venres, 4 de xullo de 2025

EQUIPOS AMERICANOS ADESTRANDO EN VILALBA

 Esta semana atópanse adestrando en Vilalba parte da selección nacional Sub23 de Panamá e a actual sensación da loita americana, o arxentino Agustín Destribats.

A Vilalba xa teñen vido a adestrar con Josè Cuba figuras da loita mundial, como o  cubano campión mundial e bronce olímpico Alexis Rodríguez, o campión da Copa do Mundo Sergey Priadun ou varios rusos da rexión de Osetia, pero agora o noso club està no punto de mira dos principais equipos americanos que queren complementar a súa formación en Daguestán (Rusia). 

Da man de Catriel Pehuèn, afincado en Vilalba e que ten unha empresa de turismo de Alto Rendemento Deportivo que organiza concentracións deportivas na meca da loita mundial (Daguestán), os equipos nacionais do continente americano ven en Vilalba unha boa alternativa para facer escalas tècnicas nas que facer probas de valoración física ou correccións tècnico-tácticas antes de viaxar a terras rusas ou a competicións internacionais en Europa.

A declaración de NADE pola Secretaría Xeral para o Deporte facilita os medios persoais e tècnicos para atender deportistas de Alto Rendemento dun xeito máis individualizado o que  facilita que equipos americanos queran aproveitar para testearse ou facer sesións tècnicas. Esto beneficia directamente aos e ás nosas deportistas que teñen a oportunidade de adestrar e loitar con deportistas de nivel internacional, algo que ate agora so estaba ao alcance dos centros oficiais de alto rendemento e tecnificación deportiva ou os clubs con máis medios.

Nesta ocasión os nosos e as nosas deportistas  puideron adestrar  coa panameña Yusneiry Agrazal, 3 veces medallista dos Panamericanos, a súa compañeira Jeanice Mejía, bronce dos Xogos Bolivarianos, e os tamèn panameños Royglem Temple, bronce nos panamericanos e Wilfrido Samaniego 4º posto nos Panamericanos. A expedición, dirixida por Catriel, a pecha o arxentino Agustín Destribats, bronce mundial, Campión Panamericano e Olímpico en Tokio 2024.

Equipos do outro lado do Atlántico e tamèn algúns tècnicos rusos xa amosaron interese por vir adestrar a Vilalba polo que a mellora da instalación de adestramento acorde ás necesidades dun NADE serà un obxectivo prioritario no futuro inmediato.

domingo, 15 de xuño de 2025

20 VECES CAMPIÓN DE ESPAÑA SENIOR

Esta fin de semana tivo lugar en Barcelona o Campionato de España Sénior de loitas olímpicas onde se reuniron as e os mellores deportistas do Estado nesta disciplina.

Coa selección galega viaxaron 3 dos nosos deportistas e os 3 conseguiron subir ao podio da máxima categoría. Cabe destacar ao incombustible José Cuba que co seu Ouro suma o  vixésimo título de Campión de España afianzando o seu reinado nos pesos pesados. Ningún loitador español achégase a esta cifra e terán que pasar anos para desbancar o récord do loitador vilalbés.

Cuba, alzouse co ouro tras colocarse primeiro de grupo vencendo  Alexandre Loghin (Navarra), Alexandru Toth Toth (Andalucía) e Abrham Coby (Madrid). Logo na seminifal venceu a Razhik Mayilyan (Cataluña) e na final ao madrileño Carlos Acebrón.

En Barcelona tamén contamos coa representación dos loitadores vilalbeses Kevin Cuba e Catriel Pehuén.

Catriel, que participou nos pesos pesados na modalidade de Grecorromana, acadou a prata vencendo a Samauel Granchau (Cataluña) e Lucas Castán (Valencia) non podendo loitar a final ante o andaluz Ernesto Pacheco por unha lesión de xeonllo. O loitador arxentino, é varias veces medallista nos campionatos panamericanos e configúrase como un dos nosos principais competidores para as próximas tempadas.

O terceiro vilalbés en Barcelona foi Kevin Cuba, que con 18 anos recén cumpridos estreouse nun campionato de España sénior acadando un meritorio bronce en libre olímpica menos de 97 kg. Kevin perdeu en primeira rolda ante o navarro Aimar Alzón, que á postre foi o campión dándolle a posibilidade ao vilalbés de entrar na repesca polo bronce. O noso deportista aproveitou a oportunidade e venceu na loita polo bronce ao madrileño Gonzálo Guijarro.

Todos os nosos deportistas adestran no noso club, polo que estamos moi orgullosos destes resultados que demostran que dende un pequeno club podemos manter o nivel competitivo dos grandes clubs e os centros de alto rendemento e tecnificación nos que adestran a maioría dos e das deportistas que suben ao podio nos Campionatos de España. Esto non sería posible sen os medios e axuda que supón o recoñecemento como NADE por parte da Secretaría Xeral para o Deporte e as axudas específicas para a Alta Competición do noso Concello  e a Deputación de Lugo.

domingo, 25 de maio de 2025

3º POSTO NA LIGA DE DEPORTE BASE DE LOITA

Esta fin de semana tivo lugar a fase final da Liga de Deporte Base no concello da Estrada e no que a nosa escola rematou en 3º lugar despois de catro tempadas consecutivas acadando o primeiro posto.

Nesta xornada acudimos con 30 nenas e nenos para disputar a final A na que nos enfrontabamos as 6 mellores escolas clasificadas nas xornadas norte e sur.

O primeiro clasificado foi o Keltoi de Vila de Cruces seguido do San Ignacio de Vigo en segunda posición.

Esta actividade ten un carácter lúdico na que as máis novas e os máis novos tentan demostrar o aprendido e, segundo os datos da federación, este ano houbo novas escolas que xuntaron a máis de 200 nenos nesta xornada final.


domingo, 11 de maio de 2025

CAMPIONATO DE ESPAÑA U13

Esta fin de semana participamos nos Campionatos de España U13 que se celebraron na localidade madrileña de Tres Cantos cunha representación de 5 deportistas vilalbeses.

Os mellores clasificados foron Noela González cun bronce e Bruno Pintos (Club de Loita Lugo) cunha prata. Alonso Maceira, Sara Martínez e Alejandra Valle remataron no 7º posto nas súas respectivas categorías.

Esta foi a primeira participación nuns campionatos de España para a maioría dos e das participantes e supuxo toda unha experiencia para todos e todas. 

A selección galega obtivo o primeiro posto por seleccións dando mostra do futuro do noso deporte.

Varios destes e destas deportistas participarán a semana que ven no Torneo Villa de Gijón e finais de maio na Xornada Final de Deporte Base rematando unha frenética final de tempada chea de eventos para os e as loitadoras vilalbesas.

luns, 28 de abril de 2025

KEVIN CUBA ACADA DÚAS MEDALLAS NO TORNEO INTERNACIONAL DE JÓVENES PROMESAS

Esta fin de semana tivo lugar o Torneo Internacional de Jóvenes Promesas no que se congregan deportistas de varios países para competir en diferentes categorías de idade.

O evento tivo lugar en La Nucia (Alicante) e congregou a centos de deportistas de 17 países de Europa, Asía e América.

O sábado tivo lugar a categoría U23 na que o vilalbés Kevin Cuba acadou o bronce por detrás do representante de Canadá (1º) e de Aimar Alzón, actual do actual Campión de España da categoría e que acadou a prata.

O domingo Kevin competiu en U20 obtendo a prata tras perder a final ante o representante de Turkmenistán.

O vilalbés permanecerá en Murcia adestrando nunha concentración internacional na que participarán deportistas de 8 países.