Gonzálo Guijarro.

Todos os nosos deportistas adestran no noso club, polo que estamos moi orgullosos destes resultados que demostran que dende un pequeno club podemos manter o nivel competitivo dos grandes clubs e os centros de alto rendemento e tecnificación nos que adestran a maioría dos e das deportistas que suben ao podio nos Campionatos de España. Esto non sería posible sen os medios e axuda que supón o recoñecemento como NADE por parte da Secretaría Xeral para o Deporte e as axudas específicas para a Alta Competición do noso Concello  e a Deputación de Lugo.

domingo, 25 de maio de 2025

3º POSTO NA LIGA DE DEPORTE BASE DE LOITA

Esta fin de semana tivo lugar a fase final da Liga de Deporte Base no concello da Estrada e no que a nosa escola rematou en 3º lugar despois de catro tempadas consecutivas acadando o primeiro posto.

Nesta xornada acudimos con 30 nenas e nenos para disputar a final A na que nos enfrontabamos as 6 mellores escolas clasificadas nas xornadas norte e sur.

O primeiro clasificado foi o Keltoi de Vila de Cruces seguido do San Ignacio de Vigo en segunda posición.

Esta actividade ten un carácter lúdico na que as máis novas e os máis novos tentan demostrar o aprendido e, segundo os datos da federación, este ano houbo novas escolas que xuntaron a máis de 200 nenos nesta xornada final.


domingo, 11 de maio de 2025

CAMPIONATO DE ESPAÑA U13

Esta fin de semana participamos nos Campionatos de España U13 que se celebraron na localidade madrileña de Tres Cantos cunha representación de 5 deportistas vilalbeses.

Os mellores clasificados foron Noela González cun bronce e Bruno Pintos (Club de Loita Lugo) cunha prata. Alonso Maceira, Sara Martínez e Alejandra Valle remataron no 7º posto nas súas respectivas categorías.

Esta foi a primeira participación nuns campionatos de España para a maioría dos e das participantes e supuxo toda unha experiencia para todos e todas. 

A selección galega obtivo o primeiro posto por seleccións dando mostra do futuro do noso deporte.

Varios destes e destas deportistas participarán a semana que ven no Torneo Villa de Gijón e finais de maio na Xornada Final de Deporte Base rematando unha frenética final de tempada chea de eventos para os e as loitadoras vilalbesas.

luns, 28 de abril de 2025

KEVIN CUBA ACADA DÚAS MEDALLAS NO TORNEO INTERNACIONAL DE JÓVENES PROMESAS

Esta fin de semana tivo lugar o Torneo Internacional de Jóvenes Promesas no que se congregan deportistas de varios países para competir en diferentes categorías de idade.

O evento tivo lugar en La Nucia (Alicante) e congregou a centos de deportistas de 17 países de Europa, Asía e América.

O sábado tivo lugar a categoría U23 na que o vilalbés Kevin Cuba acadou o bronce por detrás do representante de Canadá (1º) e de Aimar Alzón, actual do actual Campión de España da categoría e que acadou a prata.

O domingo Kevin competiu en U20 obtendo a prata tras perder a final ante o representante de Turkmenistán.

O vilalbés permanecerá en Murcia adestrando nunha concentración internacional na que participarán deportistas de 8 países.

OS NOSOS U13 CONCENTRADOS COA SELECCIÓN GALEGA

 

Este sábado tivo lugar no CGTD de Pontevedra a concentración previa aos Campionatos de España U13 que terán lugar en Madrid. En Pontevedra estiveron convocados os membros do equipo galego que viaxarán o próximo 10 de maio á capital do Estado, e entre eles se atopaban varios dos nosos deportistas que gañaron a súa praza nos pasados Campionatos Galegos da categoría. 

Alejandra Valle, Sara Martínez, Noela González Carreira e Alonso Maceira, xunto a Bruno Pintos, serán os vilalbeses que representarán a Galicia nos Campionatos de España.