Seguramente isto debera ser unha nova
excepcional, algo que non ocorrese todos os anos. Os modestos clubs de pequenas
poboacións non deberan estar na elite do deporte estatal, si os seus deportistas
pero non estas entidades que nun sistema deportivo san serían o forno e plataforma
dos grandes loitadores pero nunca os aglutinadores da elite. Sei que isto é
difícil de entender e precisa dunha explicación pero agora quero resaltar a
fazaña dos nosos heroes que se merecen toda a nosa atención.
Vilalba acudiu a Los Narejos (Murcia)
posiblemente co equipo máis pequeno e máis humilde de toda a competición, algo
que en ningún momento pareceu minguar as gañas dos nosos deportistas de loitar
e si fose posible facer historia. Durante todo campionato so caemos ante o Club
Ares de Valencia , no resto da fase eliminatoria empatamos co San Blas de
Madrid e o CAR de Murcia que rematou acadando o primeiro posto, e gañamos
contra o Quart de Poblet de Valencia o que nos valeu a segunda praza do grupo e
o pase á loita polo bronce. Aquí, cun equipo incompleto e con algunha baixa por
lesión, impuxémonos ao Hércules de Andalucía que acudía cun equipo de 19
loitadores facendo que o bronce final
soubese a vitoria.
Ao noso equipo chamámoslle Vilalba porque
algún nome ten que levar, pero en realidade non sería posible este resultado
sen o apoio do Keltoi de Vila de Cruces, do Touro, do Pontevedra e o Atila de
Ourense. Sen a axuda dos seus deportistas non poderiamos viaxar a Murcia cun
equipo competitivo e posiblemente a nosa terra non tería representación no
máximo campionato de clubs estatal, así que é unha vitoria de todos xuntos co
nome de Vilalba.
Queremos resaltar ademais do esforzo dos nosos
loitadores, o bo traballo levado a cabo por Nicolás Castro e Marcos Miragaya,
coa súa intelixencia e sabedoría souberon facer un posta táctica na que a
inferioridade numérica non impediu a loita polos primeiros postos. Temos que
lembrar que co Murcia (18 loitadores), o equipo campión, chegamos a empatar e
que ao non poder levar todas as categorías de peso por falla de presuposto cada
encontro o comezábamos co marcador en contra. Sen dúbida a xestión do corpo
técnico foi fundamental na consecución do terceiro posto.
Agardamos que este resultado sirva para
motivar aos nosos deportistas máis novos e co tempo a nosa terra conte con máis
dun equipo na división de honra.
NORABOA A TODOS!!
Ningún comentario:
Publicar un comentario