domingo, 16 de marzo de 2014

O éxito de Cuba no Campionato de España no xornal La Voz de Galicia

JOSE CUBA DE NOVO CAMPIÓN DE ESPAÑA E VILALBA CAMPIONA POR EQUIPOS

 Jose Cuba acada o 11º título de campión de España da máxima categoría de loitas olímpicas. O vilalbés alzouse co título no seu regreso á competición estatal, pero non foi o único vilalbés que subiu ao máis alto do podio. A provincia de Lugo tivo unha grande representación na selección galega e foi decisiva para acadar os primeiro posto por seleccións en libre olímpica na categoría cadete e o segundo posto na categoría sénior, ademáis a selección galega feminina tamén alzouse cos primeiros postos tanto na categoría cadete como na senior.
Os éxitos dos deportistas galegos fannos sentir moi orgullosos, pero o que realmente non enche de ledicia é participación dos loitadores lucenses que como xa dixemos foi decisiva para o triunfo do equipo.
Comezamos cos ouros na categoría cadete libre olímpica acadados polos vilalbeses Carlos García (menos 42 kg), Roberto Díaz (menos de 46kg) e Ramón Monasterio (menos 100kg) que contribuíron a que o Clube Vilalba acadase o título de Campión de España Cadete por clubs. Monasterio acudiu a Madrid como favorito e non fallou ao pronóstico perfilándose como un dos candidatos para acudir coa selección estatal aos torneos internacionais. Roberto e Carlos en cambio alzáronse co ouro da categoría cadete sendo escolares, e aínda que se trata dun bo resultado sen dúbida víronse beneficiados pola pouca participación no campionato seguramente debido á falla de recursos de moitas federacións e clubes estatais.
Ademais dos vilalbeses tamén destacaron os compañeiros do clube Rábade que chegaron todos ás seminifinais nas súas respectivas categorías.Os rabadenses Cristian Pena (menos de 58kg), Cristian Pumares (menos de 63kg) e Angel Campo (menos de 85kg) non puideron subir ao podio a pesares da súa boa actuación, debemos ter en conta que os rapaces adestrados por Marcos Carral estreábanse nun estatal e que aínda son cadetes de primeiro ano. Estamos seguros de que o ano que ven a provincia poderá superar os históricos resultados desta fin de semana.
Xa en senior ademáis do éxito de Cuba (Vilalba) como referente da  loita galega tamén temos que destacar a prata de Nicolás López (Lugo) en grecorromana menos de 120 kg. Nicolás que hai dúas semanas alzouse co título estatal da categoría júnior, chegou á final con facilidade caendo na loita polo ouro ante o manchego Pedro Amalio.
En senior tamén destacou a participación do vilalbés Jose Luis Puentes (Vilalba) que acadou o 5º posto en libre olímpica menos de 86 kg, na mesma categoría tamén loitou David Grandío (Rábade) que caeu na primeira rolda no seu estreo nunha competición deste nivel.
Na modalidade de grecorromana tamén tivemos representación, e acompañando á prata de Nicolás estivo Pablo Chao (Vilalba, menos de 75kg) e Martín Vázquez ( Rábade, menos de 98kg) que non subiron ao podio pero deixaron boas sensacións aos seleccionadores desprazados a Madrid.
Agora o clube dará descanso aos deportistas para que se recuperen da competición e comecen a prepararse para as concentracións e eventos internacionais para os que sexan convocados polos seleccionadores españois.
Noraboa a todos e ánimo pra seguir traballando!!!

domingo, 2 de marzo de 2014

NICOLÁS LÓPEZ E CARLOS GARCÍA CAMPIÓNS DE ESPAÑA

Os loitadores lucenses tiveron unha destacada actuación esta fin de semana nos campionatos de España das categorías Escolar e Júnior que se celebraron no pavillón exterior do Consello Superior de Deporte de Madrid.
Nicolás López (Club de Loita Lugo) e Carlos García (Club Vilalba) foron os grandes triunfadores ao acadar sendos ouros nas súas respectivas categorías. Nicolás impúxose na categoría Júnior menos de 120 kg na modalidade de grecorromana obtendo así o seu terceiro título estatal da categoría.
Carlos debutou na categoría escolar en menos de 42 kg vencendo a todos os seus rivais cunha habilidade e actitude inusuais nun deportista da súa idade.
Xunto a Nicolás e Carlos, a participación de varios deportistas lucenses fixeron que a provincia fose decisiva para que o equipo galego rematase no 2º posto por seleccións tanto en escolar como na categoría júnior. Asi que tamén queremos destacar a prata de Ramón Monasterio (Clube Vilalba) en menos de 100 kg libre olímpica da categoría júnior que chegou á final sendo aínda cadete. En escolar, Roberto Díaz (Clube Vilalba) menos de 47kg e Jonathan Pernas (Club Rábade) en menos de 76 kg non puideron subir ao podio aínda que lograron o 5º e 8º posto respectivamente.
A próxima cita para os nosos deportistas será o próximo 15 de Marzo nos campionatos de España das categorías cadete e sénior, e onde a representación de deportistas lucenses será aínda maior.
NORABOA A TODOS!!!

xoves, 27 de febreiro de 2014

CONCENTRACIÓN DIANTE DO CONCELLO POLO ESTADO DO AUDITORIO MUNICIPAL

Este xoves ás 20:30 diante do Concello de Vilalba está prevista unha cacerolada para protestar polo estado das instalacións do Auditorio e o Conservatorio Municipal. A protesta organizada polas nais e os pais dos alumnos do conservatorio municipal pretende concienciar ao governo local da necesidade de dar unha resposta a este problema que chega ás veces a ser perigoso para os usuarios das instalacións. A nosa entidade desenrola a súa actividade no Auditorio Municipal e leva tempo padecendo os problemas causados pola mala construción deste edificio que prentendía ser emblema da vila, non sendo a primeira vez que partes da estructura da instalación despréndense do teito caendo ao chan durante unha clase na que participaban menores.
Por todo isto, e aínda que somos conscientes da falla de recursos para investimentos, queremos apoiar e participar nesta protesta, pois cremos que non tomar unha decisión agora suporá unhas peores consecuencias no futuro.

domingo, 9 de febreiro de 2014

ÉXITO DOS EQUIPOS LUCENSES NO CAMPIONATO GALEGO SENIOR E CADETE, O CLUBE VILALBA CAMPIÓN GALEGO CADETE

Este Sábado tiveron lugar no pavillón municipal de Santa Isabel de Compostela os campionatos galegos de loitas olímpicas das categorías cadete e sénior nos que os loitadores lucenses trouxeron para a nosa provincia moitas das medallas que se xogaron.
Na modalidade de grecorromana categoría cadete Vilalba acadou o primeiro posto moi seguido do Rábade que se alzou co bronce por equipos, en libre olímpica so Vilalba subiu ao podio levándose o bronce por equipos.
Temos que destacar nesta categoría os ouros acadados por Ramón Monasteio (Vilalba máis de 85), Carlos García (Vilalba menos de 43kg), Roberto Díaz (Vilalba menos de 47kg), Cristian Pumares (Rábade menos de 68 kg) e Angel Campo (Rábade menos de 85 kg), todos eles alzáronse cos primeiros postos tanto nas modalidades de libre olímpica como grecorromana. Lembrar que si ben os rabadenses son cadetes de primeiro ano, os vilalbeses Carlos e Roberto aínda son escolares e que precisaron da autorización paterna para participar nunha categoría de idade superior á súa.
Outros loitadores da provincia tamén colaboraron aos éxitos dos clubes lucenses na categoría cadete como Caique de Meneces (Vilalba menos de 58 kg) que acadou o bronce en grecorromana, Jonathan Pernas (Rábade menos de 76 kg) que tamén logrou o bronce en grecorromana e Cristian Pena (Rábade menos de 58 kg) que levouse a prata en grecorromana e o bronce en libre olímpica.
Na categoría sénior Lugo tamén tivo unha boa representación con varios éxitos dos clubs de Lugo, Rábade e Vilalba, este último acadou o segundo posto por equipos.
A categoría pesada estivo totalmente dominada polos lucenses, e coa ausencia de Cuba o gran triunfador foi Catriel Pehuén (Vilalba) que gañou con moita superioridade o ouro tanto en libre olímpica como grecorromana. A Catriel o acompañaron no podio Francisco Monasterio (Vilalba) que acadou a prata disputándolle as finais ao seu compañeiro de equipo en ambas modalidades. O bronce da máxima categoría foi para Nicolás López (Lugo) que a pesares da súa boa actuación non puido superar aos seus compañeiros.
En menos de 84 kg dominou Jose Luis Puentes (Vilalba) que fíxose co ouro tanto en libre olímpica como grecorromana nunha categoría na que se enfrontaba a varios campións de España.
Tamén queremos facer unha mención aos moitos bronces acadados polos nosos deportistas que fixeron desta provincia unha das máis galardoadas do campionato, Pablo Chao (Vilalba menos de 74kg), David Grandío (Rábade menos de 86 kg) Francisco Fernández (Lugo menos de 86kg) e Martín Vázquez (Rábade menos de 97 kg).
En Marzo terán lugar en Madrid os campionatos estatais de loitas olímpicas de todas as categorías (1 Marzo escolares e júnior e 15 de Marzo cadetes e séniors) e serán moitos os lucenses os que nos representarán, algúns constitúen as mellores bazas para o equipo galego. Ramón Monasterio será o favorito para o ouro na categoría cadete e tentará dar unha sorpresa na categoría júnior a pesares da súa mocidade. Tamén agardamos que Nicolás López domine a máxima categoría na que xa sería o seu terceiro título de campión de España. En cadete tamén serán varios os lucenses que tentarán traer para Lugo os títulos de campións de España, Angel Campo, Cristian Pumares, Carlos García e Roberto Díaz xa teñen gañada a súa participación nos estatais, no caso de Roberto e Carlos con tan so 13 anos tamén estarán no escolar onde Roberto terntará defender o título de campión de España da categoría que acadou en Murcia no 2013.
Sen dúbida a gran mágoa é a imposibilidade de participar no estatal de Catriel Pehuén. Este deportista, arxentino de orixe, leva vivindo en España dende os 8 anos, comezou a practicar este deporte por casualidade en Vilalba e en pouco tempo decatámonos da potencialidade deste magnífico rapaz, e aínda que está a traballar para conseguir a nacionalidade que lle permitirá consumar o seu dereito de participar nos estatais, desgraciadamente non ten o currículo deportivo dos que algúns deportistas se benefician para acelerar este trámite. Catriel é un exemplo pra todos nós e agardamos que pronto poda arranxar a súa situación e súmese a Cuba como unha das grandes figuras da loita galega na mentras  promesas como Ramón non rematen de formarse.
Noraboa a todos e ánimo para as próximas citas que nos agardan!!