domingo, 16 de febreiro de 2025

PLENO DE OUROS NOS CAMPIONATOS GALEGOS U13

Este sábado tiveron lugar os campionatos galegos de loitas olímpicas das categorías U13, U17 e Sénior no Pavillón do CGTD de Pontevedra e nos que levamos un reducido equipo debido ás moitas ausencias de última hora. Aínda así os nosos deportistas acadaron 7 ouros e dúas pratas nas categorías U13 e Sénior, nas que tamén acadamos o 3º posto por equipos nas dúas categorías.

Cabe destacar o pleno de Ouros do noso equipo na categoría U13. Alonso Maceiras, Sara Martínez, Alejandra Valle, Noela González Carreira e Bruno Pintos (este con licenza polo Loita Lugo) subiron ao máis alto do podio domiñando as súas categorías. Varias destas deportistas tamén gañaron os pasados Campionatos Galegos na categoría superior de  U15, dando mostra de que se atopan preparadas para participar nos próximos campionatos de España representando á Selección Galega.

Na categoría sénior, José Cuba domiñou a categoría dos pesos pesados en libre olímpica mentres que Catriel Pehuén acadou outro ouro na modalidade de grecorromana.

Kevín Cuba conformouse con dúas pratas, en libre olímpica e en grecorromana, na categoría de 96 kg mentres que Xiao Seoane rematou no 5º posto na categoría de menos de 74 kg.

Rematada a fase autonómica de tódalas categorías comezamos a preparación para as 17 participacións en campionatos de España que teremos neste 2025, na que será unha das nosas tempadas con máis deportistas na competición estatal, e na que José Cuba retomará a competición nacional xa recuperado dunha operación de xeonllo e buscando superar os 20 títulos de Campión de España.


Ningún comentario: