domingo, 9 de xuño de 2024

DOUS BRONCES NOS CAMPIONATOS DE ESPAÑA SENIOR

 

Esta fin de semana celebráronse en Santigo os campionatos de España Sénior de loitas olímpicas, e foron varios os loitadores vilalbeses que se desprazaron ao Pavillón de Santa Isabel para representar a Galicia.

Destacaron Catriel Pehuén en menos de 125 kg que gañou 3 combates tendo que retirarse en semifinais no pase á final por molestias no cóbado, aínda así acadou o bronce para o equipo galego.

Ramón Monasterio tamén acadou un prezado bronce para Galicia en menos de 97 kg. Finaliza así unha magnífica tempada na que retomou a competición dende a pandemia.

A outra participación vilalbesa veu da man de Xiao Seoane en menos de 65 kg que sendo aínda júnior participou por primeira vez nun Campionato de España facendoo nada máis e nada menos que na categoría sénior, onde acadou o 10º posto.

A Santiago non puideron asistir José Cuba nin Carlos Yobani por lesión deixando a Galicia sen Ouros en libre olímpica nesta edición. Os únicos Ouros para o combinado galego acadáronse en Libre Feminina da man de Lydia Pérez (Pontevedra) e Nerea Pampín (Keltoi de Vila de Cruces).

domingo, 2 de xuño de 2024

CAMPIÓNS DA LIGA DE DEPORTE BASE

 

Por terceiro ano consecutivo a nosa escola acada o primeiro posto na Liga Galega de Deporte Base na Xornada Final que se celebrou este sábado no Pavillón do Restollal en Santiago de Compostela.

A nosa escola clasificárase previamente na Xornada Norte do mes de abril da que saíron os 3 equipos que, xunto aos mellores equipos da Xornada Sur, conformaron os 6 equipos desta Final A na que se enfrontan entre todos nunha volta.

Esta actividade prima a participación sobre o compoñente únicamente competitivo con equipos mixtos de entre 6 e 13 anos limitándose as técnicas permitidas para adaptarse a todos os niveis e idades.

Esta liga é unha maneira interesante de que os e as xóvenes deportistas podan poñer a proba o aprendido durante a tempada e iniciarse de maneira lúdica na competición. 

Para o nós, o resultado e a clasificación na liga son cousas secundarias, parecéndonos moi positivo o feito de que fósemos a escola máis numerosa. È de agradecer o compromiso das nenas, os nenos e as súas familias coa actividade, que fixeron un oco na axenda nunhas datas tan compricadas polas diversas celebracións e finais doutras modalidades deportivas. Hai que ter en conta que nos equipos máis numerosos moitos e moitas deportistas so disputan un enfrontamento e algúns se limitan a facer combates de exhibición, e aínda así todos colaboran pasando unha mañá de sábado apoiando e puntuando para que a nosa escola repita outro ano máis como mellor escola de deporte base.