Remata a máxima proba estatal das categorías cadete e sénior cunha moi boa participación
dos clubs lucenses que desprazaron 8 deportistas á cidade do Lérez e
colleitando un total de sete medallas.
Aínda que todos os lucenses tiveron unha grande participación, parécenos de
xustiza resaltar en primeiro lugar a vitoria de José Cuba, que con este ouro xa son trece veces as que
acada o título de campión de España sénior, toda unha fazaña nun deporte tan
esixente como o da loita e, dende logo, o mellor xeito de deixar claro aquel “aínda non me retiro” que exclamou cando regresou á competición a
tempada pasada tras da grave lesión no Villa de París que o deixou fóra da
loita pola clasificación olímpica.
O vilalbés acadou a vitoria vencendo a todos os rivais por superioridade técnica
e sen perder un só punto en toda a competición, unha mostra máis de que está
preparado para os principais circuítos internacionais.
Tamén é de resaltar o bronce de Gergana Dimitrova do Rábade en cadete menos
de 65 kg, que tras caer en primeira rolda ante a madrileña Rodríguez, acadou o
terceiro posto na repesca vencendo á valenciana Ojeda. Sen dúbida unha mostra
do gran traballo que Marcos Carral está a facer na escola de Rábade.
O resto de loitadores da provincia tamén tiveron unha grande participación,
destacando de entre todos a Yago López do Vilalba que acadou o seu segundo
título de campión de España cadete en menos de 100 kg, categoría na que a pesares
de non estar moi concorrida amosou unha gran superioridade.
Os tamén vilalbeses Roberto Díaz e Carlos Yobani García acadaron o bronce
en menos 57 kg e menos de 61 kg respectivamente. Temos que lembrar que ambos loitadores
competiron na categoría sénior sendo aínda júniors de primeiro ano polo que precisaron unha
autorización especial para disputar a categoría. Roberto enfrontouse en
primeira rolda ao balear Metrivelli, deportista de orixe georgiano que defendía
título tras varias tempadas como número 1 do combinado español. Tras varios
combates de repesca puido acadar o terceiro posto tras vencer ao leonés Acosta.
Carlos pola súa banda, venceu en primeira rolda ao valenciano Suárez caendo en
semifinais ante o catalán Rivera, na repesca tamén acadou o podio tras vencer
ao madrileño del Moral.
A festa de presear pechouse co lucense Nicolás Gredilla que tras caer por
un erro técnico na final tivo que conformarse cun meritorio segundo posto.
O escolar Rubén Fraga do Vilalba
fíxoselle moito categoría cadete en menos de 69 kg caendo en primeira rolda.
Este novo loitador terá unha segunda oportunidade no campionato de España
Escolar que terá lugar en Asturias a mediados de abril.