luns, 24 de febreiro de 2020

VILALBA CAMPIONA GALEGA SÉNIOR POR EQUIPOS

Este sábado tiveron lugar no pavillón de Oia en Ourense os campionatos galegos de loitas olímpicas das categorías cadete e sénior. O noso club que só levou equipo sénior alzouse co primeiro posto por equipos na catogoría con 3 ouros, un bronce e un quinto posto.
Os ouros foron para Carlos Yobani García que gañou con superioridade a categoría de menos de 70 kg, Oussama Lahnin en menos de 79 kg e Ramón Monasterio en menos de 97 kg, categoría na venceu ao rabadese Martín Vázquez que aportou esta prata para o Rábade.
O bronce veu da man de Javier Rouco en menos de 125 kg mentres que Pablo Chao conformouse co quinto posto en menos de 79 kg.
Con estes resultados o noso club terá unha representación maioritaria nos próximos campionatos de España sénior que terán lugar en Pontevedra o mes de maio.

luns, 17 de febreiro de 2020

CAMPIONATO DE EUROPA SÉNIOR ROMA 2020

O noso deportista máis internacional quedou fóra da pugna polas preseas, e asemede dos postos clasificatorios para Tokio 2020, ao perder ante o ruso Baldan Tsyzhipov o pase á lida polo bronce. Cuba que tras perder en primeira rolda ante o geogiano e multicampión mundial Petriashvili apañara a posibilidade de entrar directamente na loita polos postos de podio na repesca, non foi quen de superar ao ruso que  o bateu con certa superioridade.
As prazas olímpicas restantes xogaranse nos próximos torneos clasificatorios que terán lugar a mediados de marzo o primeiro e finais de abril o derradeiro. Non será tarefa doada pois son moitos os loitadores por clasificar e apenas tres prazas dispoñíbeis pero tentarémos con todo o denodo cumprir o sono de estar nuns Xogos.

domingo, 9 de febreiro de 2020

2 Ouros nos galegos júnior e escolar

Hoxe disputáronse no Pavillón de Teis de Vigo os campionatos galegos das categorías escolar e júnior e aínda que acudimos á cita cunha pequena representación, non foi problema para acadar uns bos resultados individuais. En categoría júnior Oussama Lahnin fíxose co ouro en menos de 79 kg vencendo na final ao actual campión de España da categoría. Na categoría escolar Xiao Seoane fixo o mesmo en menos de 44 kg mentres que Kevin Cuba conformouse cun  meritorio bronce en menos de 63 kg ao ser aínda alevín.
Oussama agora comezará a preparar o próximo galego da categoría sénior que terá lugar en Ourense e os campionatos de España júnior e Sub23 no mes de abril.

sábado, 18 de xaneiro de 2020

BRONCE DE CUBA NO GRAN PRIX DE FRANCIA

O noso deportista ven de acadar o bronce na 46 edición do Gran Prix de Francia que acaba de celebrarse en Niza. O Vilalbés subíu ao podio despois de gañar ante o belga Istapayev en primeira rolda e posteriormente perder ante os representantes bielorusos Khramin na clasificación do grupo e Saidov en semifinais, o  bronce acadouno ao vencer finalmente ante o exipcio Diaaldin por superioridade técnica.
Este é o primeiro torneo internacional do 2020 e era unha toma de contacto con loitadores  internacionais antes do europeo como segunda proba clasificatoria para os Xogos de Tokio 2020.
Agora, de regreso a Vilalba, comezaremos a preparar o Campionato de Europa que terá lugar en Roma a mediados de febreiro e no que se disputarán dous postos para estar en Tokio.


domingo, 22 de decembro de 2019

IX XORNADAS INTERNACIONAIS DE LOITAS OLÍMPICAS


Remata a novena edición das Xornadas Internacionais de Loitas Olímpicas que cada ano celebramos en Vilalba e que nesta ocasión tiveron como convidados de luxo aos campións georgianso Ilia Dentoshvili e Iuza Tsertsvadze. Durante 7 días estes grandes loitadores adicáronse principalmente a compartir os seus coñecementos cos nosos deportistas máis destacados, pero tamén tiveron tempo para achegarse a traballar cos máis novos e novas así como con deportistas doutros clubs como o Lugo, onde participaron en varias sesións de adestramento.
Foi unha semana intensa de doble e, ás veces, triple adestramento diario na que tentamos sacar o máximo proveito á experiencia de Ilia e Iuza.
Estamos convencidos de que en pouco tempo veremos aos nosos amigos georgianos nos primeiros postos dos circuito internacional e que os vilalbeses estaremos loitando con eles man a man.
Esta actividade foi posible grazas ás xestións da Federación Española e Galega para traer a deportistas deste nivel e tamén á colaboración de administracións como a Secrataría Xeral para o Deporte que a de Igualdade que nos aportou material así como ao Concello de Vilalba que sempre nos brinda a dispoñibilidade absoluta das instalacións.
Agardamos que para próximas edicións podamos seguir contando con loitadores do nivel de Ilia e Iuza.