domingo, 12 de xullo de 2015

CUBA 3º NO GRAN PREMIO DE ESPAÑA

O vilalbés consegue o prezado bronce no prestixioso Gran Premio de España de Loitas Olímpicas que acaba de celebrarse esta fin de semana en Madrid. O evento que reuníu a máis de 400 loitadores das principais potencias mundiais no deporte, ademais de ser unha das principais probas do calendario europeo grazas ao esforzo da Federación Española, constitúe a primeira clasificación dos loitadores españois de cara ao proceso preolímpico  dos Xogos de Río 2016.
Cuba na categoría de 125 kg libre olímpica comezou perdendo por superioridade técnica ante o representante estadounidense Nick Gwiazdowski, pero a pesares do mal comezo e don non atoparse na mellor das formas, soubo repoñerse e vencer na repesca ao representante de Polonia e subcampión mundial Junior Kamil Kosciolek por 8-0 e xa na loita polo bronce ao iraní Mehdi Gombadani por 14-12.
O equipo español pechou o palmarés de preseas coa prata do catalán Hector Rodríguez en libre olímpica menos de 96 kg, o Ouro de de Taimuraz Friev en menos 86 kg e os bronces en libre feminina de Karima Sánchez en menos de 53 kg e a incombustible Maider Unda en menos de 75 kg.
Con este bronce o noso deportista clasifícase para o Mundial de Las Vegas do mes de setembro como primeira proba clasificatoria para os Xogos de Río 2016. Cuba, ao que lle acaban de destinar no perído de prácticas como policía nacional en Lugo co obxectivo de poder compaxinar a vida laboral coa súa preparación para os Xogos Olímpicos, agarda recuperar a forma e poder cumprir o tan desexado soño olímpico.
Esta mesma semana os directivos e técnicos do clube comezarán unha campaña para recaudar fondos entre as institucións e empresarios locais para poder restablecer os adestramentos diarios cun adestrador profesional, concentracións con sparrings estraxeiros e viaxes ás principais competicións preparatorias. A este esforzo haberá que sumar a iniciativa particular dun conxunto de  empresarios da capital lucense que organizarán diferentes actos co obxectivo de recaudar os fondos necesarios para que o noso Titán poda representarnos a todos en Río o próximo verán. Unha iniciativa que demostra o aprecio que se lle ten ao noso deportista máis internacional e que nos deixa sen palabras.
Noraboa e ánimo a Cuba e moitas grazas a todos os que nos últimos tempos estades a demostrarnos que o esforzo deste campión non pasa desapercibido!!
VER RESULTADOS COMPLETOS

venres, 10 de xullo de 2015

CUBA NO MELLOR GRAN PREMIO DE ESPAÑA

Esta fin de semana terá lugar no Pavillón do CSD de Madrid unha cita de  primeiro orde mundial, e é que a Federación Española, a pesares da crise e as dificultades para manter a actividade de alta competición, presenta unha das citas europeas máis importantes deste ano. Parte dos mellores equipos do mundo mediranse este sábado na capital do estado e continuarán cunha concentración internacional de primeiro orde mundial.
O Vilalbés José Cuba xunto con Damián Iglesias (Touro) e Lydia Pérez (Pontevedra), Sara Viéitez (Vigo), Noelia Lalín (Lalín) e Pablo García (Pontevedra) serán parte da representación galega no equipo español.
No evento participarán preto de 600 deportistas dunha representación de países como ALEMANIA, ARMENIA, AUSTRIA, AZERBAIYAN, BRASIL, BIELORUSIA, CANADA, CAMERUN, COLOMBIA, DINAMARCA, ECUADOR, ESLOVAQUIA, ESPAÑA, GEORGIA, GRAN BRETAÑA, GUINEA BISSAU, ISRAEL, ISLAS MAURICIO, ITALIA, KAZAKHSTAN, MADAGASCAR, MONGOLIA, NORUEGA, POLONIA, POTUGAL, PUERTO RICO, RUSIA, SENEGAL, SUDAFRICA, SUECIA, SUIZA, TCHAD, TURQUIA, UCRANIA, VENEZUELA ou USA.

Podedes ver o torneo en directo nos seguintes enlaces:

3 VILALBESES CONCENTRADOS NO CGTD DE PONTEVEDRA ENTRE OS MELLORES DE GALICIA

Acaba de rematar a concentración  de xóvenes talentos organizada pola Federación Galega de Loita e DA no CGTD de Pontevedra co obxectivo de seleccionar aos mellores aspirantes de cara ser becados no centro para a próxima tempada.
Carlos Yobanni García, Roberto Díaz Orosa e Yago López Fernández están entre o candidatos a entrar no centro á espera do número de prazas dispoñibles e de que cumpran coas súas obrigas académicas.
Ademáis das propias normas do CGTD, tanto a FGL como o clube son esixentes en canto ao cumprimento das obrigas académicas por parte dos seus deportistas. Para poder participar nas nosas actividades requírese o compromiso por parte dos deportistas dun esforzo por compaxinar estudos e deporte.

xoves, 18 de xuño de 2015

CUBA CAE ANTE O ESLOVACO GAGLOEV NOS XOGOS EUROPEOS DE BAKÚ

 Trala euforia de onte polo bronce da loitadora vasca Maider Unda en loita feminina menos de 75 kg, tocáballe ao vilalbés José Cuba estrearse nos 1º Xogos Europeos de Bakú, a primeira gran cita da tempada. Sen embargo, o vilalbés non puido pasar da primeira rolda caendo ante o representante eslovaco (Gagloev) por puntos técnicos (6-0).
A categoría estivo dominada polo turco Akgul Taha que venceu na final ao bieloruso Alexei Shemarov. Os bronces foron para o georgano Petriashvili e o acerí Magomedov.
A próxima cita importante e xa clasificatoria para os Xogos de Río será o mundial de Las Vegas. Agardamos que Cuba poda preparse para o evento e teña posibilidades de obtar a unha das prazas olímpicas.

PÁXINA XOGOS EUROPEOS

domingo, 7 de xuño de 2015

GALICIA CAMPIONA NO XIX TORNEO RGCC DE XIXÓN


O equipo galego de loitas olímpicas ven de acadar o primeiro posto no XIX Torneo do RGCC de Xixón que se celebrou este sábado no pavillón Guillermo García de Xixón.
Na categoría cadete, o equipo galego estivo composto por 5 deportistas, 3 dos cales foron deportistas do club vilalbés.
A competición que foi por equipos ao estilo da liga estatal de clubs, permitiu concentrar a varias das nosas promesas e enfrontarse a algúns dos mellores españois das súas categorías.
En menos de Carlos García quedou no primeiro posto  en cadete menos de 56 kg e tras gañar ao tamén vilalbés Roberto Díaz Orosa que tivo que conformarse co 3º posto tras gañar 3 dos seus enfrontamentos e perder únicamente ante o seu compañeiro de equipo.
En menos de 85 kg cadete representounos Yago López que se fixo cun segundo posto.
O equipo galego estivo dirixido por Rubén Méndez de Viladecruces e Jose Luís Puentes de Vilalba que fixeron unha magnífica labor aos mandos dun equipo moi novo que ademais dos vilalbeses estivo composto por Damián Iglesias (Touro), Pablo García (Pontevedra), Maceiro e Jesús Gonçalves (Keltoi) e José Martínez (Stellae).
Tras a competición os nosos deportistas tiveron a oportunidade de facer unhas sesións de adestramento dirixidas polo seleccionador estatal de libre olímpica e libre feminina Francisco Barcía. Barcia tentou darlles algúns dos consellos e trucos que tan bos resultados están a dar á loita española nos últimos anos.
Agardamos que desfrutasen e aproveitasen ben a oportunidade.
Noraboa a todos!!