luns, 15 de decembro de 2014

A LALINENSE NOELIA LALÍN PREMIO Á EXCELENCIA DEPORTIVA DA UNIVERSIDADE DE VIGO

(Fonte: FGLeDA)
A deportista do Club Keltoi de Vila de Cruces foi premiada co galardón que distingue os mellores alumnos da Universidade de Vigo que compaxinan os seus estudos co deporte de alto nivel. 
Noelia este ano acadou o campionato de España absoluta de Loita Feminina e o 5º posto no campionato do Mundo universitario. A súa extensa e prolífica traxectoria deportiva, así como a súa capacidade de ser unha alumna sobresaínte da facultade de Fisioterapia no campus de Pontevedra da universidade de Vigo, convertérona nunha dos seis alumnos premiados na gala que se celebrou este pasado xoves en Pontevedra.

xoves, 11 de decembro de 2014

DEBATE: OS DEPORTES MÁIS DUROS DO MUNDO

EDICIÓN EN CASTELLANO
Hai uns días mantíñase unha pequena discusión amigable sobre si as loitas olímpicas son ou non o deporte máis esixente do mundo. Esta é unha discusión pouco produtiva pois ninguén se atopa en condicións de poder afirmar con rotundidade cal é o deporte máis difícil, duro ou divertido que un pode practicar, e as diferentes clasificacións dependen dos parámetros que se teñan en conta.
A discusión xurde cando dende a perspectiva científica téntase refutar os titulares xornalísticos que tildan ao fútbol, ciclismo ou automobilismo como os deportes máis duros do mundo sen ningún argumento obxectivo.
Se tentamos analizar o deporte escapando do relativismo cultural, é certo que a loita aparece sempre no top-ten dos deportes máis duros do mundo e tamén de entre os máis difíciles que se poden practicar, pero estas mesmas clasificación soen deixar fóra deportes como o fondo ou o ciclismo.
Isto sucede porque cando se valora a dificultade dunha disciplina, o habitual é tomar uns parámetros condicionais (Resistencia, forza, velocidade ou flexibilidade), outros coordinativos e outros mentais ou psicolóxicos e acudir á bibliografía científica para determinar as magnitudes de cada un. A valoración final virá dada pola media rexistrada do total dos parámetros avaliados.
Calquera que entenda un pouco de fisioloxía do exercicio saberá valorar a proeza que supón correr en case dúas horas 42,2 km ou o que é o mesmo, correr durante dúas horas a menos de 3 minutos o km. Por si alguén non o pensou nunca, é un esforzo que moi poucas persoas do mundo poden desenrolar e que require ter un limiar anaeróbico entre o 80 e 95 % do VO2 Máx. o que permite manter unha intensidade absoluta de traballo elevada durante dúas horas. Para ser máis gráfico e chegar a aqueles que so saben de deporte polo que len nos medios, pensemos que moitos dos xogadores profesionais de fútbol custaríalles manter durante 1 km a velocidade coa que un maratoniano percorre máis de 42 km.
Por todo isto debemos resaltar que este tipo de clasificacións son moi subxectivas e dependen dos parámetros que o observador decida ter en conta, provocando controversias como a xa mencionada de non incluír o maratón ou o boxeo entre os deportes máis duros.
Aclarado isto, xa podemos comezar co autobombo e a vaidade de resaltar a loita olímpica como o deporte máis duro do mundo.
Son varias as fontes que sitúan este ancestral deporte non top-ten dos máis esixente e incluso de entre os máis difíciles, algo que calquera que tivese a oportunidade de practicar loita xa tiña claro de antes.
Comezando co portal británico Askmen, que clasifica a loita xunto co mma como o deporte máis duro mundo despois de ter en conta a Forza, a Velocidade, a Resistencia e a duración da vida deportiva que require a súa práctica. Esta, que é a lista na que máis arriba aparece o noso deporte, é tamén unha das que exclúe ao maratón ou, máis chamativo aínda, o boxeo de entre as modalidades máis esixentes.
Se estudamos a lista do xigante televisivo ESPN, a loita está entre os 6 deportes do mundo con maior dificultade técnica. No máis alto do podio estaría o boxeo seguido do hoquei xeo. Esta é unha das clasificacións máis obxectiva ao ter en conta 10 parámetros distintos para a súa valoración, ademais dos parámetros condicionais clásicos ten en conta parámetros como o metabolismo anaeróbico, a axilidade, a coordinación óculo-manual ou o compoñente nervioso da súa práctica.
Tamén no portal Sporteology que encumia á ximnasia deportiva como o deporte máis complexo do mundo, coloca á loita no posto número 9. Resaltar que esta clasificación basease en opinións subxectivas sen definir parámetros para a súa valoración.
Para rematar temos que contrapor outras clasificacións que atopamos e que son, como mínimo do máis curiosas. Algunhas colocan ao Golf como o deporte máis esixente, seguido do motocross, o cricket e o polo, pero todas elas, como era de esperar baséanse en opinións persoais e non contemplan á loita, o boxeo, o Judo, o rugby ou o fútbol entre os 5 primeiros. Neste tipo de clasificacións sen valoracións obxectivas e con todos os respectos ás mencionadas modalidades deportivas, son curiosamente os deportes con barreiras económicas de entrada que leva a unha práctica restrinxida ás elites económicas os que se supoñen os máis esixente e complexos de practicar.
Como conclusión temos que dicir que pode que a loita non sexa o deporte máis esixente e complexo do mundo, seguramente non existe ningunha modalidade que poda ocupar este posto, pero o que si que debemos ter claro é que a loita olímpica é un dos paradigmas de sacrificio e dificultade en todo o mundo, e que si engadimos a súa valoración como deporte mundial educativo pola UNESCO, si que podemos dicir aquelo de que "é algo máis que un deporte".
Debemos ter todo isto moi presente, en especial cando vemos que non temos presenza nos medios cando os nosos deportistas acadan logros extraordinarios, cando as administracións non atenden ás nosas demandas ou cando vemos que non existimos para os principais axentes deportivos. Non somos os únicos que nos atopamos nesta situación, son moitas as modalidades e os profesionais aos que non se lles valora de maneira obxectiva. Pero tamén é certo que cada vez son máis son os cidadáns e usuarios críticos coa tiranía mediática, co monopolio dos investimentos públicos en infraestruturas para unha soa modalidade deportiva, ou os que denuncian que unha nena ou neno do interior non teña a posibilidade de practicar esgrima, ximnasia deportiva, loita ou incluso atletismo.
Na nosa opinión, a loita e outras modalidades olímpicas estamos preparados para o cambio que debemos impulsar. Cada ano temos máis practicantes, novos clubs e sobre todo novos profesionais coa máxima cualificación (Licenciados e graduados en EF), polo que sintámonos moi orgullosos do noso deporte, dos valores e os beneficios sociais que impulsamos porque máis pronto que tarde administracións e medios de comunicación veranse como ser compañeiros de viaxe.
A verdadeira dureza ou esixencia da práctica deportiva radica en facer grandes cousas cos poucos medios e apoio co que contamos, e isto sucede na loita e na maioría das modalidades que abnegados profesionais poñen á nosa disposición no noso entorno.
Un saúdo e ánimo a todos.
EDICIÓN EN CASTELLANO



luns, 1 de decembro de 2014

3 VILALBESES NA CONCENTRACIÓN INTERNACIONAL DE NAVARRA

Hoxe comezou a Concentración Internacional de Loitas Olímpicas de Burlada (Navarra) na que participarán os 3 campións de España cadetes do club Vilalba.
Carlos García, Roberto Díaz e Ramón Monasterio convivirán ata o próximo sábado cos mellores loitadores españois e doutros estados europeos que traballarán na localidade navarra baixo as ordes do noso amigo Michele Liuzzi.
Os vilalbeses desprazáronse a Navarra acompañados de Nicolás Castro que os axudará a mellorar e correxir erros de cara aos próximos campionatos estatais nos que Roberto e Carlos tentarán reeditar os seus títulos, mentras que Ramón terá que demostrar que é o mellor no seu primeiro ano como júnior.
Sorte e a todos e aproveitade a experiencia!!

domingo, 23 de novembro de 2014

VILALBA REMATA NO 5 POSTO NA LIGA ESTATAL DE LOITAS OLIMPICAS

Vilalba remata no quinto posto de entre os 7 mellores clubs do estado de loitas olímpicas na ligade primeira   división ao perder dous dos seus enfrontamentos e empatar un terceiro.
Foi na primeira ronda onde o CAR de Murcia impúxose aos nosos deportistas por un contundente 7-0. Con menos superioridade superounos o San Blas de Madrid en segunda ronda e rematamos cun empate a 5 co Rivas Madrid que nos deixou no último posto do grupo e o posterior 5o posto na xeral.
O resultado creemos que non reflexa o esforzo dos nosos deportista que acudiron a Murcia con toda a ilusión a pesares de levar un equipo moi debilitado polas baixas de última hora.
A clasificación final foi a seguirte:
1. San Adriá de Barcelona
2. Club de Lucha Ares de Valencia
3.CAR de Murcia
4. San Blas de Madrid.
5. Club Vilalba
6.  Club Rivas Madrid
7. Club Hércules de Valencia
 Máis aló do resultado temos que felicitar aos deportistas polo esforzo empregado, moi especialmente a aqueles que tiveron que doblar nas modalidades de libre olímpica e grecorroma tendo que facer o dobre de combates polas baixas de última hora. Tamén o noso agradecemento aos loitadores e os seus clubs que nos apoiaron cos seus deportistas, Xandre Freire do Ayude, Eliseo Permuy do Keltoi, Pablo García do Pontevedra e Nicolàs López do Lugo fixeron posible que contásemos con equipo competitivo.
Garzas a todos e noraboa al clube San Adriá polo éxito esta liga tan dura.

xoves, 20 de novembro de 2014

VILALBA SE MEDIRÁ ESTE SÁBADO AOS MELLORES CLUBS DO ESTADO NA LIGA NACIONAL DE 1ª DIVISIÓN

Esta fin de semana Vilalba volverá a competir na fase final da Liga Estatal de primeira división de loitas olímpicas que se celebrará no pavillón deportivo do CAR de Murcia na localidade de Los Narejos. O equipo vilalbés volta a medirse cos 8 mellores clubs españois  que chegan á final tras a clasificación nos campionatos de España absolutos.
O club vilalbés viaxará a Murcia reforzados con varios loitadores doutros clubs galegos para tentar chegar aos primeiros postos, aínda que as baixas de última hora obrigará a varios deportistas a dobrar nas modalidades de libre olímpica e grecorromana. Dos 10 loitadores inscritos, finalmente viaxaremos cunha delegación de 8 deportistas, un arbitro e Nicolás Castro e Marcos Miragaya como adestradores.
Vilalba enfrontarase na primeira rolda ao CAR de Murcia, actual campión da liga estatal,  en segunda rolda espéranos o Rivas Madrid seguido do tamén madrileño o clube San Blas. O gañador do grupo pasará a final para determinar cal é o mellor clube do estado.
Vilalba viaxará cun equipo moi novo  con 4 loitadores de apoio pertencentes a outros clubs da nosa comunidade.
ALEXANDRE FREIRE RODRIGUEZ
Club Ayude de Melide
62kg
ELISEO PERMUY SOTO
Club Keltoi 
70kg
PABLO GARCÍA GARCÍA
 Club Pontevedra
-80 kg
PABLO CHAO DURÁN
 Vilalba
-80kg
JOSE LUÍS PUENTES SEOANE
 Vilalba
-90kg
CATRIEL PEHUÉN MURIEL
 Vilalba
+90kg
NICOLÁS LÓPEZ GREDILLA
Club Lugo
+90kg
RUBÉN VARELA VAZQUEZ
 Stellae de Santiago
Árbitro
MARCOS MIRAGAYA LAMA
 Vilalba
Adestrador
NICOLÁS CASTRO SEOANE
 Vilalba
adestrador

Desexamos que os nosos campións teñan sorte e podan traer un dos poucos títulos cos que non contamos, nunha competición na que xa acadamos un terceiro posto e á que cada ano énos máis difícil poder acudir polo elevado custe da mesma.

Ánimo e moita sorte!!